ALEGACIÓNS PARQUE EÓLICO TOROÑA I - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

ALEGACIÓNS PARQUE EÓLICO TOROÑA I

AMEAZAS AMBIENTAIS > PARQUES EÓLICOS
ALEGACIÓNS AO PARQUE EÓLICO TOROÑA I
Actualizado o 15/01/2023
PRAZO DE PRESENTACIÓN: 23 DE XANEIRO DE 2023

Podes facelo de varios xeitos:
                                      1/ Envialo directamente ao enderezo que figura no documento.
                                      2/ Envialo a través da Sede electrónica.
                                      3/ Presentalo no portelo único do teu concello.
                                      4/ Presentalo en ANABAM, como máximo o día 21 de xaneiro, e nos
                                          presentarémolo no lugar correspondente.

TEXTO:  podes facer un "corta e pega" do documento que vai a continuación ou ben descargar o PDF e asinalo (podes asinalo electronicamente ou manualmente).

NOTA: estas alegacións están elaboradas a partir das do IEM e SOS Groba, así como das propias de ANABAM.
Texto para descargar
Texto para copiar e pegar

 
XUNTA DE GALICIA.  Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
 
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais
 
San Caetano s/n, 15781, Santiago de Compostela
 

Asunto:
 
ALEGACIÓNS á resolución do 01/12/2022 da Xefatura Territorial de Pontevedra, publicada no DOG do 12/12/2022 pola que se somete a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do PARQUE EÓLICO TOROÑA, expediente IN408A 2020/149, situado nos Concellos de Baiona, Oia, Tomiño e O Rosal.
 
 
D/Dª……………………………………………………………..con DNI………………………..
 
 
domicilio en ……………………………………………………………...CP……………………….
 
 
Concello…………………………….Provincia………………………….
 
 
EXPOÑO
 
 
1. O estudo de impacto ambiental (EsIA) presentado refírese na súa meirande parte á xeneralidades que non poden ser extrapoladas para avaliar o impacto ambiental do presente proxecto.
 
2. Falla da preceptiva publicación do anuncio de exposición a información pública do proxecto no BOE segundo o artigo 125 do RD 1955/2000.
 
3. Non consta estudio de grao de aceptación do proxecto polos concellos afectados e pola poboación.
 
4. Nin o promotor (LAN2030,SL) nin a Xunta de Galicia xustifican a declaración de interese autonómico do proxecto eólico, nin a declaración de tramitación de urxencia do proxecto, nin a declaración do proxecto como iniciativa empresarial prioritaria.
 
5. A metodoloxía seguida para a realización de campañas de campo non reflecti a realidade da fauna e flora da Serra da Groba, Serra de Argallo, Lousado e Valga.
 
6. O proxecto publicado, ademais de ocupar tres ADEs diferentes (157, 158 e 41), esténdese por fóra de ADEs, e os seus 63 Km2 afectan a 5 concellos e 18 parroquias.
 
7. Existe superposición de poligonais entre os P.E. Toroña e Torroña I compartindo estruturas básicas, polo que deben considerarse un proxecto único. É unha fragmentación fraudulenta de Parques Eólicos.
 
8. Os autores utilizan a base de datos do inventario español de especies terrestres para realizar o inventario de mamíferos presentes na área de actuación sen apoiar dita base de datos con traballos de campo e metodoloxías axeitadas para este grupo de animais. Estas carencias levan a non valorar o impacto sobre especies coma Lutra lutra, Genetta genetta, Martes foina, Meles meles, Vulpes vulpes, entre outras.
 
9. A pesar de que os autores refiren de forma reiterada á consulta da información existente (referencias citadas, consultas a bases de datos de observacións e observacións propias) o estudo de impacto ambiental presenta numerosas eivas en canto ao inventario de fauna.
 
10. Os autores do estudo de impacto din que non se encontraron especies catalogadas como ameazadas ou vulnerables. Esta falla de coñecemento e eivas na identificación de especies ameazadas cuestionan o inventario florístico e faunístico realizado e impiden medidas mitigadoras e correctoras para minimizar os impactos do proxecto; así como, a realización dun plan de vixilancia. Non se contempla o impacto sobre Streptopelia turtur, especie catalogada como vulnerable, e que utiliza a área como zona de paso. Alegan non detectar a súa presenza. O mesmo sucede coa especie Chalcides bedriagai, esgonzo ou escáncer ibérico, tamén presente na zona e catalogada, igualmente, como vulnerable. E outro tanto pódese dicir de Circus pygargus, a tartaraña cincenta.
 
