LAGOA DE CARREGAL - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

LAGOA DE CARREGAL

ANABAM > SOBRE NÓS
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Corrección: Manuel A. Pombal Diego

1993

GRAVEIRA DE FORCADELA (TOMIÑO)
UNHA OPORTUNIDADE ESTRAGADA


     Nos traballos de campo levados a cabo polos membros de ANABAM ao longo de varios anos -dende o 1991- fixemos numerosas visitas a unha antiga explotación de áridos situada a carón da estrada Tui-A Guarda, na parroquia de Forcadela. Xa levaba algúns anos abandonada, ata tal punto que se establecera nela unha pequena e incipiente comunidade de flora e fauna que aproveitaba as pequenas charcas para ir medrando. Podían verse espadanas, iris, xuncos... e algún que outro pato real, mergullóns pequenos, cobras de auga, etc. Pero tamén, de cando en vez, producíanse verquidos ilegalmente. Podían verse amoreados refugallos de todo tipo, dende escombros de obra ata restos de invernadoiros, rodas de vehículos, latas de herbicidas...

   Isto, dende logo, preocupábanos moitísimo. Así que comezamos a interesarnos seriamente por este pequeno espazo propóndonos, como meta, o da súa recuperación e posta en valor. Naquela había axudas europeas ás que podiamos acceder. O primeiro que fixemos foi ir ao Concello para saber dos propietarios do terreo. Alí dixéronos que eran terreos municipais. Falamos entón co Alcalde. Espuxémoslle a idea do que queriamos facer. A medida que traballabamos neste asunto vimos que había máis interlocutores relacionados con ese terreo. Fomos falando con todos eles: co Presidente da Comunidade de Montes de Amorín; co presidente da Sociedade de Caza "A Tomiñesa"; con algúns veciños...

CARACTERÍSTICAS DA ZONA
    Superficie: algo máis de 3 hectáreas.
    Perímetro: preto de 800 metros.   
    Ubicación: á dereita da bifurcación entre a estrada "vella" e a "nova" dirección                  Tui-Tomiño.
    Entorno: Norte e oeste: fundamentalmente piñeiral. Leste, parcialmente piñeiral
              e fincas de cultivo. Sur: estrada Tui-A Guarda
    Regato anexo: regato do Hospital.
    Uso no ano 1993: ningún.



PROXECTO DE RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR

    Dadas as características da parcela, e das observacións realizadas ao longo de varios anos, consideramos que era un bo lugar para tratar de transformar este espazo degradado nunha pequena "área natural" que acollese, en mellores condicións, ás especies que estaban a utilizala evitando, ademais, o paulatino recheo e contaminación da zona. Comezamos a deseñar o proxecto e a preparar a solicitude de cesión por parte do concello tomiñés a ANABAM durante uns anos. Unha vez asinado o convenio, presentamos a correspondente solicitude de subvención ao CEDER.

O PROXECTO

  Tal e como se observa nos planos, a lagoa contaría con dous observatorios de aves, un situado ao norte e outro ao oeste, que estarían elevados sobre un muro construído coa grava extraída do que sería a lagoa propiamente dita. Cara ao sur habería un pequeno bosque de ribeira formado por amieiros e salgueiros. A continuación, unha pradeiría de xuncos así como un canaveiral de carrizo. A auga sería subministrada por unha acequia que discorre a carón do que sería a lagoa, que xa existía, procedente do río Hospital. Contaría tamén cun pequeno aparcadoiro.   

ASINADO O DOCUMENTO CO CONCELLO TOMIÑÉS

      A Comisión de Goberno do 15 de febreiro de 1993 acorda por unanimidade subscribir o convenio de cesión do terreo por un tempo mínimo de cinco anos, prorrogables nun futuro acordo entre as dúas partes (Concello e ANABAM).
       O 18 de outubro de 1993, asínase o convenio no que se expón o obxecto do mesmo; as razóns que motivan este e a súa finalidade: función educativa ambiental, función científica, actividade de ocio e función turística.
    Unha vez cumpridos todos os requisitos, asinamos o convenio co Concello de Tomiño, de tal xeito que os cinco primeiros anos ANABAM xestionaría directamente a zona e, nos cinco anos seguintes, sería creada unha Xunta Reitora do seguinte xeito: Presidente: Alcalde do Concello de Tomiño; Director-conservador: membro de ANABAM; dous vocais concelleiros do Concello de Tomiño, designados polo pleno do mesmo; un vocal designado pola Consellería de Agricultura e Montes da Xunta de Galicia e un vocal designado por ANABAM.

