Romulea ramiflora - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

Romulea ramiflora

BIODIVERSIDADE > FLORA
Sección Botánica "Baltasar Merino"

Clase:
Liliopsida
Orde: Asparagales
Familia: Iridaceae
Xénero: Romulea
Especie: R. ramiflora
Nome galego: Aberiota
Localización:
    Piñeiral de Camposancos.
Floración: Febreiro, marzo
  
Primeira observación:
    01-03-2008 *
   *Tiñamos vista esta especie mesmo antes da data sinalada, pero ata o ano 2014, sempre cremos que se trataba de R. bulbocodium, ata que, grazas á información facilitada por Xermán García Romai (www.naturezadixital.com),  puidemos ver que estabamos diante dunha nova especie para o Baixo Miño e posiblemente para Galicia. É posible que o botánico Baltasar Merino, xesuíta, xa a citara, aínda que co nome de R. tenella,  segundo se di en naturezadixital.O padre Baltasar Merino foi un ilustre botánico, que estivo no colexio do Pasaxe (Camposancos, A Guarda) a finais do século XIX e principios do XX. Alí estudou a flora galega e escribiu e publicou a súa excepcional obra botánica: Flora descriptiva e ilustrada de Galicia.


    
Redescuberta por Agustín Ferreira Lorenzo no piñeiral da praia de Camposancos, na Guarda, tiñaa erroneamente identificada como Romulea bulbocodium, ata que o fotógrafo naturalista Xermán García Romai (www.naturezadixital.com) identificouna como R. ramiflora, no pasado ano 2014. O seguimento e maior atención que Agustín levou a cabo neste mesmo ano sobre esta especie, permitiu coñecer a numerosa poboación de exemplares desta especie que hai no citado piñeiral, xa que, nunha pequena superficie do mesmo, contabilizou preto de dúas centas plantas.
    Camposancos, pois, ten a honra de contar coa única poboación galega, coñecida ata o de agora, de Romulea ramiflora, algo que pon a este recuncho do sur de Pontevedra, en particular, e ao Baixo Miño, en xeral, nun posto excepcional no que a botánica se refire.
 Xermán García Romai atopouna tamén, o pasado ano 2014, na outra beira do Miño, no piñeiral de Camarido, constituíndo a primeira cita para o norte portugués. Deste xeito, este recuncho peninsular, a ámbolos dous lados da desembocadura do Miño, constitúe un excepcional enclave de R. ramiflora.
      Cando no pasado ano decatámonos de que estabamos ante unha das especies consideradas "raras" a nivel galego, tratamos de recabar máis información in situ pero non tivemos sorte porque xa era demasiado tarde, debido a que a tempada de presenza de R. ramiflora, xa chegaba ao seu fin, de aí o noso interese neste ano en tratar de localizala a inicios da floración.


CARACTERÍSTICAS OBSERVABLES
    Corola lila.
    Flor de ata 30 mm.
    Pétalos internos lila, pétalos externos verdes.
    Bracteola herbácea con borde escarioso.
    Follas, esaxeradamente longos con respecto á flor, chegando a superar facilmente os 25 cm de lonxitude.
    Estigmas poden sobresaír lateralmente ou mesmo por riba dos estames.
    Anteras, 4 mm por termo medio.

          A flor permanece pechada cando deixa de darlle o sol directo ou este é moi débil pola nubosidade, deste xeito a planta vai pasar desapercibida. Comprobamos que  abre nas horas centrais do día, sempre e cando estea soleado. Pero tamén parece que a temperatura, conxuntamente coa nubosidade, inflúe en certo modo, pois o día 23 de febreiro, con día anubado e temperatura media, ás 14.30 horas, puidemos observar varios exemplares abertos, en tanto que o xoves 18 deste mesmo mes, con menos nubosidade  pero temperatura bastante baixa, ningunha flor achábase aberta. Así que haberá que ter en conta si, ademais da luz, tamén outras condicións como a da temepratura afectan para que a flor abra.

O pequeno tamaño da flor fai que non destaque excesivamente do entorno herbáceo no que medra, razón pola que, se non hai abundancia de exemplares, pode pasar doadamente desapercibida. Neste entorno, evidentemente no caso de estar pechada, será practicamente imposible decatarse da súa presenza.


Ameaza
    A Oxalis pescaprae, planta exótica que aparece abondosamente distribuída pola superficie do piñeiral, supón unha seria ameaza para esta especie que non consigue superar a competencia que supón a grande desnidade da Oxalis, impedindo un desenvolvemento normal de R. ramiflora, que queda abafada por aquela.

DISTRIBUCIÓN R. ramiflora
    Tal e como apreciamos no mapa, R. ramiflora está localizada no centro, sur e leste da Península, faltando practicamente na metade norte da Península así como en case que toda a franxa atlántica. O Baixo Miño galego-portugués (Agustín Ferreira Lorenzo-Xermán García Romai) dan as primeiras citas dende hai máis de 100 anos desta especie para o norte e oeste ibérico.
Mapa extraído de www.floravascular.com.  A frecha e punto vermellos foron postos polo autor deste artigo.

O bulbo ou cebola, ten unha anchura media de menos dun centímetro e a lonxitude está en torno ao centímetro. Presenta unha primeira envoltura máis grosa, castaña-escura, debaixo da que aparece outra tamén castaña pero algo máis clara.
Regreso al contenido