Siphonaria pectinata - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

Siphonaria pectinata

BIODIVERSIDADE > FAUNA > MOLUSCOS
Siphonaria pectinata
(Falsa lapa)
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
26 marzo 2019

Reino: Animalia            
Filo: Molusca           
Clase: Gastropoda     
Superfamilia Siphonarioidea     
Familia: Siphonariidae    
Género: Siphonaria
Especies: S. pectinata




                Esta especie, da que non coñecemos rexistros puntuais no Baixo Miño, aínda que si está citada de xeito xeral entre A Guarda e Baiona(1), observámola por vez primeira nesta bisbarra o 24/03/2019, durante unha prospección realizada pola costa sur da Guarda.
 
 
     Ese día, durante a marea baixa, percorriamos un tramo da citada costa para recoller información das diferentes especies presentes no tramo intermareal. Cando estabamos á altura da depuradora, practicamente na intermareal alta, nunha poza mariña de auga superficial, decatámonos da presenza dunhas “estranas lapas” que había nela xunto con outras lapas, “das de sempre”. Entón limitámonos a sacar unhas fotos das mesmas e tratamos de identificar a especie na casa. Consultamos varias guías, pero non demos con esta estraña lapa. Días despois (08/04) regresamos á mesma zona para recoller algúns exemplares, cinco en total, coa finalidade de observalos con máis detalle no noso estudo. Sacamos fotos, tomamos medidas dos mesmos, e procedemos a extraer o animal da cuncha para ver esta interiormente.
    A continuación collemos novamente as guías e tratamos de averiguar a especie en cuestión.  Mesmo indagando na internet. O resultado foi sempre nagativo e non había xeito de coñecer que especie tiñamos na man. Así que decidimos colgar algunhas fotografías no grupo Malacoloxía Ibérica do Facebook, coa finalidade de que puidensen ser identicadas. E poucas horas despois xa tiñamos a resposta tan ansiada (2). Era normal que non atopáramos eses exemplares no grupo das lapas, porque , non eran lapas!! Aínda que se parecen, de aí que o seu nome vulgar sexa falsa lapa.
    Na Guía de Moluscos de Galicia (3) , vimos que a especie estaba presente en Galicia, dende A Guarda ata Carnota. Pola súa parte, xa fora observada no ano 2016 en Nigrán (4) . Tamén sabemos que no ano 1917, esta especie tropical atopábase no Estreito de Xibraltar e xa, no 1940, fora observada preto de Coímbra. Polo tanto, as evidencias da´súa expansión son claras. Agora a saber se esta expansión se debe á actividade humana (posibles exemplares pegados nas embarcacións, obxectos flotantes, mesturados con especies importadas…)  ou ao cambio climático, algo que os estudosos están a tratar de investigar.
    Emilio Rolán Mosquera (1), sinalaba que entre os anos 1967-1972, atoparan medio cento de exemplares entre A Guarda e Baiona, pero despois dese ano, aínda que trataron de localizala novamente, non foi observado ningún exemplar. A explicación que daba  é que a especie, ao ser de augas máis cálidas, non era capaz de se reproducir aquí. Os exemplares atopados poderían proceder de larvas que chegaran favorecidas polas corrientes, se instalaran nesta costa e se mantiveran sen poder reproducirse, ata que o seu ciclo vital acabase. Esta tamén é a explicación que da do por que se atopan nas charcas superficiais. Sería debido a que a auga da mesma quéntase máis doadamente que nas charcas con máis auga e, polo tanto, vese favorecida por unhas temperaturas máis axeitadas para su supervivencia. Deste xeito considera que a presenza de S. pectinata, pode ser cuestión de períodos debido, como xa
dixemos, a que os exemplares sexan arrastrados polas corrientes. En calquera caso, debido ao quecemento, ao cambio climático, hai moitas posibilidades de que a especie acabe por instalarse definitivamente nestas costas e reproducirse de xeito normal.

HÁBITAT
       A localización sitúase no tramo superior da marea alta, moi próxima á liña da supralitoral, véxase fotografía da dereita. Nesa zona hai varias pozas mariñas de escasa profundidade, arredor de 20 cm. Unha das pozas ten como tres metros de lonxitude por metro e medio de ancho. As demais son pequeneiras. Algunha ten zonas cunha profundidade de medio metro, pero a Siphonaria sitúase nas paredes máis próximas á superficie. En tódalas pozas a marea só chega cando está xa arriba de todo, polo que podemos establecer que a auga directa do mar as cubre durante un par de horas por marea. Deste xeito, a temperatura da auga vai máis alta que as pozas de máis abaixo. O número de exemplares observados anda polos tres centos, observamos exemplares de diferente tamñao, dende individuos pequerrechos ata os máis grandes. Como "acompañantes" algunhaslapas (Patella sp.), Littorina saxatillis, algún que outro mexillón e algunhas caramuxas (Monodonta lineata). Entre as algas, observamos fundamentalmente algúns pes de Enteromorpha sp.

DESCRIPCIÓN DOS INDIVIDUOS RECOLECTADOS
   A descripción das características están baseadas nos cinco exemplares recopilados por nós.
  O de maior tamaño acada os 28 mm de lonxitude (segundo a bibliografía consultada, pode chegar ata os 30 mm).  
  O ancho chega ata os 20 mm.
Altura da concha <= 10 mm.

 
 
 
Cuncha externamente:
          Cor exterior de cuncha: marrón clara
          Cuncha exteriormente con radios moi finos e moi próximos entre si.
          Entorno do ápice moi “rozado”.
          Ápice subcentral, aínda que lixeiramente desprazado.
 
Cuncha internamente:
        Moi brillante.
     Ata a metade, algo máis ou menos, dependendo de cada concha, e partindo do borde,  predominio da cor negra formada por estreitas liñas moi próximas entre si que alternan con outras máis claras, que se corresponden cos radios externos.
     Cara ao ápice, de tonalidade clara.
     Entre a franxa escura e a clara, pode haber manchas ou un “arco” tamén escuro.
   Á esquerda a poza mariña máis grande na que se observaron parte das Siphonarias. Ao fondo o edificio da depuradora guardesa.
(1): Emilio Rolán Mosquera. Revista de Ciencias del mar. Vol. 1, Nº 1. Anexo 1, 1983.
(2): Antonio de la Nuez Latorre e Juan E. Trigo. Facebook.
(3): Varios autores.
(4): Jonatan Antunez,  (http://biodiversidade.eu/especie/siphonaria-pectinata)

Regreso al contenido