HERBICIDAS
AMEAZAS AMBIENTAIS > HERBICIDAS NON
ROCÍAN CON HERBICIDA A UN VECIÑO DA GUARDA
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
Supervisión: Noé Ferreira Rodríguez
Manuel A. Pombal Diego
23 setembro 2019
RELATO DOS FEITOS
Venres, 20 de setembro, aproximadamente as catro e cuarto da tarde, Alberto Lomba Portela baixaba na súa moto pola estrada entre Sete Camiños e Donantes de Sangue, na Guarda. Ía dar unha volta ata Oia. Cando chega ao cruce con Donantes de Sangue pasa unha furgoneta (empresa Seanto de Sevilla: https://www.seanto.com/quienes-somos/ ) que comeza a lanzar o veleno contra a cuneta, xusto no instante en que Alberto xira cara á dereita en dirección Oia. Un chorro de herbicida sacúdelle de cheo a faciana, a roupa, a moto... Entón, Alberto, adianta á furgoneta e ponse diante dela para detela. No seu interior había catro individuos. El lles di "joder, tede un pouco de coidado, xa que vais contaminando o mundo...", ao que os da furgoneta lle responden: "Jódete. Vete a tomar por el culo" e non só responden deste xeito sen pedir desculpas, senón mesmo ameázano con darlle unhas hostias. Alberto decide marcharse e ir directamente á Policía Local, onde conta o ocorrido ao axente de turno, e pide que vaian tras da furgoneta, xa que hai un acordo plenario de prohibición de fumigar neste concello, antes de que cheguen ao Concello de Oia, xa que, unha vez alí, non pode facer nada. De inmediato, Alberto vai cara a Urxencias da Guarda. Alí mándano sacar a roupa "que por certo cheira que apesta" e fáeno lavar con abundante auga, cabeza e cara. Ademais tamén lávanlle os ollos. E xa nunha ambulancia trasládano ao Hospital Álvaro Cunqueiro, "alí xa me estaban esperando, me trasladan a reanimación, me fan análises e me ven por raios. Todo estaba ben pero me dixeron que se pola noite tivese dores musculares, picores ou algo que volvese". Dende o 061 chaman á Policía Local para que localizaran á furgoneta e ver que produto utilizaban para saber o que el tragara. Así que a policía vai na procura da mesma, pero xa estaba no Concello de Oia e dirixíanse cara a Baiona. A Policía Local chama á de Baiona para que deteñan á furgoneta e lle soliciten a documentación do produto que están a botar. E si, danlle un papel que ata resulta dificultoso ler xa que a escrita está como borrosa, no que aparece unha relación de 17 produtos que, polo que se deduce, deben ser os que utiliza a empresa, pero que en ningún sitio di cal é o que está a utilizar. Outro detalle, non aparece por ningures, nese papel, a identificación do vehículo, nin o conductor. É máis, as persoas que ían na furgoneta, con todo descaro, din que "non estaban a fumigar", que ían cara a Valladolid (que é a delegación Noroeste da empresa), pero a roupa e o parte de Urxencias xa pon de manifesto o que pasou. SEPRONA lle comunica que garde as prendas nunha bolsa plástica e que o luns as leve para o seu análise. Por certo, unha filla de Alberto tiña previsto viaxar a EEUU este domingo, onde habitualmente reside dende hai vinte anos, pero co susto no corpo e sen saber as consecuencias, dicidíu pospoñer a viaxe.
Alberto, a quen chafaron o seu paseo ata Oia rociándoo con herbicida.
A furgoneta un par de minutos despois de producirse os feitos. As persoas que ían dentro non só non baixaron nin se desculparon senón que, mesmo, proferiron ameazas.
Foto: Alberto
Varias persoas comunicáronse con nós para informarnos da presenza da furgoneta herbicícola. Jorge, Ana... Aquí unha das fotografías que nos enviaron. Ana intentou sacar fotos na rotonda de Goián, pero foille imposible.
Foto: Jorge
Documento entregado polo responsable da furgoneta á Policía Local de Baiona que fixo chegar á Policía Local da Guarda a petición do Servizo de Urxencias desta localidade.
1/ Practicamente imposible de ler.
2/ Carece de data.
3/ Se relacionan 17 sustancias, pero non se di cal delas era a empregada (no suposto de que fose algunha delas).
4/ Non figura a matrícula do vehículo.
5/ Non figura o nome do condutor.
ANABAM forma parte do GRUPO BAIXO MIÑO ANTIHERBICIDAS, se queres colaborar activamente nel, ponte en contacto con nós.
Máis info AQUÍ