PROXECTO TRANSEURY
BIODIVERSIDADE > PROTECCIÓN, CONSERVACIÓN E REINTRODUCIÓN DE ESPECIES NO BAIXO MIÑO
SOLICITAMOS PERMISO Á XUNTA DE GALICIA PARA
POÑER EN MARCHA O PROXECTO TransEury
Actualizada o 10-02-2015
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam
Hai unhas semanas enviamos escrito á Xunta de Galicia solicitando permiso para poñer en marcha o PROXECTO Transeury, siglas de translocación de Eurynebrias, o insecto que desapareceu da praia de Camposancos no ano 2009 e que agora tratamos de reintroducir a partir de exemplares procedentes doutras praias.
Tralo seguimento levado a cabo nestes últimos cinco anos, 2009-2014, e comprobar que nin un só exemplar foi atopado na mencionada praia, chega o momento de desenvolver este proxecto para tratar de que o areal de Camposancos volva contar cunha especie que a intervención humana fixo que desaparecera. Pero non é só o de recuperar unha especie para un espazo onde antes existía, senón de poñer en marcha un proxecto piloto para que outras praias sigan polo mesmo camiño e conseguir que un dos insectos máis ameazados (e paradoxicamenete non contemplados en ningún listado de especies protexidas) non acaben por desaparecer das nosas praias.
A continuación destas liñas expoñemos en síntese no que consiste o Proxecto Transeury.
Eurynebria complanata é un insecto da orde Coleóptera e da familia Carabidae que ten o seu hábitat exclusivamente nalgúns dos areais europeos (Inglaterra, Francia, Portugal, España e Italia) e norte de África. Noutros tempos debeu ser especie abondosa en moitas praias pero nas últimas décadas o seu número está acusando un notable descenso ata tal punto que xa ten desaparecido de moitas das praias onde había rexistros.
As causas fundamentais desta diminución son antrópicas, motivadas por varios aspectos: limpeza mecánica do areal; uso do mesmo, cada vez máis intenso e duradeiro no tempo (ao longo do case que todo o ano); a súa transformación con infraestructuras permanentes ou temporais; práctica de actividades varias como deportes na area; a limpeza manual que tamén lle afecta cando se retiran os posibles acubillos da especie (troncos, táboas); etc
En moitas praias europeas xa se puxo de manifesto a desaparición da especie. É posible que en España, tamén desaparecera de moitos areais. Galicia non escapa a este fenómeno. Grazas ao seguimento levado a cabo por ANABAM dende finais da década dos noventa, púdose constatar a desaparición de Eurynebria da praia de Camposancos. Os últimos exemplares observados datan do mes de maio do ano 2009, dende entón, e xa imos camiño de seis anos, non se volveu observar ningún exemplar na mesma, o que concorda coas nosas previsións e coa regresión da especie que se está a dar dende hai décadas en tódolos areais.
Polo sinalado anteriormente, a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) pretende poñer en marcha o denominado PROXECTO TRANSEURY (translocación de exemplares de Eurynebria) que ten por obxecto recuperar a antiga poboación de Eurynebria na praia de Camposancos.
EN QUE CONSISTE O PROXECTO
O PTE, consiste en desenvolver, inicialmente durante dous anos (que se é necesario se ampliaría un ano máis), un proxecto de translocación de exemplares de Eurynebria complanata á praia de Camposancos (A Guarda) na marxe dereita da desembocadura do Miño
Trasladaremos entre 10 e 15 individuos por ano (machos e femias), durante dous(tres) anos, procedentes de praias portuguesas e/ou galegas nos que a especie teña suficientes exemplares, para tratar de recuperar a especie na praia de Camposancos, facendo un continuado seguimento durante o tempo que dure o proxecto e, mesmo, a posteriori.
QUEN DESENVOLVE O PROXECTO
Será a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), sendo o responsable e coordinador do mesmo Agustín Ferreira Lorenzo, persoa que veo estudando a este insecto dende finais da década dos noventa do século pasado, na praia de Camposancos e nas praias doutra beira do Miño, contando ademais, coa colaboración doutros membros da devandita asociación que forman o grupo de traballo de ANABAM.
POSTA EN MARCHA DO PROXECTO
Dado que o principal período de actividade deste insecto dáse dende xaneiro ata xuño e dende outubro ata decembro, preténdese poñelo en marcha neste primeiro trimestre do ano 2015. Os exemplares capturados nas praias onde a súa presenza sexa notoria, como se dixo entre 10 e 15 individuos/ano, serían trasladados á maior brevidade posible á praia de Camposancos, co fin de minimizar o strees da captura e unha rápida adaptación ao novo lugar. Inicialmente a translocación se faría a un dos dous tramos onde a especie estaba presente normalmente, ónde se detectaban a maior cantidade de individuos. Estas zonas sería ben a praia do Puntal, no extremo sur da praia de Camposancos, ou ben na praia da Lamiña, situada máis ao centro. Unha vez liberados os exemplares, se fará un continuo seguimento da zona para tomar cantos datos estimemos precisos e ver se a translocación da resultados positivos. De ser así, o que significaría que se reproduce con naturalidade, o seguimento continuaría para estudar se, a partir desa praia os individuos novos (ou os liberados) avanzan polo areal colonizando novos tramos da praia de Camposancos. Cada individuo será previamente fotografado co obxecto de identificalos, se tomarán datos do mesmo quedando rexistrados nun fichero.
MOTIVO QUE NOS IMPULSA A POÑER EN PRÁCTICA O PROXECTO
Co PTE (Proxecto TransEury) pretendemos recuperar a poboación deste escaravello que desapareceu do citado enclave, tal e como xa se di máis arriba, no ano 2009, debido principalmente aos labores de limpeza mecánica levados a cabo nesta praia dende finais dos anos noventa ata o ano 2005, quedando a poboación tan mermada que non deu recuperada. Ademais, as limpezas manuais posteriores, eliminando os lugares de acubillo e as riadas habidas na primeira década deste milenio, contribuíron decisivamente á eliminación dos escasos exemplares que aínda quedaban.
QUE É A TRANSLOCACIÓN DE ESPECIES?
A translocación é un dos métodos que teñen por obxecto a conservación da visa silvestre. Consiste na captura, transporte e liberación de especies dun lugar, onde son recollidas, a outro, onde se queren reintroducir ou, mesmo, aumentar a poboación das existentes. Segundo os estudos feitos en diferentes países, se constata que a translocación é unha estratexia eficaz no campo da conservación. Isto é debido a que diminúe o risco de extinción aumentando o número de exemplares dunha posoación crítica, establece novas poboacións e mellora o nivel de biodiversidade dun ecosistema.