Romulea columnae
BIODIVERSIDADE > FLORA
Sección Botánica "Baltasar Merino"
Clase: Liliopsida
Orde: Asparagales
Familia: Iridaceae
Xénero: Romulea
Especie: R. columnae
Nome galego: Aberiota
Localización:
Piñeiral de Camposancos.
Floración: Febreiro, marzo
Podedes imaxinarvos a ledicia dun neno que ao chegar a casa atopa no seu cuarto un xoguete novo e inesperado? Bueno, pois máis ou menos, esa mesma situación a vive un naturalista cando, por primeira vez, atopa unha especie que andaba na súa procura ou que, inesperadamente, sen pensalo, áchase diante dela. Iso é o que lle aconteceu ao autor deste artigo, o pasado ano 2014, con esta aberiota que observamos no piñeiral da praia de Camposancos, pois, erróneamente, dende o ano 2008, no que a fotografamos, dábamola como R. bulbocodium. Grazas, unha vez máis ao "fotógrafo naturalista botánico": Xermán García Romai, quen nos informou do erróneo da nosa identificación e motivounos o pasado ano 2014 a que buscaramos esta especie ademais da R. ramiflora.
CARACTERÍSTICAS OBSERVABLES
Flor extremadamente pequena se a comparamos coas demais aberiotas. No piñeiral de Camposancos, ao non ser abondosa non é doada de observar, especialmente se o día non é soleado, iso unido ao seu pequeno tamaño, pasa desapercibida á maioría dos mortais.
Polo de agora temos rexistros dunha floración extremadamente corta no tempo, apenas tres semanas no citado piñeiral, aínda que na parte portuguesa (Pinheiral de Camarido), adoita verse máis doadamente que nesta parte do Miño, pois o naturalista Xermán García Romai (www.naturezadixital.com), tena visto durante máis tempo naquel lado que nós neste.
por Agustín Ferreira Lorenzo
Actualización: marzo, 2015
Ademais do seu pequeno tamaño, que non é un rasgo distintivo, o tamaño dos estames si o é, e mesmo a cor. Os estames non sobrepasan os 3 mm, sendo os máis pequenos das catro aberiotas que temos na comarca.
Esta é unha especie moi ameazada na nosa zona, pois no Baixo Miño soamente aparece no piñeiral de Camposancos razón pola que, calquer agresión no mesmo, pode dar como resultado a desaparición desta especie. Pero dato importante é que, en toda galicia, esta especie só está citada para o Baixo Miño. Ademais na marxe portuguesa, o citado Xermán García Romai atopouna o pasado ano tamén no pinheiral de Camarido, sendo esta localización a única que hai entre o sur de Viana e Caminha.
Detalle da parte inferior de R. columnae.
Mapa distribución de R. columnae segundo www.floravascular.com