    
PRESUPOSTO:
    
    Co fin de facer un cálculo estimado do que podería custar todo o proxecto, falamos con Hormigones Val Miñor, que estaba a poucos metros da gravera para que nos dese un presuposto do movemento de terras. Tamén tiñamos referencia do custe dos observatorios. Feitas as contas o presuposto estimado era duns 16.300.000 pesetas (aproximadamente 162.000 euros). Redactamos a solicitude de subvención que presentamos ao Centro de Desenvolvemento Rural do Baixo Miño (CEDER), dentro da denominada "Iniciativa Leader" da Comunidade Europea. O proxecto debeu parecer interesante porque foi subvencionado co 100%.

    
     
ACORDO CO CONCELLO DE TOMIÑO
    Con data 22 de maio de 1993 e para optar con tempo suficiente ás subvencións do CEDER, presentamos un escrito de urxencia no concello dirixido ao Alcalde, naquela José Luis Fernández Lorenzo, dándolle conta do que queriamos facer e solicitando asinar entre as dúas entidades "...convenio de cooperación entre o Concello de Tomiño e ANABAM no senso de que por parte dese concello se lle ceda a ANABAM, por espazo de dez anos, a mencionada parcela".

    Na Comisión de Goberno dese mesmo día, 22 de maio de 1993, o alcalde da conta do mesmo sinalando "...se recoge que la creación de esta zona húmeda contribuiría a la conservación de un enclave natural importante, a la vez que potenciaría una mejor educación ambiental y contribuiría al desarrollo del turismo rural". A Comisión de Goberno acorda proceder ao estudo da citada proposta se ben mantería a titularidade e dispoñibilidade da citada propiedade.

ENTREVISTA COA XUNTA XESTORA DE MONTES EN MAN COMÚN DE FORCADELA
     O 30 de agosto de 1993, logo de varios intentos, conseguimos reunirnos cos dous veciños representantes da Xunta Xestora (Eloy e Benito). Entregamos unha copia do proxecto. Lle explicamos que unha vez consolidada a lagoa, en dous ou tres anos, xa deixariamos todo en mans deles. Lles parece interesante o proxecto e parece que todo ía marchar ben.
     12 setembro 1993: Reunímonos de novo cos dous veciños. Comunícannos que non van permitir que se faga nada no terreo, segundo acordo da Asemblea. Solicitamos que na vindeira xuntanza da mesma nos deixen asistir para explicar o proxecto. Néganse rotundamente.
    Ao longo deste tempo, dende o ano 1991 ata 1994, levamos a cabo numerosas xestións: Asesoría Xurídica da delegación de Agricultura de Pontevedra, Presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Amorín; Alcalde de Tomiño; Xerente do CEDER e cos dous veciños opositores, entre outros representantes de diversas entidades.
     23 de novembro 1993, asinamos o convenio de Cesión co Concello de Tomiño.
     27 de novembro, poñemos denuncia no Cuartel da garda Civil de Tomiño e no Xulgado de Tui contra tres veciños de Forcadela por movemento de terra nunha parcela que nos foi cedida e por ameazas a membros de ANABAM.
    13 de decembro, mantemos unha xuntanza coa Sociedade de caza "A Tomiñesa" para explicarlles o proxecto. Parécelles interesante e positivo o mesmo. Están dispostos a deixar un tramo de seguridade duns cen metros.

Maqueta nunha exposición de natureza realizada
no Centro Cultural da Guarda, organizada por ANABAM.


Foto: Antón Ferreira Lorenzo

AUMENTAN OS PROBLEMAS
    A partir dese momento e encabezados polos dous veciños de Forcadela, de ideas políticas contrarias ao rexedor, comezan a torpedear o proxecto. Logo da primeira reunión con eles, na que amosaron unha actitude favorable, non tardaron en mudar de opinión ata o punto de non querer saber nada do proxecto, comenzando unha campaña de intoxicación na que tamén incluiron insultos e ameazas contra os membros de ANABAM.