11. O catálogo de flora e fauna que se presenta no estudo de impacto ambiental baséase en estimas e xuízos non apoiados en datos de campo recollidos in situ. En particular, entre os grupos de fauna para os que a información é deficitaria ou inexistente non aparecen os insectos. Polo tanto non é posible avaliar os efectos do parque eólico sobre especies presentes na zona afectada como Zerynthia rumina e catalogadas en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
 
12. Durante a fase de obra contémplase o impacto sobre a fenoloxía das aves pero omítese o impacto sobre a fenoloxía dos anfibios e as súas migracións.
 
13. Non se contempla o impacto do proxecto sobre especies como o voitre leonado Gyps fulvus, que utilizan a área de implantación como zona de paso estando, por conseguinte, expostas ao impacto por colisión.
 
14. Non se contempla o impacto do proxecto sobre a poboación de cabalo de monte Equus ferus caballus.
 
15. Non se contempla ningunha acción concreta para minimizar o impacto sobre especies cunha distribución restrinxida na área como Hyla molleri, Pelobates cultripes, Rana iberica ou Chioglosa lusitanica, catalogadas como vulnerables no CGEA e/ou no CEA.
 
16. No EsIA non se consideran significativos os ruídos dos aeroxeneradores en marcha, xa que só se valora o efecto do ruído sobre as poboacións humanas e non sobre a fauna que habita na área de implantación. Está demostrado que as alteracións sonoras son prexudiciais para a reprodución de especies catalogadas como vulnerables como é o caso de Hyla molleri. O efecto desta contaminación non se contempla nin se avalía no EsIA.
 
17. Tal como se indica no estudo, as infraestruturas do P.E. afectarían á rede hidrolóxica existente na zona. Prevese na fase de construción un incremento de sólidos en suspensión, movementos de terra e vertidos accidentais que afectarían á calidade das augas e hai 15 cruzamentos coa rede hidrográfica como consecuencia da construción de viais e zanxas. Con todo isto, non se contempla no estudo un plan de protección para este tipo de ecosistema.
 
18. O art. 59 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de Montes de Galicia prohibe o cambio de uso forestal dos terreos queimados, por 30 anos. A zona ardeu no 2013.
 
19. Non se inclúe no EsIA a avaliación de efectos sobre a ZEPA “Espazo Mariño das Rías Baixas”(ES0000499) nin sobre a ZEC da Ramallosa (ES1140003).
 
20. Deficiente avaliación sobre os efectos dos campos electromagnéticos de baixa frecuencia
 
21. Medidas correctoras deficientes para o impacto severo sobre a explotación mineira dentro do monte Lousado, catalogada na época romana.
 
22. No informe non se contempla a totalidade do patrimonio arqueolóxico afectado.
 
23. Deficiente avaliación dos efectos derivados da fase de desmantelamento.
 
24. Deficiente avaliación dos efectos ambientais sinérxicos e acumulativos con P.E.próximos ou en tramitación.
 
25. Non se contempla nin avalían os efectos sobre o patrimonio etnográfico, inmaterial, nin sobre o Camiño de Santiago.
 
26. O P.E. TOROÑA non é compatible co Informe Sectorial de Estudos do Territorio que na mesma zona determinou as DIA DESFAVORABLE dos parques ALBARIÑO I e MERENDÓN, nin co Informe do Consello da Cultura Galega sobre enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia.
 
27. O proxecto P.E. TOROÑA debe ser considerado caducado ao non poder acreditar antes do 25/01/2023 unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorable (BOE 22/12/2021).
 
 
           Por todo o anteriormente exposto, solicito, en consecuencia, unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) DESFAVORABLE e se DESESTIME a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e de aprobación do proxecto de interese autonómico do Parque Eólico TOROÑA e, téndome por parte interesada, déseme traslado da resolución que recaia no presente procedemento administrativo.
 
 
OUTROSI DIGO:
 
 
           Que é preciso unha resposta razoada a estas alegacións de acordo á Lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A falta de resposta é motivo de nulidade da tramitación.
 
 
 
 
 
En ………………………..……a…………de Xaneiro de 2023
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Asdo.:
 
 
 
Regreso al contenido