PROJETO BORRELHO 2012 - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

PROJETO BORRELHO 2012

COLABORA > ENVIO DATOS FAUNA-FLORA > PROXECTOS > PROJETO BORRELHO > PROXECTO BORRELHO 2011-2012
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Actualización: xuño, 2013
PUBLICADO O INFORME CORRESPONDENTE Á CAMPAÑA 2012

    O informe, que consta de 47 páxinas, está redactado por Noé Ferreira, membro de ANABAM, que foi a persoa encargada de levar a cabo o "Projecto Borrelho"  desenvolvido o pasado ano 2012 nas praias do norte de Portugal, dende a Foz (Caminha) ata a praia do Forte, en Paçô, aproximadamente, 15 quilómetros de costa.
    Este informe, profusamente ilustrado con fotografías e gráficos, da conta de aspectos tan variados como o procedemento empregado, número de niños protexidos, polos voandeiros, horas empregadas, ornamentación de niños, relacións interespecíficas e intraespecíficas, comportamento dos usuarios da praia, etc., etc.
   É este o primeiro informe que se realiza no norte portugués relacionado co borrelho-de-coleira-interrumpida.
   Neste ano estase a levar a cabo unha nova campaña, polo que esperamos que os datos que se vaian recollendo sirvan para continuar coñecendo máis polo miúdo a unha das especies máis escasas no NW peninsular.
  Para ir ao informe premer no seguinte enlace:




Texto e fotos: Noé Ferreira Rodríguez
Actualización: Setembro, 2012
RESULTADOS DO PROJETO BORRELHO 2012

    Un ano máis rematou o "Projecto Borrelho" nas praias portuguesas. A derradeira visita fíxose o día 7 de Agosto cando xa só quedaba un polo no Camarido, dando así por rematado o labor que me fora encomendada para tratar de que o máximo número de polos completaran o ciclo coas medidas de protección, seguimento e información levadas a cabo. Finalmente e por un mal fin de tempada onde se esperaba superar o 40% de supervivencia, a afluencia de xente, moitas destas persoas con cans (ata 5 nunha hora pasando por diante dun niño) fixeron que dos derradeiros catro niños que quedaban tan só un polo rematara o desenrolo, desaparecendo 10 polos nada máis nacer. Foi precisamente neste periodo, nos 10 primeiros días de vida, onde se produciu a máxima mortandade, nin máis nin menos que o 46% do polos desapareceron neste periodo. A falta de revisar tódolos datos, que son muitos, podemos sinalar a dous principais culpables desta desfeita: cans e máquina de limpeza.

   O dato final de supervivenciade (polos que conseguiron voar) é dun 36% se contabilizamos o número total de ovos e dun 46% se nos limitamos aos polo nados. A continuación vai unha pequena táboa resumo por praia, onde "polos" se refire a aqueles que superaron os 10 días de vida e, "volantóns" os que superaron os 20 días e completaron o ciclo.
Persoalmente considero este resultado como moi bo, xa que son 44 novas píllaras en 18 km de praia que, de non levar a cabo o proxecto dificilmente conseguirían chegar a adultos. Como se dixo anteriormente, a falta de revisar tódalas anotacións, coido que se se eliminara das praias a limpeza mecánica e se prohibira o acceso dos cans este 36% superaría doadamente o 50%.


   Agora os obxetivos, unha vez procesados tódolos datos obtidos, son: en primeiro lugar elaborar un informe detallado por praia onde figuren datos como situación dos niños, aptitude das praias para albergar niños de píllara, zonas onde están as maiores concentracións, principais ameazas en cada areal, etc. Este informe podería ter dúas saídas, unha dar a coñecer aos responsables municipais a situación da especie nas praias de cada municipio e as medidas que deberían adoptar se queren seguir contando con esta especie e, por outra banda, a elaboración dun manual de protección da píllara onde volcar e por a disposición de toda persoa interesada a experiencia obtida nestes anos. Para rematar, gran parte dos datos recollidos refírense ao impacto que producen os usuarios sobre os niños e os polos, sobre o tempo que permanecen os pais incubando, segundo a frecuencia de paso deses usuarios pola praia e actitude que mostran os polos nas diferentes praias, diferenciándose polos "arenícolas" e "dunícolas" (refírese a polos que pasan a meirande parte do tempo na praia alimentándose, máis abundancia de alimento pero tamén máis expostos aos depredadores e a actividade humana, e os que pasan todo o tempo na duna onde as probabilidades de supervivencia son maiores pero a disponibilidade de alimento menor).
Texto e fotos: Noé Ferreira Rodríguez
Actualización: Xuño, 2012

IMOS INVERTIR 4.100 EUROS NA
PROTECCIÓN, SEGUIMENTO  E INVESTIGACIÓN
DA NIDIFICACIÓN DA PÍLLARA PAPUDA
(PROJECTO BORRELHO) NAS PRAIAS DO NORTE PORTUGUÉS

    Gracias ao apoio económico da Weeden Foundation e de TEAM MINHO, ANABAM disporá dun presuposto de 4.100 euros para protexer e levar a cabo un estudo da píllara papuda nas sete praias portuguesas onde esta asociación está a actuar: Foz; Moledo; Vilapraia; Gelfa; Afife; Arda e Paçô, nun tramo duns 18 quilómetros da costa norte do veciño país.
    Este é, como xa informamos na anterior actualización, o segundo ano que ANABAM traballa nas praias portuguesas nun proxecto de protección dunha das aves que ten máis complicada a súa reproducción no noroeste peninsular, e tamén no resto das áreas onde se reproduce, debido, fundamentalmente, á que os lugares de reprodución son os propios areais da praia, xustamente na época en que estes son máis utilizados polos usuarios, tanto para o baño como para outras actividades.

