Nucella lapillus - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

Nucella lapillus

BIODIVERSIDADE > FAUNA > MOLUSCOS
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

Reino : Animalia
Filum : Mollusca
Clase : Gastropoda
Subclase: Prosobranchia
Superorden : Caenogastropoda
Orden : Neogastropoda
Familia: Muricidae
Subfamilia :Thaidinae
Género: Nucella
Especie: Nucella lapillus
   
    Este é un dos moluscos, xunto coas caramuxas, máis coñecidos da costa baixomiñota. Na Guarda coñécense como "corniños", son comestibles, pero ao contrario que sucede coas caramuxas, non son apreciados e tampouco son obxecto de recolección para consumo.

    Presenta unha grande variabilidade de cores, como podemos apreciar nas imaxes: poden ser dunha soa cor ou ter franxas. Hainos de superficie lisa e outros moi rugosa. Mesmo, como podemos ver nunha das imaxes, a súa "capa" pode ser ondulada, aínda que esta forma é máis ben escasa.

    Presenta canle sifonal. A medida que pasa o tempo, vai desenvolvendo unha serie de "dentes" internamente, no labio externo.

   Habita a partir da zona intermareal media, sendo máis frecuente na inferior.

   No Baixo Miño está presente en toda a franxa costeira, e coas mareas máis baixas poden verse abondosamente.


  Este é un gasterópodo carnívoro, alimentándose doutros moluscos, como mexillóns ou lapas. Para iso perfora a cuncha coa súa rádula e vai absorbendo a carne do interior, tarefa na que pode botar varios días.

    Estudos realizados no Reino Unido (enlace) parecen indicar que, debido ao cambio climático, o seu tamaño está a diminuír, observándose que nos últimos 100 anos a lonxitude decreceu en 18 mm.

   O exemplar da dereita pertence á variedade imbricata, exemplares que, polo que temos visto deben ser moi escasos nesta zona, pois é o único que ata agora observamos nesta costa baixomiñota.
   
    Posta de Nucella lapillus, observada na costa sur da Guarda en abril de 2019.
    As postas tenden a depositarse na franxa de mexillóns, entre outras razóns porque é un dos tramos costeiros que menos tempo queda sen auga e, polo tanto, non corren perigo de que se malogren pola sequedade.
Regreso al contenido