WODWARDIA RADICANS - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

WODWARDIA RADICANS

BIODIVERSIDADE > FLORA > FENTOS
POR SORTE, AS RIADAS DESTE MES DE NOVEMBRO DE 2014
NON AFECTARON Á Woodwardia radicans

Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
20/XI/2014


    O número de exemplares de Woodwardia neste momento é de 9 exemplares, segundo o reconto efectuado na visita levada a cabo o sábado 14 e o luns 15 de novembro de 2014, manténdose, pois, o mesmo número de exemplares que había hai 3 anos.
   Estabamos temerosos de que, un ano máis no que houbo fortes riadas, acabaran sucumbindo estes fentos, pero, por sorte, alí continúan aínda que nunha situación bastante precaria.
   En calquera caso en ANABAM estudaremos a posibilidade de reforzar esta poboación e, mesmo, de tratar de ampliar a súa área de distribución a outros puntos da comarca, pois consideramos que oito exemplares que se atopan nun mesmo regato e nunha zona susceptible de ser modificada, ben de xeito natural ou ben de forma artificial, non garanten a presenza futura da especie.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo
ESTA ÚLTIMA RIADA ESTIVO A PIQUES DE ESTRAGAR A ÚNICA POBOACIÓN DO BAIXO MIÑO DE Woodwardia radicans

Texto: Manuel A. Pombal Diego
14.XI.2011

    O regato da Lavandeira tamén se viu desbordado pola enchenta froito da intensa chuvia do pasado xoves día 26. A escaseza de vexetación despois dos incendios que arrasaron con boa parte da serra da Groba no ano 2006,coa conseguinte pérdida de sedimento, segue favorecendo as fortes riadas cando se produce moita chuvia concentrada nun curto período de tempo. Os efectos desta riada no regato Lavandeira provocaron un gran arrastre e cúmulo de pedras, area e terra. Teméndonos que a forza da auga levara por diante os poucos exemplares que quedan de Woodwardia neste regato (a única poboación coñecida do Baixo Miño, e unha das dúas ou tres que existen en toda Galicia), revisamos o último tramo ata a desembocadura no porto de Oia, a carón do mosteiro. Para a nosa sorpresa, aínda que algúns exemplares están un pouco deteriorados, puidemos non só comprobar in situ que sobreviviron, senón que incluso puidemos contabilizar algún exemplar máis que nos últimos censos. Isto último débese, en grandce medida, a que a forza da corrente arrasou con parte va vexetación ao tempo que facilitou poder percorrer totalmente pola canle do regato a totalidade do último tramo dende a estrada Baiona- A Guarda ata a súa desembocadura. Foron 9 exemplares os que puidemos identificar, o cal nos permite manter o proxecto de protección desta especie no Baixo Miño do que demos conta na derradeira actualización desta páxina.

Foto Manuel A. Pombal Diego-anabam
ANABAM ESTUDA UN PROXECTO PARA
PROTEXER E AMPLIAR A ÁREA DE DISTRIBUCIÓN DO FENTO
Woodwardia radicans

por Noé Ferreira Rodríguez
13.X.2011
ACTUACIÓNS

    As actuacións que se pretende levar a cabo nas inmediacións do regato Lavandeira, onde se atopa a poboación de Woodwardia radicans centraranse en:

 Delimitación mediante un valado de madeira da superficie onde se atopan os exemplares.

 Limpeza e sinalización da zona con paneis informativos sobre o proxecto.

 Reprodución vexetativa de cada exemplar, obtendo un ou dous novos individuos por cada planta, dependendo do porte, de modo que se asegure a súa supervivencia. O proceso fundamentarase en enterrar e fixar os bulbos que se atopan no extremo das frondes, co fin de que se produza o enraizamento e xerminación da nova plántula. Ao cabo dun ano de que comece o proceso, a extremo dunha das frondes da nova plántula haberase independizado completamente da planta nai en canto á obtención de nutrientes, momento no que serán transplantadas ás novas localizacións.

