MUÍÑO RUPESTRE?
PATRIMONIO > ARQUEOLOXÍA
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam
Actualización: 25/X/2020
COORDENADAS:
X:511.008
Y:4.641.785
LOCALIDADE:
O Rosal
LUGAR:
Monte Terroso
DATA:
23/X/2020
TOMA DE DATOS:
Fernández Rodríguez, Sergio
Ferreira Lorenzo, Agustín
O venres 23 de outubro, cando Sergio Fernández andaba polo monte Terroso na procura de cogomelos, níscalos e boletos principalmente, estamos en plena época, deu cun dos moitos vestixios rupestres que aparecen nese promontorio. Nese momento estaba cheo das follas dos piñeiros próximos, o que aquí chamamos “fruma” e de musgo. Procedeu a limpalo, vendo a estrutura perfectamente definida. O conxunto está formado por tres partes diferenciadas: unha cova case circular, outra rectangular e unha terceira, apenas perceptible, máis superficial. Sacou unhas fotos da laxe onde está a estrutura e colgounas no seu muro do Face. Dado que eu non tiña idea da existencia da mesma e, por iso da curiosidade, ofreceuse a acompañarme ata ela.
Sergio explicándome como estaba chea de musgo e "fruma" as cubetas.
ACHEGÁMONOS AO LUGAR DO ACHÁDEGO
Quedamos en vernos ás dez da mañá, do seguinte día, sábado 24, na Praza Avelino Vicente da Guarda. E así foi. Dirixímonos ao lugar onde se atopa o vestixio rupestre provistos de metro e GPS, co fin de tomar datos para para a páxina web de ANABAM e para o noso arquivo.
Chegamos á zona que nos interesaba, atópase a uns 500 metros do Pico da Bandeira, xa na parte do Rosal. A arboreda está formada principalmente por piñeiros. No entorno sobresaen un bo grupo de rochas, algunhas, mesmo, aparentan estar postas adrede na zona, formando como unha figura cuadrangular de máis dun metro de lado. E a poucos metros, unha lousa case perfectamente cadrangular que sobresae uns 30 cm do terreo. No centro dela, as covas que chamaron a atención de Sergio e que, tanto el como eu, descoñeciamos ata entón.
A estrutura sitúase practicamente no centro dunha lousa de aproximadamente
tres metros cadrados de superficie
DATOS
A figura disponse en dirección norte-sur, case centrada na lousa, esta de superficie plana.
Lonxitude da lousa: lado N: 190 cm. Lado S: 170 cm. Lado L: 180 cm. Lado W:167 cm.
Covas: vense dúas perfectamente escavadas, unha en forma de círculo e outra de forma rectangular. Mais, cando xa estabamos a piques de marchar, localizamos unha pequena fendidura, máis superficial, en forma de elipse.
-CÍRCULO: diámetro 22 cm. Profundidade uns 5 cm.
-RECTÁNGULO: Largo, 40 cm. Ancho, 14 cm. Profundidade, uns 5 cm.
-ELIPSE: apenas con releve, moi superficial, diámetro maior, 14 cm.
Recollendo diferentes medicións.
MAIS... QUE SON ESAS ESTRUTURAS?
Evidentemente, cada quen pode facerse moitísimas preguntas... que é iso? para que servirían?, son actuais; son restos arqueolóxicos?...
Se temos en conta que estamos nunha zona rica en manifestacións arqueolóxicas aínda que todavía por descobrir e estudar, tal vez a primeira resposta que deamos pode ser... o máis probable é que sexan restos arqueolóxicos da época castrexa.
Como non somos expertos na materia, decidimos preguntarlle a un dos arqueólogos que ten traballado dabondo no Baixo Miño, cun bo número de publicacións sobre a materia, Brais Currás. A el dirixímonos e lle enviamos algunhas das fotos e datos obtidos. A resposta non tardou en chegar:
O que me envías penso que é claramente un dos centos de muíños
rupestres que aparecen ao longo do Baixo Miño. Na miña tese
(https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/11869) defendo que son
morteiros relacionados co tratamento do mineral, pero a verdade é que
a día de hoxe estas estruturas seguen a ser un dos
grandes misterios da arqueoloxía de Galicia.
Sei que no Terroso hai varios catalogados,
pero non estou seguro de todo de se este está catalogado ou non.
Ben, pois aínda que sexa con certas dúbidas, xa temos unha primeira idea do que pode ser esa estrutura que chamou poderosamente a atención de Sergio, unha persoa inquieta e detallista, como puidemos comprobar.
Sergio xunto ao autor deste artigo na visita efectuada á zona.
VISITA GUIADA
O 19 de setembro do ano 2015, foi organizada unha visita guiada polos vestixios rupestres do Rosal, na que un dos lugares visitados foi, precisamente este posible muíño.
Fotografía de Luis Dorado Senra..
PREMER NA FOTOGRAFÍA INFERIOR
PARA VER O VIDEO