OPOSICIÓN BATIDA AO XABARIL - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

OPOSICIÓN BATIDA AO XABARIL

AMEAZAS AMBIENTAIS
ANABAM CONTRA AS BATIDAS DE XABARIL NO MONTE TREGA
XUNTA DE GALICIA
 
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
 
Servicio Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra
 
 
          Agustín Ferreira Lorenzo, en calidade de Presidente da Asociación Naturalista “Baixo Miño” e en nome e representación da mesma, entidade legalmente constituída e con enderezo a efecto de notificación o que figura máis arriba, ten a ben dirixirse a esa entidade para
 
 
EXPOÑER
 
 
Que diante das imaxes de xabarís no núcleo urbano de A Guarda, difundidas hai uns días a través das redes sociais,  non son un caso excepcional e sucédense con certa periodicidade pola proximidade do núcleo urbano ao Monte Trega e á Serra da Groba así como á proximidade do espazo da Rede Natura 2000 ES0000375 Esteiro do Miño. Primavera e outono son as épocas de maior interacción da especie cos núcleos urbanos. Deste xeito, a nivel local viralizánronse, como xa deixamos ver, vídeos a través das redes sociais de xabarís visitando o centro urbano de A Guarda en outono (p. exem. setembro, 2018) e primavera (p. exem. maio de 2022). Estes últimos rexistros (maio de 2022) realizáronse durante as fins de semana chegando a un maior número de xente e creando alarma social. Isto motivou que se incrementara a presenza de cazadores no Monte Trega e, ata onde temos coñecemento, parece estar plantexándose a posibilidade de solicitar a realización de batidas neste espazo por parte da Sociedade de Caza da Rosaleira así como da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda.
 
 
ANTECEDENTES
 
 
Dende o ano 2014 a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) ven traballando coa técnica de fototrampeo no seguimento das poboación de mesocarívoros e ungulados no Baixo Miño, incluíndo a de xabaril. Dende o ano 2020 prestouse especial atención ao Monte Trega, desenvolvendo un estudo piloto para o seguimento da especie o que permitiu obter datos preliminares sobre o número de exemplares e a súa distribución, así como as rutas que utilizan os animais con maior frecuencia para acceder ao núcleo urbano na procura de alimento. Realízase así mesmo un rexistro dos testemuños de encontros por parte da poboación de A Guarda coa especie. Estes datos preliminares permitiron localizar ás piaras formadas principalmente por femias adultas e xuvenís e a presenza de machos solitarios ou acompañados dun “escudeiro”. Este último caso (macho e “escudeiro”) correspondería aos animais aparecidos nos vídeos difundidos a través das redes sociais nas últimas semanas.
 
Non existe a priori fundamento científico que permita referirse a unha superpoboación de animais no Monte Trega nin, ata onde temos coñecemento, rexistro de danos que xustifiquen a realización de batidas. Neste senso, para referirse á superpoboación dunha determinada especie é preciso ter en conta non só cantos animais hai nun determinado espazo, senón a capacidade de carga deste espazo en función de parámetros como a dispoñibilidade de hábitat, alimento e a interacción intra- e interespecífica.
 
A pesar de non ter datos sobre o número de animais no Monte Trega, nos últimos anos véñense realizando con maior ou menor periodicidade batidas. As evidencias científicas, sen embargo, indican que a caza (i.e control letal) non é efectiva para o control da especie a longo prazo. Por unha banda, os grupos familiares son de xeito natural estables pero a caza desestabiliza os grupos, provocando que as femias xoves que non procreaban no grupo familiar entren en celo resultando nun aumento descontrolado da poboación (Toïgo et al., 2008). Así mesmo, os grupos familiares son estables xeograficamente pero as batidas provocan a dispersión dos grupos obrigándoos a buscar novos territorios (Bieber e Ruf, 2005). Tense suxerido así mesmo un incremento dos accidentes de tráfico vencellados á caza polo aumento no movemento de exemplares e, o control letal favorece amais a creación de nichos baleiros que son ocupados por novos individuos nun espazo máis ou menos curto de tempo.

En xeral, como alternativa á realización de batidas en espazos onde a caza non está permitida (como o Monte Trega) ou espazos urbanos, séguense dous tipos de estratexia para o control ético das poboacións de xabaril: 1) redución dos puntos de alimentación e aumento na dificultade de acceso ás zonas urbanas e/ou 2) control directo sobre os individuos. Temos exemplos deste tipo de xestión con animais no Parque Natural de Collserola ou, máis recentemente as autorizacións para captura e eutanasia no Concello de Ferrol. Pero estas estratexias precisan previamente do coñecemento do tamaño da poboación para determinar cantos individuos é necesario extraer e/ou identificar individuos conflitivos (i.e., animais acostumados a visitar o núcleo urbano na procura de refuxio e/ou alimento).
 
Imaxe "La Botica" (A Guarda)

Por todo o exposto e en base á información dispoñible ata o momento sobre a especie no Monte Trega e ás alternativas de xestión da especie.
 
 
SOLICITO
  
Que dada a sensibilidade do Monte Trega como un espazo eminentemente turístico próximo ao núcleo urbano de A Guarda onde o exercicio da caza non está permitido, se deseñe un plan integral de xestión da especie a longo prazo onde prevaleza a implantación de métodos non letais ou, sempre que existan datos que xustifiquen a eliminación de exemplares en base a criterios científicos, estes se realicen minimizando o sufrimento dos animais (i.e. captura e eutanasia). Deste xeito proponse que dende o organismo responsable se proceda a:
 
Denegar calquera actuación de control letal da especie no Monte Trega ata que existan datos sobre o número de animais e capacidade de carga do espazo.
 
Deseño e implantación dun plan de seguimento da especie no Monte Trega que permita determinar os parámetros e as tendencias das poboacións.
 
A impermeabilización das vías de acceso ao núcleo urbano para reducir a interacción coas persoas, incluído o tráfico rodado.
 
Permeabilización de estruturas permitindo o movemento dos animais cara zonas onde exista un menor risco de interacción (p.exem. Rede Natura 2000).
 
A identificación e captura de individuos conflitivos propiciando o seu traslado a zonas nas que non representen un risco para as persoas ou, en último caso, o seu sacrifico mediante eutanasia.
 
Implantación de técnicas de control ético da poboación se os datos resultantes do seguimento suxiren un crecemento por enriba da capacidade de carga do espazo.
 
 
 
 
REFERENCIAS
 
Bieber, C., &Ruf, T. (2005). Population dynamic sin wild boar Suss crofa: ecology, elastic ity of growth rate and implications for the management of pulsed resource consumers. Journal of Applied Ecology, 42(6), 1203-1213.
 
Toïgo, C., Servanty, S., Gaillard, J. M., Brandt, S., & Baubet, E. (2008). Disentangling natural from hunting mortality in an intensive ly hunted wild boar population. The Journal of Wildlife Management, 72(7), 1532-1539.
 
 
 
A Guarda a 18 de maio de 2022
 
 
Regreso al contenido