"Tarentola mauritanica" - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

"Tarentola mauritanica"

BIODIVERSIDADE > FAUNA > RÉPTILES
Fotografía: Agustín Ferreira Lorenzo
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Corrección: Manuel A. Pombal Diego
Actualización: 18/III/2020
    
    Trátase da última incorporación á fauna reptiliana do Baixo Miño. No ano 2001, era localizada en Tui dende (Estanislao Fernández de la Cigoña), máis recentemente, a compañeira en ANABAM, Silvia Salgueiriño, realiza observacións no centro e na fronteira tudense. No centro da Guarda recollemos un exemplar no mes de maio do ano 2011, e outro no mes de outubro do 2019, porén, anos atrás, polo menos dende o 2005, xa tiñamos información da presenza da ladra pola zona. Temos referencias de observacións realizadas por veciños (José Luis Morais; Manuel Ángel) sempre no entorno da mesma área onde a tiñamos localizado, polo que, cos datos recompilados ata o de agora, podemos afirmar que esta especie está presente na Guarda polo menos dende os primeiros anos deste século XXI, no obstante, a mediados da década dos noventa do século pasado, recolliamos un exemplar dun supermercado da Guarda que fora atopado no medio dos plátanos. No ano 2001, recolliamos dous exemplares (Carlos Villanueva), un adulto, morto, e outro máis novo, nun aserradoiro de Goián, Tomiño, (Carlos Villanueva). En tódolos casos as citas sempre foron próximas a vivendas. E as últimas citas recollidas na bisbarra proceden de Mougás (Oia), corresponden ás observacións realizadas por Eduardo Correa (11 de marzo 2020).


Fotografía: Agustín Ferreira Lorenzo
Fotografía: Agustín Ferreira Lorenzo
         Fotografía superior: obsérvese o mimetismo da ladra co entorno. Cando está parada, resulta certamente difícil de decatarse da súa presenza.










    Mapa de distribución da ladra no Baixo Miño, datos recollidos dende o ano 2001. Tui foi a primeira localidade onde foi observada. A Guarda e Goián despois. Mougás é a cuarta localidade ata agora.

       Os primeiros exemplares puideron vir coa importación de plátanos, pois a finais da década dos noventa do século pasado, o propietario dun supermercado da Guarda entregábanos un exemplar que recollera nunha partida de plátanos procedente de Canarias. O exemplar, que se vía moi mermado fisicamente, morrería ao día seguinte.
Imaxe 1
Imaxe 2
Imaxe 3
Imaxe 4

     Nas imaxes, distribución da ladra nas diferentes localidades do Baixo Miño onde foron observados exemplares. Imaxe 1: A Guarda. Imaxe 2:Tui. Imaxe 3: Mougás (Oia).  Imaxe 4: Goián (Tomiño).

      Se alguén coñece outras localidades da bisbarra baixomiñota, ou observa exemplares desta especie, agradecemos nolo comuniquen a través do correo electrónico (anabam.anabam@gmail.com) ou do WhatsApp.

   Dous exemplares de ladra en Mougás. O da esquerda é unha femia e o da dereita un macho. O dimorfismo sexual, neste caso, está bastante claro, polo maior tamaño do macho.
Fotografía: Eduardo Correa
Notas aportadas  no Facebook en ANABAM: FAUNA DO BAIXO MIÑO
De Ze Sar (18/III/2020) Tarentola mauritanica coñecese no Baixo Miño dende hai décadas. A vía de entrada en Galicia semella ser o tren e as mercadorías. As dos plátanos serían as Tarentola canarias. Saúdos.

De Martiño Cabana Otero (11/III/2020): interesante observación dunha especie que se está a expandir por moitas zonas de Galicia, sobre todo na costa de Pontevedra. No atlas de anfibios e réptiles que estamos facendo témola ben representada en Vigo e arredores e tamén nalgunha localidade do Baixo Miño (xa me indicou Rafa os datos desta localidade, moitas grazas).
Resulta moi interesante analizar esta expansión no contexto galego, polo que se alguén ten máis observacións da especie e quere compartilas co atlas que estamos a realizar, sería un pracer contar con esa información. Só coa análise a maior escala da distribución desta especie podemos entender como está a suceder.

De Martiño Cabana Otero (11/III/2020) Por certo, o nome en galego é ladra, vernáculo rexistrado en varias zonas do val do Támega, onde probablemente é a única zona onde é autóctona, xunto coas poboacións do val do Mente.

De Agustín Ferreira Lorenzo (11/III/2020) Ata onde eu sei, admítese en galego tamén o nome de OSGA. Ao parecer, LADRA tamén é empregado para denominar ao "alacrán". Polo tanto, LADRA e OSGA, sinónimos os dous, son admitidos para denominar á Tarentola mauritanica.

De Martiño Cabana Otero (11/III/2020) Si, pero cando non se coñecía ningún vernáculo da especie en galego, tomouse do portugués, por ser o idioma irmán do galego. Ó rexistrarse o nome ladra, esa adopción queda invalidada, xa que se debe usar o termo vernáculo existente. Tamen hai algunha variante como lasca pero o mais frecuente, dentro da rareza do termo, é ladra.

De Agustín Ferreira Lorenzo (11/III/2020) Martiño Cabana Otero sen ánimo de polemizar polo nome en galego, que nin é este o lugar para elo, nin tampouco o considero máis importante, non atopei en ningún lado que en galego o nome admitido e, polo tanto, oficial, sexa LADRA. Polo que, para evitar calquer erro para nomear á tarentola, agradecería nos informases onde podemos ver que oficialmente o nome admitido é LADRA. Graciñas.

De Agustín Ferreira Lorenzo (11/III/2020) Martiño Cabana Otero efectivamente, eu non atopei na RAG referencia algunha a ningún dos dous nomes. Si, atopeino en "A Chave" (https://achave.gal/.../achave_osnomesgalegosdos_reptiles...). En calquera caso, graciñas, Martiño polos apuntes dados.

De Martiño Cabana Otero (11/III/2020) Un pracer, Agustín. Non hai ningunha referencia oficial á Tarentola mauritanica, se é que consideramos como oficial á Real Academia Galega, que sería o organismo que podería selo. Non hai referencias de osga nin de ladra.
Sen embargo, hai algunha consideración sobre o termo ladra. Taboada Chivite, nun dos seus libros (non recordo o nome do libro agora mesmo) indica o termo ladra como unha especie de lagartixa aplanada. Igualmente, o libro de Constantino García de Glosario de voces galegas de hoxe, indica na súa terceira acepción soibre ladra: "Variedad de lagarto de cabeza aplastada y poca movilidad en extremidades" (pódese ver na web de Dicionario de dicionarios).
Taboada Chivite era verinés e traballou bastante coa fala da zona e probablemente a referencia de Constantino García sexa directamente do libro de Taboada Chivite.
O termo osga usouse no libro de Anfibios e réptiles de Galicia (Galán e Fernández Arias, 1993), así como noutros libros posteriores pero sen ningún tipo de referencia galega ó termo utilizado, sendo o portugués a única referencia sobre o termo osga da que se dispón.
Algúns nomes en galego teñen erros bastante importantes, xa que moitas das especies non teñen nome común (os hérpetos case non teñen nomes comúns, á diferencia das aves e dos mamíferos). Outro exemplo importante é o da saramaganta, que se aplica á Chioglossa lusitanica, cando ben sabedes os baixomiñotas que ese vernáculo se refire á Salamandra salamandra nesa zona.
Regreso al contenido