ANDORIÑA DAURICA. A GUARDA - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

ANDORIÑA DAURICA. A GUARDA

BIODIVERSIDADE > FAUNA > PROXECTO ANDORIÑA
Iir a..............Envío de datos
COORDINACIÓN:
    -Agustín Ferreira Lorenzo
GRUPO TRABALLO:
    -Luis Dorado Senra
    -Agustín Ferreira Lorenzo


Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Corrección: Manuel Á. Pombal Diego


PRIMEIRO REXISTRO DUN NIÑO DE
ANDORIÑA DÁURICA NA GUARDA

por Agustín Ferreira Lorenzo
02-setembro-2019

   Xa estaba tocando ao seu fin o mes de agosto cando me chamou a atención o voo dunha andoriña que saía dun balcón, nun edificio da entrada á prazoleta da Guía (A Guarda). Tiña présa, así que din unha rápida ollada ao balcón e marchei. Era o día 28, oito da tarde. Mentres camiñaba, a miña mente procesaba os datos: aquel niño non tiña aspecto de ser de andoriña de cu branco (Delichon urbica) que, de selo, sería unha boa noticia, polo menos para min, pois hai anos que esta especie xa está practicamente desaparecida como nidificante na vila da Guarda. Diante da dúbida, decidín que me achegaría novamente, o máis pronto posible, para comprobar e cerciorarme da especie en cuestión.


Día 2 de setembro: esquecéraseme totalmente o niño da andoriña. Pero este día, moi caluroso, o termómetro no interior da casa marcaba 23 graos,  serían como as doce da mañán e eu estaba observando o ceo cando, de súpeto, vin voar un par de cirrios, (Apus apus), especie que moitas persoas adoitan confundir coas andoriñas. A maior parte deles hai semanas que iniciaran o regreso aos seus cuarteis de invernada, alá na África, mais, polo que se ve, algúns aínda se resisten a marchar. O caso é que estes cirrios fixeronme recordar que tiña algo pendente por comprobar. Así que cámara en man, dirixinme ata a Guía para saír das dúbidas que tiña. Apenas un minuto máis tarde da chegada, vexo como entra no niño unha andoriña que sae un par de segundos despois. Practicamente de seguido, entra outra. Ao igual que a primeira, sae rápido. Vexo á parella voando. A ledicia foi enorme. Acababa de comprobar in situ que estaba diante do que pode ser o primeiro rexistro dunha parella de andoriña dáurica (Cecropis daurica) no casco urbano da Guarda. Permanecín observando uns quince minutos. Agora o reto está en volver co material axeitado para tratar de obter algunhas fotografías mellores das que acompañan este texto. Lástima que non descubrira o niño moito antes para facerlle un seguimento. Tratarei de aproveitar os poucos días que probablemente lles quede antes de que inicien o regreso a África, lugar onde pasarán o resto do outono e inverno. O vindeiro ano haberá que estar máis atentos para rexistrar a actividade desta parella; son os novos habitantes que veñen a incrementar a biodiversidade urbana guardesa.

Regreso al contenido