LIBROS - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

LIBROS

DIVULGACIÓN PUBLICACIÓNS

Marcas e siglas dos mariñeiros da Guarda


    Publicado: 20 maio 2020

    Temos xa na rúa o libro "Marcas e siglas dos mariñeiros da Guarda", da autoría de Agustín Ferreira Lorenzo, segunda publicación que edita ANABAM sobre os símbolos utilizados polos mariñeiros guardeses, fundamentalmente ata a década dos oitenta do século pasado, constituíndo, pensamos, un documento de grande valor etonográfico por canto supón na conservación da memoria duns símbolos que, paulatinamente vanse non só perdendo senón tamén esquecendo, mesmo polos propios usuarios deles, xa persoas de avanzada idade que, en moitos casos, cústalles recordar coomo eran ou, mesmo, esquecéndose totalmente deles.

    O libro, baseado na primeira publicación editada por ANABAM no ano 1995, un referente da etnografía guardesa da autoría de Antón Ferreira Lorenzo, mellora e amplía o contido daquela. 146 páxinas a toda cor, con fotografías de moitos dos "propietarios" das marcas, con máis de 600 símbolos recollidos, pasos dados para a recopilación dos mesmos e variada información relacionada directa ou indirectamente coas marcas.

Coa colaboración da Xunta de Galicia, Xacobeo 2021

                   e da Asociación Piueiro.

PREZO EN LIBRERÍAS: 15 €

SOCIOS ANABAM : 50% desconto (pasando polo local, no caso de envío por correo, cárganse os gastos)

Pode solicitarse o seu envío por correo postal.
    Antón Ferreira Lorenzo
14 maio 2020



    Da autoría de Agustín Ferreira Lorenzo, co patrocinio da Xunta de Galicia, editado por Anabam coa colaboración do colectivo Piueiro, acaba de publicarse, e xa se pode adquirir nas librarías da Guarda, o libro “Marcas e siglas dos mariñeiros da Guarda”, un exhaustivo, completo e complexo traballo que contribúe a salvagardar o patrimonio inmaterial dunha comunidade, a dos mariñeiros guardeses, para a posteridade.
O libro, a toda cor e con 146 páxinas, lembra, nas primeiras, aos precursores na recolección das marcas mariñeiras: Eliseo Alonso, Ricardo Rodríguez Vicente e Antón Ferreira Lorenzo.
A “ilusión” do colectivo Anabam por crear o Museo do Mar da Guarda, e os intentos que o fixeron posible tras uns inicios na sede deste colectivo, despois no Centro Cultural e, finalmente, coa súa instalación definitiva na Atalaia, está tamén presente no libro.
“Marcas e siglas doas Mariñeiros da Guarda” é posible tamén grazas aos principais protagonistas: os homes que as posuíron e os familiares que facilitaron a información, materiais e fotografías que ilustran as páxinas deste libro.
25 anos despois de que Anabam publicase o primeiro destes estudos, da Autoría de Antón Ferreira, esta nova publicación amplía, mellora e actualiza aquela edición de 1995.


     Pode adquirirse nos seguintes establecementos da Guarda:

Altamar
Cervantes
Copisterium
Ideas
Ler

    Tamén pode solicitarse directamente a ANABAM para o seu envío por correo.

Prezo do libro: 15 €
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
15 maio 2020


De mans de Agustín Ferreira Lorenzo, o activo presidente e co-fundador da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), o colectivo conservacionista que nos seus 35 anos de existencia (1985-2020), máis labor leva desenvolvido a prol da difusión, defensa, estudos e conservación do patrimonio natural da bisbarra galaico-miñota; vimos de recibir “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”.

A publicación, editada por ANABAM e subvencionada pola Xunta de Galicia, está asinada por Agustín Ferreira Lorenzo, que acertadamente nela inclúe unha elocuente cita:

                                              “Olvidar o pasado,
                             leva perder a memoria.
                             Grande perda irreparable,
                             aquela que non se recorda”.

Como é de ben nacidos, ser agradecidos, o autor deixa puntual constancia do seu agradecemento “(...) á Asociación Piueiro polas facilidades e o apoio dado na recollida das marcas”; “a Celso Rodríguez Fariñas, pola colaboura prestada”; “a Anselmo Martínez Pena pola implicación directa na recollida de marcas así como tirando fotografías; “a José Antonio Uris Guisantes, que aportou algunhas das fotografías que figuran no libro”; aos seus “compañeiros na asociación, Manuel A. Pombal Diego, que colaborou  na parte fotográfica e a Antón Ferreira que aportou fotografías e valiosa información de primeira man recollida ao longo do tempo por el mesmo”; e “por suposto a Asociación ANABAM que, unha vez máis, aportou a colaboración necesaria, tanto desde o punto de vista de axuda económica como de traballo, ademáis da organización de exposicións relacionadas coas marcas en particular, e co mundo do mar en xeral”.

