O proxecto de Fototrampeo Baixo Miño é unha iniciativa posta en marcha por ANABAM nesta primavera coa que
pretendemos afondar no coñecemento da fauna da bisbarra, especialmente dos carnívoros que, polos seus hábitos, na meirande parte das
ocasións só poden ser estudados a través dos seus rastros e sinais.
Seis membros de
ANABAM, apoiados polo resto do grupo de traballo, dedican parte do seu tempo a percorrer os cinco concellos do Baixo Miño colocando
as oito cámaras de fototrampeo que aportarán valiosos datos, non só da fauna de carnívoros da comarca, senón de tódolos animais que,
atraídos polo isco ou por simple casualidade, pasan fronte aos equipos de detección.
INTERESANTES RESULTADOS NO PRIMEIRO MES DO PROXECTO DE FOTOTRAMPEO
Neste primeiro mes realizouse a mostraxe de 38 km2, o que representa case que un 10% da superficie total do Baixo Miño. Por
diante quedan once meses de intenso e gratificante traballo que nos permitirán coñecer máis a fondo a fauna da comarca.
Grazas aos datos obtidos no proxecto poderemos establecer áreas que, ben por ser o hábitat de especies en perigo, ben pola súa biodiversidade,
requiren unha maior atención e un maior esforzo de conservación. Así mesmo, poderemos realizar o seguimento de áreas que sufriron
algún tipo de impacto (como os lumes deste verán) e o proceso de recuperación da súa fauna.
O proxecto, iniciado oficialmente o día 22 de marzo, deixounos ata o momento interesantes e curiosas fotografías
da fauna coa que compartimos a comarca. Raposos, xenetas, teixugos ou garduñas entre outros, son capturados polos equipos que se manteñen
durante cinco días en cada cuadrícula (1 km2) ata que os datos son recopilados e as cámaras se colocan na súa nova ubicación.
Ata o día da posta en marcha deste proxecto, outras iniciativas se levaron a cabo en Galicia utilizando o fototrampeo como método de estudo, grazas a estas puidemos ter en conta valiosos aspectos á hora de deseñar este traballo que é o máis ambicioso pola extensión do territorio no que se desenvolve, o número de unidades de mostraxe e o número de equipos utilizados.
OUTRAS EXPERIENCIAS EN GALICIA:
http://fototrampeo.blogspot.com.es/
http://carnivorosmedianos.blogspot.com.es/
Mapa do Baixo Miño coas cuadrículas nas que se realizaron as mostraxes entre os días 22 de marzo e o 24 de abril no desenvolvemento do proxecto de fototrampeo que ANABAM leva a cabo na bisbarra.
Pois xa temos o material necesario para empezar, este próximo 15 de marzo, coa nova actividade que vai desenvolver
ANABAM no Baixo Miño: o Proxecto de Investigación da Fauna Silvestre a través de fototrampeo. Trataremos de saber, non algo máis,
senón bastante máis, desa fauna oculta que non se deixa ver doadamente, sobre todo a nocturna. Inicialmente o equipo está formado
por sete persoas pertencentes ao GT (GRUPO TRABALLO) de ANABAM, formado nestes momentos por 11 persoas. Con seis cámaras, cada
unha delas cos seus correspondentes pacs de pilas recargables (dous xogos); un cargador e dúas tarxetas SD de 8 G. As
cámaras a utilizar son as LTL ACORN 5210 A IR Invisible de 12 mega pixels.
Este proxecto
de momento non está subvencionado, así que, se alguén quere contribuir con el e aparecer como colaborador económico, non ten máis
que poñerse en contacto con nós.
Imaxe de raposo (Vulpes vulpes) obtida por fototrampeo durante os traballos desenvolvidos no “Proxecto Píllara – Borrelho 2013”
na Praia de Moledo (Portugal).
VOTA A ANDAR O NOVO PROXECTO
Recentemente, ANABAM incorporou o foto trampeo como método de estudo da natureza nalgúns dos traballos
traballos de campo realizados nestes últimos meses, obtendo interesantes resultados no Proxecto Píllara - Borrelho, permitíndonos
coñecer máis polo miúdo, as interaccións entre a píllara das dunas e os animais cos que comparte espazo, principalmente mediante a
identificación de depredadores nas zonas de acubillo dos polos.
O foto trampeo é unha técnica de estudo da
natureza que nos permite obter datos tanto das especies que están presentes nunha determinada área, como a súa frecuencia e densidade.
Para iso tómanse imaxes tanto de vídeo como instantáneas cun equipo autónomo que consta dunha cámara dixital, un flash de luz infravermella
e un detector de movemento que activa o disparador cando rexistra a presenza de movemento, permitindo a gravación de imaxes tanto
durante o día como durante a noite.
O uso destes equipos permitiranos darlle unha visión máis ampla ao estudo da biodiversidade do Baixo Miño, xa que as cámaras poden manterse durante días ou semanas no medio recollendo información da fauna do lugar.
A principal vantaxe que aportan estes métodos de estudo é a non interferencia na
vida salvaxe que se amosa tan pronto como desaparecemos da escena, xenetas, raposos, ratas... ocupan o espazo que parecía deserto
e cuxa presenza so se evidencia polos rastros e pegadas atopados polo grupo de traballo sobre o terreo.
Estes
rastros son os utilizados para determinar o punto no que se colocan os equipos axudándonos de iscos olorosos para aumentar a efectividade
e atraer a atención da fauna ata a área de detección. No noso caso, as primeiras experiencias realizámolas con sardiñas en conserva
cuxo cheiro atrae a carnívoros e roedores que sorprendidos son capturados pola cámara.
ESTUDO DA FAUNA BAIXOMIÑOTA A TRAVÉS DA TÉCNICA DO FOTOTRAMPEO