AUGA DE ESTÁS: RECINTO O DELIRIO DO PODEROSO - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

AUGA DE ESTÁS: RECINTO O DELIRIO DO PODEROSO

BAIXO MIÑO
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

    
CÍRCULO AMARELO: Punto de partida (A Social de Estás).
CÍRCULO VERDE: Punto de chegada.

    O routeiro está marcado en branco.
   
    Aínda que na fotografía da esquerda sinalamos en amarelo a ruta de ida e en vermello a ruta de  chegada, como é lóxico, podemos utilizar calquera das dúas para ir e vir.


    Para chegar ao cruce que nos conduce ao centro do núcleo de Estás, colleremos o desvío á esquerda que atoparemos a pouco máis de 2 quilómetros da rotonda que nos leva á ponte da Amizade. Estrada Po-552, dirección Tui. Dende este desvío ao núcleo de Estás, hai pouco máis de 600 metros.

    
    No mes de xuño do ano 2011, era inaugurado no monte Poderoso da parroquia de Estás (Tomiño) o espazo denominado DELIRIO DE PODEROSO, con obras do escultor tomiñés Antúnez Pousa e algúns versos escritos en pedra da autoría do poeta guardés Koki.

   Neste espazo atoparémonos con varias esculturas que non nos deixarán indiferentes. Algunha, mesmo, chamará poderosamente a nosa atención.

    O espazo é un lugar onde se conxuga a interacción humana coa natureza. Un recuncho que non é bo chegar a masificar, senón a internarse nel cautelosamente, sen alterar a paz que se respira entre a diversidade arborícola e o son da auga, que son os elementos fundamentais do mesmo.

    "Entrometerse" neste espazo en días onde a brétema déixase caer como un sutil manto envolvente, mentres dende o fondo de non se sabe onde óese un melodioso canto que pode ser dun paporrubio, don merlo ou dun tordo. Escoitar os débiles sons dun ferreiriño que picotea nos piñeiros, dun gabeador que, en espiral, sube polo tronco na procura dalgún verme co que se alimentar, non é máis que estar no paraíso.



    "AUGA DE ESTÁS": de entre os piñeiros deulle a un esquío por baixar a terra, tal vez para ver se apaña algunha castaña ou landra, por casualidade, porque dos piñeiros non saen nin landras nin castañas, mais como estamos na época destes froitos, quen sabe se algún aparece. As casualidades tamén existen. Pois iso, outra das figuras desta serie que dedicamos a ese espazo chamado "Auga de Estás", parroquia do veciño concello de Tomiño.

    A simple disposición de pedras da lugar a unha composición sinxela pero moi clara: a cabeza dun moucho.


    "AUGA DE ESTÁS", un enclave onde podemos ver algunhas figuras "interesantes" non si? Unha billa que se parece a..., bueno a algo.


    A simple disposición de pedras da lugar a unha composición sinxela pero moi clara: a cabeza dun moucho.


    Un moucho pétreo sobre un rochedo oteando a superficie na procura dalgún pequeno roedor que zamparse. Esta paisaxe bucólica, invita a moverse paseniñamente por este entorno, procurando que os nosos pasos e as nosas voces non sobresaian máis do aconsellable para non romper a harmonía que reina neste espazo.

    A fonte e o estanque, obra do escultor Antúnez Pousa. A figura principal é unha muller que vai por auga. Pero a auga é fonte de vida, de natureza e por un tronco gabea unha lagarta. E no medio do estanque, o que non pode faltar onde hai natureza e auga, unha ra.


     "AUGA DE ESTÁS". A fonte e o estanque que almacena a auga que nos da vida. Continuamos gozando deste espazo de natureza, entre árbores, pedras, auga e terra. Oíndo os cantos dos paxaros e a auga correr. Paz... paz...paz.
 



Regreso al contenido