     Dous foron os motivos do rexeitamento: 1º/ Teñen que ver coas ideas políticas contrarias entre o grupo de Goberno e eles. 2º/ que reclaman como da parroquia os terreos onde queremos construír a lagoa. Informámoslle que nós o único que queremos é recuperar unha zona, que mesmo sería positivo para Forcadela xa que podería xerar que se achegaran persoas e, deste xeito, favorecer algún tipo de comercio relacionado coa lagoa. Diante do panorama que se presenta, construímos unha maqueta e varios paneis informativos que expoñemos durante uns días na entrada do concello tomiñés. Tamén convocamos a tódolos veciños de Forcadela a unha charla informativa (1 de abril, venres santo, 12 da mañá, na Casa de Cultura) para clarexar a situación e de que tódolos interesados poidan plantexar as dúbidas que teñan ao respecto.

Maqueta construída polo socio Luis Dorado Senra,
que sería exposta na entrada do Concello de Tomiño
nos días previos á charla informativa que se ía
dar no Casa da Culturade Tomiño.


Foto: Luis Dorado Senra
CHARLA INFORMATIVA

     Chega o día da charla e instalamos a maqueta na entrada. Asisten unhas 40 persoas, convocadas, na súa maioría, polos dous veciños que mobilizan aos seus afíns. Cando estabamos a iniciar a charla saudando aos presentes, un dos promotores da oposición non dubida en interrompernos comezando a súa intervención cun claro rexeitamento ao proxecto, pondo de manifesto que baixo ningún modo ían permitir a nosa intervención na graveira e que nos ateramos ás consecuencias, etc., etc. Os asistentes ademais de apoialos comezaron a lanzar improperios contra nós. Unicamente dúas señoras que tiñan propiedades nos límites da futura charca mostráronse a favor do proxecto e nos apoiaban. Non puidemos falar. Cando iamos facelo, tódalas persoas asistentes levantáronse e marcharon, deixándonos coa palabra na boca, como se adoita dicir. Unicamente recibiriamos, novamente, o apoio das dúas señoras. Diante dese panorama, optamos por abandonar o proxecto, máxime tendo en conta que, semanas antes, promovido polas dúas persoas que mobilizaban os actos contrarios, deron orde para que se empezase a verter escombros e terra no que ía ser a lagoa. Alí foron vertidos todo tipo de refugallos: plásticos, rodas de vehículos, restos de invernadoiros, entullos..

    Hoxe, máis de 25 anos despois, xa nada queda das pequenas charcas que acubillan unha incipiente e interesante fauna como patos e mergullóns pequenos. Foi, pensamos nós, unha oportunidade perdida para que Forcadela e Amorín contaran cunha lagoa que, de seguro, atraería a moitos afeccionados á ornitoloxía e que estaría nas rutas de observación de aves.
ABANDONAMOS O PROXECTO
     Os opositores seguiron coa súa teima e lanzando proclamas para convencer aos veciños: que si ían quedar sen terras; que non ían poder construir; que a fábrica próxima (Hormigones Val Miñor, situada na outra beira da estrada) tería que pechar; que non se ía poder cazar, que ían construír un campo de fútbol.

   Diante do panorama tan adverso, do cariz que estaba a tomar a cousa e de que nunca estivo no noso ánimo os enfrontamentos ou o de crear polémica, decidimos abandonar definitivamente o que podería resultar positivo para a parroquia.

    A todo o que aconteceu, houbo que sumar a postura dun incapacitado presidente dunha sociedade de caza que en xuntanza previa no concello deu o seu total apoio, para, nun par de semanas, cambiar radicalmente a súa postura inicial. Mesmo os partidos políticos da oposición axudaron moito a "rizar aínda máis o rizo".

    En fin, consideramos, naquela e hoxendía, que Forcadela perdeu unha grande oportunidade, un potencial centro de interese capaz de recibir visitantes e, consecuentemente, unha posible fonte de ingresos para unha parroquia que sacaría proveito do que puido ser e non foi.


Vexetación existente antes de ser soterrada ilegalmente
a parcela. Amieiros, salgueiros, xuncos e iris, entre outras
plantas propias das zonas húmidas medraban na graveira.

Foto: Agustín Ferreira Lorenzo

     José Luis Fernández Lorenzo, Alcalde do Concello de Tomiño,
apoiou en todo momento este proxecto e deunos tódalas
facilidades para poder levalo a cabo.


Foto: Agustín Ferreira Lorenzo

  A prensa fíxose amplo eco do tema durante un bo tempo. Como exemplo poñemos arriba un dos artigos de opinión aparecido no xornal La Voz de Galicia (19/abril/1994), á esquerda nota de Esquerda Unida no Faro de Vigo (13/xaneiro/1994), debaixo  nota do BNG tamén no Faro de Vigo (6/xaneiro/1994).
Regreso al contenido