Universidade de Vigo e ANABAM colaboran no estudo e conservación do esteiro do Minho
M. DEL RÍODUVI
29/09/2011
Os esteiros son zoas sensibles pero moitas veces tamén ameazadas. Para analizar e propoñer respostas a estas situacións naceu DeltaNet, proxecto internacional que pretende mellorar a gobernanza das rexións europeas con esteiros, mediante a creación dunha rede de cooperación. A Universidade de Vigo participa nesta rede, composta por 9 rexións de 7 países, coordinando a rede rexional Minhonet a través do grupo de investigación GIEEA. Neste marco realízanse tanto actividades formativas e de debate como estudos e traballos de investigación, tres dos cales foron presentados este mes en Tulcea, Romanía, co gallo da celebración da Conferencia Internacional DeltaNet sobre os deltas e os terreos húmidos, evento preliminar oficial do Sexto Foro Mundial da Auga 2012 que terá lugar en Marsella.
Lola Domínguez e Luis Martínez son membros do GIEEA, Grupo de Investigación en Economía, Ecoloxía e Agroecoloxía e foron os representantes da Universidade neste foro, xunto a Manuel A. Pombal, profesor da Facultade de Bioloxía que colabora neste proxecto no tocante á saúde ambiental. Xunto con eles, Noé Ferreira, alumno de Bioloxía e membro da xunta directiva de ANABAM, Asociación Naturalista Baixo Miño, á que tamén pertence Pombal.
Froitos do traballo conxunto
Froito desa colaboración entre Universidade e ANABAM son os traballos presentados neste foro internacional, “dúas ponencias relacionadas coas actividades desenvolvidas por ANABAM no Baixo Miño galego-portugués durante os 26 anos da súa existencia”, explica Manuel Pombal. O propio profesor amosou aos expertos internacionais os casos prácticos de protección e conservación de especies ameazadas no esteiro do Miño. Ademais de comentar os traballos de protección e conservación de especies como ocarábido Eurynebria complanataou as plantasOtanthus maritimuse
Corema album, Pombal explica que se centrou “maioritariamente nun dos proxectos estrela que vimos desenvolvendo en ANABAM dende hai xa mais de 10 anos, o Proxecto Píllara, expondo a súa evolución e os resultados acadados na praia de Camposancos ata o ano 2007, así como o grande éxito acadado este verán cando comezamos co mesmo proxecto, agora baixo a denominación de Proxecto Borrelho, (nome da píllara papuda en portugués) nas praias do norte de Portugal como Camarido, Moledo, Vila Praia de Âncora e Afife”.
Manuel Á. Pombal Diego
Unha solución ao problema do ferry entre A Guarda e Caminha
Noé Ferreira centrou a súa intervención nas boas prácticas e actividades sostibles desenvolvidas por ANABAM no esteiro do Miño. Ademais de salientar a enorme riqueza natural que posúe o esteiro do Miño, Ferreira fixo especial fincapé en algunhas das actividades levadas a cabo por ANABAM para, por unha banda coñecer, conservar e defender, e por outra por en valor dita riqueza. De xeito máis concreto, Ferreira apuntou o rexeitamento á construción dun porto deportivo, dun campo de golf ou de urbanizar unha das illas do esteiro. Outro dos temas tratados, como explica Manuel A. Pombal, é a polémica do ferry e do posible dragado desta zona do esteiro, unha medida que rexeitan dende Minhonet e á que propoñen unha alternativa para manter o transbordador entre A Guarda e Caminha: o uso da canle natural que tradicionalmente veñen empregando as barcas de pesca, “o cal redundaría nun gran beneficio tanto económico (dragar menos veces e extraer menos area), como medioambiental (menor alteración da zona e menos area acumulada)”.
Pola súa banda, os investigadores do GIEEA Lola Domínguez e Luis Martínez e membros de Minhonet participaron nun workshop previo á conferencia internacional especificamente centrado na saúde medioambiental do esteiro e na sedimentación e riscos de inundación. Alí, explica Lola Domínguez, “presentamos as boas prácticas en canto a saúde medioambiental e asistimos a presentación dun estudio externo no que colaboramos sobre sedimentación e riscos de inundación para os esteiros do Miño e do Elba e os deltas do Vistula, Danubio e Ebro”.
A programación do proxecto DeltaNet comprende dúas conferencias máis, a primeira delas versará sobre a concienciación sobre os problemas dos deltas e terá lugar en Gdansk, Polonia, en maio de 2012, mentres que a segunda abordará as políticas coordinadas para os deltas e será en Bélxica no outono de 2012.