Corbicula fluminea - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

Corbicula fluminea

BIODIVERSIDADE > FAUNA > MOLUSCOS DE AUGA DOCE
ANABAM COLABORA NUNHA TESE DOUTORAL SOBRE A AMEIXA ASIÁTICA (Corbicula fluminea) NO RÍO MIÑO


Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
   Actualizada o 16-07-2014

    A tese doutoral lévase a cabo na Universidade de Vigo polo investigador Noé Ferreira Rodríguez, baixo a dirección de Isabel Pardo. Entre outros obxectivos busca coñecer o estado actual do molusco Corbicula flumina en Galicia. Tamén que consecuencias tivo, e ten, para o hábitat no que se desenvolve así como para as especies nativas. Finalmente tamén se estudia as posibles medidas de control que permitan reducir o impacto desta molusco invasor no ecosistema.
Froito de anteriores traballos realizados con esta especie, é a publicación “Abiotic controls on population structure of the invasive Corbicula fluminea (Müller, 1774) in the River Miño estuary” recentemente aceptada na revista alemana Fundamental and Applied Limnology (FAL).

Dereita: Ameixa asiática Corbicula fluminea nunha mostra recollida durante as tarefas de mostraxe. Fotografía: Noé Ferreira Rodríguez, ANABAM.
    ANABAM presta apoio loxístico e humano para a parte do traballo que se desenvolve no Río Miño. Para elo, dende abril efectuáronse tarefas de mostraxe ao longo do esteiro do Miño dende a embarcación desta asociación denominada “Garzota”, e patroneada por Ricardo Portela, membro do Grupo de Traballo (G.T.) de ANABAM. Esta embarcación é utilizada pola asociación para os desprazamentos dos diferentes estudos no río Miño que levan a cabo os membros do GT.
Dereita:  Bivalvos nativos da especie Unio delphinus atopados durante as campañas de mostraxes no Río Miño. Fotografía: Noé Ferreira Rodríguez, ANABAM.

Corbicula fluminea NO TRAMO BAIXO DO RÍO MIÑO

Texto e fotos: Noé Ferreira Rodríguez
Actualizada o 15-03-2014

   O traballo levado a cabo polo autor deste artigo, coordinado e dirixido pola Dra. Isabel Pardo, do Laboratorio de Limnoloxía (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal) da Universidade de Vigo, centra as liñas de investigación na situación desta especie exótica invasora no Esteiro do Miño e das implicacións biolóxicas que a mesma ten sobre o ecosistema.

    Nos últimos anos, polo menos sete especies de moluscos invasores foron introducidas na Península Ibérica, destes Potamopyrus antipodarum, especie procedente de Nova Zelandia e Corbicula fluminea, poden atoparse no Río Miño, coas implicacións ecolóxicas e medio ambientais que estas invasións provocan.
    A ameixa asiática é un molusco procedente de Rusia, Tailandia, Filipinas, China, Corea, Xapón, Taiwán e algunhas parte de África. A principios do século XX comezou a súa expansión chegando a Norteamérica de mans da poboación china que emigrou a estas terras na procura de traballo e onde foi levada como alimento. Dende entón, a súa expansión foi imparable, transportada voluntariamente nalgúns casos como especie ornamental ou involuntariamente na auga de lastre de grandes barcos, citouse por primeira vez na Península Ibérica no ano 1980, no Río Teixo. e no ano 1989 no Río Miño, aínda que a súa presencia neste río xa foi constatada no ano 1984 polo Dr. Emilio Rolán na monografía editada por esta asociación “Moluscos Acuáticos do Esteiro do Miño” (1994).
Este molusco filtrador ten a súa dieta baseada principalmente en fitoplancton, pero cando este resulta limitante, pode completar a súa dieta mediante a filtración de bacterias e materia orgánica en suspensión. Trátase dunha especie hermafrodita que se reproduce durante todo o ano, a fecundación é interna, do mesmo xeito que o desenrolo das larvas, con dous períodos de gravidez ao ano (abril-maio e xuño-novembro), cunha taxa de fecundidade de preto de 70.000 individuos ao ano.
    No Río Miño os individuos xuvenís aséntanse en augas pouco profundas do tramo intermareal migrando a medida que crecen a augas máis profundas. A preferencia de substrato atópase cando este presenta grandes cantidades de materia orgánica, esta composto por sedimento de grao fino e velocidade da corrente é baixa, sendo o principal factor limitante na súa distribución o incremento na salinidade, o que fai que non se atope máis abaixo da desembocadura do Río Tamuxe, na marxe galega do Miño.

    Os efectos negativos de C. fluminea sobre os ecosistemas pasan pola alteración do ciclo da materia orgánica no sedimento, a estrutura trófica, e especialmente afectada, a produción primaria dos ecosistemas chegando incluso a suprimila por completo nalgúns esteiros estudados traducíndose este descenso na produción primaria nunha diminución na turbidez da auga o que favorece o crecemento de macrófitas.
A distribución espacial dos bivalvos nativos vese alterada por competencia directa polo espazo desaparecendo localmente no tramo baixo do Miño especies como Margaritifera margaritifera ou quedando a súa distribución relegada a zonas onde as condicións non son óptimas para a ameixa asiática, como Pisidium amnicum, especie que chegou a darse por extinta localmente no ano 1990, pouco despois da aparición de Corbicula fluminea no Miño, pero que en estudos publicados no ano 2007 a sitúan augas arriba, onde as características do substrato non permiten o establecemento da especie exótica.
A lexislación actual móstrase máis restritiva coas prácticas que poden ocasionar a invasión de novos hábitats por especies como a ameixa asiática, dende a publicación en Novembro do pasado ano do “Listado e Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras”. Pero a concienciación dos graves problemas que a liberación destas especies poden ocasionar aos ecosistemas, é fundamental á hora de loitar contra o establecemento de novas invasións biolóxicas e controlar as xa existentes.  
Regreso al contenido