ESPECIE PERTENCENTE Á DIRECTIVA HÁBITATS EUROPEA

    Este proxecto pretende asegurar a continuidade da poboación de Woodwardia radicans na comarca do Baixo Miño mediante traballos de conservación do hábitat, reprodución vexetativa e propagación a novas áreas.
    O proxecto de reprodución vexetativa e propagación de Woodwardia radicans desenvolverase no regato Lavandeira, no Concello de Oia. Dito proxecto está previsto que teña unha duración dun ano e encádrase dentro dos PES (Plan de Especial Seguimento) que a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) leva a cabo na Comarca do Baixo Miño sobre as especies máis ameazadas a nivel comarcal. A coordinación corre a cargo de Noé Ferreira.  Neste momento estase a preparar as xestións para obter os permisos correspondentes por parte do organismo responsable.

Foto Noé Ferreira Rodríguez




ANTECEDENTES

    O Regato Lavandeira atópase ao suroeste da provincia de Pontevedra, no Concello de Oia, localizándose nun dos laterais do mosteiro cisterciense que se atopa neste concello.

    A poboación de Woodwardia radicans que medra nesta localización xa foi citada polo xesuíta e botánico Baltasar Merino a principios do século XX.
O último reconto de exemplares levado a cabo por membros de ANABAM durante o verán de 2011, pon de manifesto a precaria e vulnerable situación deste fento, protexido pola Directiva Hábitats Europea, contabilizándose un total de seis exemplares, un menos que no reconto efectuado meses antes.

OBXECTIVOS
    O proxecto de reprodución vexetativa da poboación de Woodwardia radicans que se atopa no Concello de Oia, pretende cumprir unha serie de obxectivos:
 Solucionar o perigo que supón para os seis exemplares presentes a inestabilidade do muro no que se atopan.

 Delimitar, sinalar e protexer a superficie onde medra o fento.

 Reproducir vexetativamente a través dos bulbos os seis exemplares presentes.

 Transplantar os novos exemplares, entre 6 e 12, a determinados ríos da comarca, que serán seleccionados segundo características parecidas a onde se atopa Woodwardia na actualidade.

Foto: Manuel A. Pombal Diego


Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
28.VIII.2011
   
    Seis foron os exemplares de Woodwardia radicans contabilizados por Ricardo da Silva Diz e Agustín Ferreira o sábado 20 de agosto na única zona do Baixo Miño onde está presente esta especie: no regato Lavandeira, en Oia. Ademais, vemos que a situación nos que se atopan é cada vez máis precaria, pois están nun muro que, segundo observamos, en calquera momento pode derrubarse e os fentos ser arrastrados polas augas, en consecuencia, a Woodwardia desaparecería definitivamente da nosa bisbarra. Por este motivo, e polo número de exemplares que hai, a especie é unha das que está máis seriamente ameazada e en perigo crítico no Baixo Miño.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
15.X.2009

    Detalle das frondes de Woodwardia radicans.
    Na provincia de Pontevedra, este fento está citado, ademais de en Oia, en Mondariz. O xesuíta Baltasar Merino, botánico que estivo no antigo Colexio dos xesuítas de O Pasaxe (A Guarda), onde levou a cabo a súa inxente obra botánica, xa o citara a principios do século XX.

RECONTO DE EXEMPLARES
     Aproveitamos a saída de campo efectuada o sábado día 3 deste mes de outubro, achegámonos ao río Lavandeira (Oia), co fin de ver o estado dos fentos da especie Woodwardia radicans, logo de que meses atrás houbese unha limpeza da marxe do río. Peque (Manuel A. Pombal) e Agustín Ferreira, percorreron un tramo do regato onde recolleron información directa, sacaron fotografías e procederon a contar o número de exemplares. Aínda que a ladeira onde medran foi obxecto de tal limpeza, non podemos ocultar a ledicia de ver que estes fentos, que non se salvaron do "desbroce", retoñaran novamente. Contamos en total sete pes, aínda cativos, e que, dada a zona na que están e o escaso número deles que hai, cinco exemplares menos dos que había cando os descubrimos,vemos que, lamentablemente, non teñen garantida a súa supervivencia. Diante desta precaria situación, dende este mesmo mes de outubro, foron incluídos no P.E.S (Plan de Especial Seguimento), un proxecto desenvolvido por ANABAM sobre aquelas especies e espacios do Baixo Miño que teñen un certo grao de ameaza. O PES é un proxecto co que se intenta mellorar a situación, realizar estudios e, por suposto, protexer e conservar aquelas especies que a nivel da nosa comarca están ameazadas.
     O primeiro paso xa está dado: coñecemos a ubicación e o número de exemplares que hai.
  