Como vai ser a tónica ao longo de todo libro prácticamente, Agustín Ferreira Lorenzo, recolle unha importante cantidade de imaxes fotográficas - tanto en b/n como a toda cor - ademáis doutros recursos materiais e inmateriais (debuxos, motes, anotacións,...) cos cales documenta seu traballo. E todo iso perfectamente hilvanado ao longo da publicación, combinando á información recollida cos elementos gráficos.

Como oportunamente lembra o autor “é esta a segunda publicación monográfica editada por ANABAM sobre as MARCAS MARIÑEIRAS da Guarda, logo daquela emblemática que saira á luz no ano 1995 da autoría de Antón Ferreira. Dende esta asociación sempre quixemos que esta parte da etnografía guardesa continuase a estar entre a poboación local; por iso, ano tras ano, dun xeito ou doutro, tratamos de que as marcas non pasasen ao esquecemento (...)”.

“Temos que lembrar – salienta o autor – que foi o membro desta asociación, Antón Ferreira, quen comezou a ocuparse da temática mariñeira coa recollida de diverso material que estaba destinado ao vertedoiro municipal ou a ser queimado nas fogueiras de San Xoán e San Pedro, a mediados da década dos oitenta do século pasado (...)”.

Ademáis de lembrar as diferentes exposición organizadas, Agustín Ferreira Lorenzo, documenta os acordos acadados con ACIGU e o Concello de A Guarda, respectivamente, así como outras actividades desenvolvidas ata hoxendía.

No libro cita tamén ás persoas que na década dos oitenta foron os primeiros estudosos das marcas mariñeiras: Eliseo Alonso, Ricardo Rodríguez Vicente e Antón Ferreira Lorenzo.

A exposición das marcas dos mariñeiros de Póvoa de Varzim, organizada polo Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim e pola Comisión de Festas do Monte Santa Trega; que tivo lugar na vila de A Guarda, no mes de agosto de 1983, sería o que nos abriría os ollos para que non demorásemos en poñernos a traballar na recolleita de información oral e de material etnográfico. Esa mostra, que contou coa participación directa do avogado e emprendedor, Valentín Paz Andrade; do escritor, poeta e investigador, Eliseo Alonso Rodríguez; do presidente naquela altura, da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim; así como de Manuel Álvarez Alonso, presidente da Comisión de Festas do Monte Santa Trega, e de Jesús Castro “Chaval”, patrón maior da Confraría de Pescadores “Santa Tecla”, marcaría un antes e un despois no que respecta ao patrimonio marítimo de A Guarda. E como posteriormente teríamos oportunidades varias, de cultivar o secular vencello entre guardeses e poveiros, a relación e a colaboura entre as persoas da Póvoa de Varzim e da Guarda sería cada vez máis estreita. Boa proba diso foi á primeira singradura da “Fé em Deus”, desde o porto da Póvoa de Varzim ata o de A Guarda.

Andado o tempo, a Lancha Poveira do Alto, tería como irmá o volanteiro guardés “Piueiro”. Todo un logro colectivo propiciado pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.

O libro “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”, de Agustín Ferreira Lorenzo, é unha achega formidable á recuperación do patrimonio marítimo e da nosa memoria como pobo mariñeiro de tradición milenaria. Nas súas páxinas hai moito para ler, para lembrar, para suscitar conversas familiares, para evocar os que por imperativos de forza maior, xa non están entre nós,.... E sobor de todo, nese libro está toda unha galería de sabios pescadores. De homes de mar, coas súas señas identitarias. Nomes, apelidos, alcumes, fotografías e súas marcas. E son elas – ás marcas – as que nos ofrecen unha riqueza que nos viu, con toda probabilidade doutras latitudes, de pobos mariñeiros cos que compartimos – e temos constancia do que decimos - parte do seu ADN.

A coidada publicación vén a poñer ainda en máis valor, o magnífico legado etnográfico da comunidade mariñeira guardesa. Unha tarefa, na que compre salientar a adicación e o agarimo demostrado polos irmáns Agustín e Antón Lorenzo Lorenzo, desde á Asociación Naturalista “Baixo Miño”.

 Ainda queda moito por facer para ter unha visión o máis completa posible do que fomos e do que somos.  Da nosa historia como pobo e do que queremos amosarlles ás xeracións vindeiras e tamén os que nos visitan. Propomos que non deixemos ao esquecemento, a máis que merecida homenaxe a Eliseo Alonso, que non debera demorarse por máis tempo. E porqué non, á recuperación dalgunha das antigas casas de pescadores. Algunhas presentan a día de hoxe – e desde fai décadas – un penoso estado de conservación. Recuperar e rehabilitar museísticamente, algunha desas vivendas non é tarefa imposible se nolo propomos. E hai recursos para iso. O reto queda aí.

Nosos parabens a Agustín Ferreira Lorenzo e a todas ás persoas que coas súas achegas (orais, materiais, etc.) fixeron posible a publicación do libro “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”. Unha obra - en realidade, un verdadeiro tesouro - que non debera botarse en falla en ningún fogar guardés que se precie.
Regreso al contenido