  Do presuposto citado anteriormente, a Weeden Foundation aporta o 60,5%; TEAM MINHO 14,5% e o resto, un 25 %, é aportado por ANABAM, cartos que saen da cuota dos socios, visitas guiadas, etc.
    Ata o momento de redactar estas liñas, son 20 o número de niños rexistrados. Ata o de agora foron protexidos 16 niños, outros 3 estimouse que non precisaban medidas de protección por estar en zona que non é de uso habitual por parte das persoas que frecuentan a praia (por exemplo, por estar enriba dunha duna ou na pendiente da mesma)  e nun caso o niño no fora rexistrado con anterioridade, por estar nunha zona pouco frecuentada e, polo tanto, non ver necesario achegarmos a ela, dedicando os esforzos a outras áreas con máis necesidades a priori.
   Desgrazadamente, nun dos niños que non consideramos necesario a instalación de gaiolas foi presa, presumiblemente, dos corvos, xa que a poucos centímetros de onde estaba a posta observamos pegadas dos mesmos. Polo que teremos que reconsiderar o de non protexer certos niños.

     Tamén, no momento de redactar estas liñas, xa se produciu, o nacemento en  6 das postas protexidas, cun total de 16 polos (nunha das gaiolas faltou un ovo, non sabemos cal puido sela causa, e outro ovo estaba sen eclosionar). Observáronse 3 polos máis dun dos niños que non estaban protexidos e 3 dos que non se rexistrara con anterioridade o niño. En total, foron rexistrados 22 polos. Quedan aínda por eclosionar 11 niños. De non producirse ningunha incidencia nos mesmos o número de polos aumentaría en 33 exemplares.

Foto superior: Polo dun día na praia de Paçô

Foto central: Ovos no interior dunha das gaiolas de protección.

Foto inferior: Noé Ferreira, membro de ANABAM, encárgase de facer un seguimento diario do Projecto Borrelho nas praias do outro lado do Miño, ademais de colocar medidas de protección, recolle información relacionada coas píllaras.
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
Actualización: Maio, 2012
UNHA NOVA TEMPADA DE PROTECCIÓN DO BORRELHO
NAS PRAIAS DO NORTE PORTUGUÉS

    Novamente, por segundo ano consecutivo, desenvolvemos nas veciñas praias do norte portugués, nun tramo de 18 quilómetros, dende a desembocadura do Miño ata a praia de Paçô, Carreço, o Proxecto Borrelho. Contamos coa colaboración das Cámara Municipais de Caminha e Viana, así como coas Capitanías dos portos de Caminha e Viana e da Policía Marítima dAs mesmas. Ademais de voluntariado do grupo Nuceartes de Âncora.

    Demos inicio a esta segunda campaña o 5 de maio, previamente, o día 3, o presidente de ANABAM mantivera unha xuntanza co vereador de Medio Ambiente e Vicepresidente da Cámara Municipal de Caminha, Flamiano Martíns, ao que acompañaba o xefe do persoal, Paulo Marinho. Tamén procedemos a enviar información desta segunda campaña, á vez que solicitamos permiso para desenvolver o proxecto, ás autoridades de Marinha e C.M. de Viana.

    O Projecto Borrelho desenvólvese dende o 5 de maio ata o 15 de agosto, se ben a actuación na praia, no que respecta á colocación de elementos de protección, rematará o 31 de xullo.

    A Policía Marítima está a colaborar directamente no proxecto a través da vixianza dos niños e da colocación da cinta protectora.

    Aínda que a campaña debería terse iniciado a mediados do mes de abril, grazas ás condicións meteorolóxicas reinantes nese mes, non fixo falla que comezásemos co proxecto pois non había serio perigo de que as postas que houbera sufriran algún percance. Así que decidimos esperar a que mellorasen ditas condicións porque, entón si, a afluencia de persoas e actividades nas praias onde actuamos si porían en perigo ditas postas, ben por  pisoteo ou ben por utilización de máquinas de limpar o areal.

    Son moitos os usuarios da praia, como sucede con estes pescadores que están atentos ás explicacións que da un voluntario de ANABAM, logo de lle preguntar o motivo da protección. Grazas a este proxecto, e á divulgación do mesmo, que permite ver in situ os labores de protección e mesmo á especie que se está a protexer, vai en aumento a conciencia da necesidade de preservar á fauna, e vai crecendo tamén a sensibilidade cara a estes temas de conservación da natureza.
RESUMO DE COMO VAI O PROXECTO DENDE O
5 DE MAIO (inicio) ATA O 20 DE MAIO
Regreso al contenido