    A estas alturas do ano, 3 de outubro, o regato Lavandeira, que delimita preto da súa desembocadura con terreos do Mosteiro de Oia, ía case seco. Á dereita da fotografía o muro onde se atopan os escasos exemplares de Woodwardia.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo
 

      WOODWARDIA RADICANS
      UN FENTO PROTEXIDO

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
01.III.2007

    No ano 1905 o xesuita Baltasar Merino publicaba a súa magna obra Flora descriptiva e ilustrada de Galicia, escrita no que fora Colexio dos xesuitas da Guarda. Nesa obra citaba este fento situandoo na mesma zona onde aínda segue a estar presente. Dende aquela data, non se volveu ter noticia del ata o ano 2000, cando fora redescuberto polo botánico Xosé Ramón García, quen observara tres exemplares a carón do Mosteiro de Oia, preto da desembocadura do regato Lavandeira. Estes tres exemplares desapareceron uns anos despois, pero membros de ANABAM tamén observaron novos exemplares desta especie a uns trescentos metros máis arriba de onde estabas os citados por Xosé Ramón. Eran preto dunha ducia, nun muro terroso que soporta as fincas que hai na súa parte superior. No ano 2005, estes fentos estiveron a piques de desaparecer por unha limpeza de matorral e arboreda que se fixo na zona. Neste pasado outono, por efecto das riadas, tamén estiveron na corda frouxa. Estivemos hai uns días na zona (16 de febreiro) para ver cal era a situación actual dos mesmos, por sorte, aínda que en menor cantidade que hai uns anos, poidemos observar como media ducia de exemplares.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo



As características frondes destes fentos permiten a súa identificación. Esta é unha especie moi escasa en Galicia, aparece somentes en dúas ou tres zonas, unha delas, aquí en Oia, no Baixo Miño. Está protexido, pero moito nos tememos que as autoridades locais e a sociedade oiense en xeral, descoñece a existencia e o interese botánico que ten esta especie. Pensamos que a súa divulgación é fundamental para acadar verdadeiramente unha protección efectiva e, tamén, para que os propios paisanos coñecezan a biodiversidade e o interese que teñen especies únicas que se atopan no seu lugar de residencia.

Neste muro atópanse e se desenvolven, con máis ou menos éxito, unha das especies máis amenazadas do Baixo Miño. Somentes media ducia de exemplares se atopan nunhas condicións tan precarias que en calquera momento poden desaparecer. O regato Lavandeira é o único lugar do baixo Miño e un dos dous ou tres existentes en Galicia onde medra esta especie. Unha actuación nesta zona ou unha limpeza da vexetación, pode acabar definitivamente co único enclave do Baixo Miño onde está presente Woodwardia radicans.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo



Fronte a este vello muiño, na beira esquerda do regato Lavandeira, atópanse estes escasos fentos dos que, por medio dos traballos de ANABAM, pretendemos dalos a coñecer, pois soamente o que se coñece pode ser obxecto de protección. Deste xeito tamén poderán porse as medidas precisas para a súa conservación e, así, evitar que o descoñecemento da súa presenza nesta zona podan facer que desaparezan, como a piques estivo de suceder hai dous anos. Ou como aqueles primeiros exemplares redescubertos no ano 2000 dos que xa non queda ningún exemplar.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo


Regreso al contenido