SERRA DA GROBA: O FOXO DO LOBO
PATRIMONIO
Foto: Profimedia Images
Noé Ferreira Rodríguez
20/01/2015
Muro norte do Foxo Pedriño, na Boca da Groba (Oia), e pista que cruza na confluencia dos muros onde se atoparía o foxo. O Foxo Pedriño, é testemuño en pedra da presenza do lobo (Canis lupus signatus) na comarca do Baixo Miño.
Fotografía: Noé Ferreira-Rodríguez-anabam
Os muros superan no seu conxunto o quilómetro de lonxitude, e a súa altura podería sobrepasar os dous metros.
Na figura da dereita, imaxe aérea do Foxo Pedriño na Boca da Groba (liña punteada vermella).
Imaxe modificada de Google Earth.
Ademais do seu estado ruinoso, o foxo da Groba, na actualidade, atópase parcialmente destruído pola construción dunha pista que o cruza na confluencia dos seus muros, onde estaría o propio foxo destinado a caída do lobo para logo ser “axusticiado”.
Restos dos muros dos puxeiros onde se gardaba o gando na Serra da Groba.
Fotografía: Noé Ferreira-Rodríguez-anabam
Entre os anos 1953 e 1973 o lobo, raposo, xeneta, lontras ou aves rapaces eran denominadas “alimañas” e como tales a súa caza era promovida e subvencionada pola administración do réxime franquista, outorgando un valor a cada unha das pezas cobradas polo ben da caza menor e os currais.
Estas foron estas terras lobeiras ata non hai moitos anos, e proba disto son os traballos de Xilberte Manso (Instituto de Estudios Miñoranos), quen recolleu valiosas imaxes e testemuños onde se sinala a presenza da especie ata mediados dos anos 70, documentando a execución de batidas en zonas como o Niño do Corvo no Rosal e A Portela e Oia.
A toponimia da zona reflicte a presenza da especie na comarca, deste xeito podemos atopar lugares como Coba do Lobo (515645X-4646485Y) na confluencia dos concellos de Oia, O Rosal e Tomiño.
As derradeiras testemuñas recollidas entre as xentes da Groba por ANABAM recordan como arredor do ano 1980 deuse caza ao que podería ser o último lobo da zona. Posiblemente un exemplar divagante chegado no seu campeo dende as manadas próximas e que aínda hoxe se manteñen por terras do Suído.
Pero a partir da década dos 90 a posibilidade de que exemplares cheguen dende as últimas terras lobeiras da zona practicamente desaparecen coa entrada en funcionamento a Autovía do Atlántico entre os anos 1992 e 1993, que une Tui con Vigo. A construción desta vía supuxo o parcial illamento da rexión suroeste de Galicia, quedando as comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño incomunicadas naturalmente pola cidade de Vigo ao norte, a Autovía do Atlántico ao leste e o Río Miño ao sur.
A convivencia co lobo segue sendo a día de hoxe un exemplo da irracionalidade humana e somos incapaces de protexer este elemento chave nos ecosistemas, xa que entre outras “funcións”, controlan ás poboacións das que son as súas presas evitando superpoboacións e eliminan individuos enfermos controlando a transmisión de enfermidades. E, mentres no veciño Portugal a especie está totalmente protexida, as novas de matanzas no territorio peninsular sucédense nos medios de comunicación.
Figura 4. Estrutura orixinal que tería o Foxo Pedriño antes da
construción da pista que o cruza na confluencia dos seus muros.
O lobo non foi nin é a única vítima da actividade cinexética legal ou ilegal e especies como o raposo ou os teixugos seguen baixo o punto de mira das batidas.
O raposo (Vulpes vulpes) según a Lei de Caza, está considerado como peza de caza menor no período que vai do 17 de agosto ata o 18 de outubro (2014) e do 7 de xaneiro ata o 8 de febreiro (2015).
Os teixugos (Meles meles) pola contra, continúan sendo vítimas do “control de depredadores” e peza de caza ilegal con fins gastronómicos en concellos como Oia e O Rosal a pesar de non tratarse dunha especie cinexética (polo tanto prohibida a súa caza) e estar protexida polo Convenio de Berna sobre a conservación do medio natural e a vida silvestre en Europa.
O uso ilegal de lazos e trampas segue sendo habitual nos montes da comarca e proba disto son os artefactos localizados durante as saídas de campo de ANABAM
Figura 5. Lazo e trampa localizados en Guillarei (Tui) no
ano 2010 por membros de ANABAM. Fonte da imaxe:
www.anabam.org
Fontes:
http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2014/11/07/caza-ultimos-lobos-groba/1127494.html
http://www.ecologistasenaccion.org/article20006.html