CARBALLO VERDE (II)
(VILAR-TOMIÑO)
Creemos as afirmacións de Mª del Pilar nos seus intentos de que as administracións se fixesen cargo da conservación deste exemplar, pois dende Anabam fixemos unha solicitude de inclusión desta marabillosa árbore no catalogo de árbores senlleiras da Xunta de Galicia para que puidese gozar dos coidados precisos: non obtivemos ningunha resposta dos encargados de inventariar estas árbores, nin sequera tiveron a delicadeza de poñerse en contacto con nós nin no caso desta solicitude nin das outras dúas solicitudes que presentamos, e iso xa pasou un ano desde a nosa proposta de inclusión no catálogo e o prazo é de seis meses, entendemos que nestes casos o silencio é negativo e moi silencioso.
Negativo porque entendemos que non respostar significará que se rexeita a proposta, negativo tamén porque algunhas árbores, como o Carballo Verde simplemente desaparecen. Silencioso, moi silencioso o procedimento porque os cidadáns quedan sen resposta, silencioso tamén porque xa os paxaros non aniñarán nas polas desta árbore extraordinaria.
Unha nova perda no noso particular catálogo de árbores senlleiras do Baixo Miño, esta vez o máis lamentable é que puido evitarse,
tomando a tempo as medidas de protección axeitadas, pero parece que non é unha prioridade dos nosos gobernantes a conservación destes
exemplares únicos.
Neste caso trátase do coñecido comoCarballo Verde, unha sobreira de gran tamaño e varios
séculos de vida que foi deteriorándose lentamente polas continuas fogueiras que un veciño facía ao carón do seu tronco,
e non como se nos contara nun principio por queimar rodas pegadas a ela, este dato pódese verificar agora ao observar a cantidade
de lixo que quedou ao descuberto, trala caída da árbore.
Estas fogueiras deixáronse de facer grazas ás protestas
no concello doutra veciña, Mª del Pilar, que ten a sensibilidade das persoas que veñen de fóra e que saben apreciar o que nós non
somos capaces de ver.
Se lle preguntas a un exipcio nacido aos pes das pirámides, que lle parecen? seguramente dirá
que son algo corrente e normal, así ocorre cos de aquí, seguimos sen apreciar o que temos.
Mª del Pilar leva aquí algo
máis de vinte anos. Xa desde un principio quedou sorprendida da falta de sensibilidade cunha árbore tan extraordinaria, polo que decidiu
actuar: Dirixiuse ao Concello de Tomiño para que se deixasen de facer as fogueiras e tomasen medidas de conservación, so conseguiu
o primeiro.
Dirixiuse entón á Xefatura de Montes en Pontevedra, fíxoo varias veces, e o resultado foi que lle dixeron
que árbores como ese había moitos e as árbores tamén teñen que morrer (un servizo oficial dándolle a unha cidadá respostas de colexial,
mal informados ou sen gañas de informarse axeitadamente, con verdades de perogrullo...?).
É certo, árbores deses hai moitos,
pero non desa antigüidade, e menos no Baixo Miño. Tamén é certo que o ciclo da vida principia e remata, pero con axuda pode alongarse
a vida e con malas prácticas e escasos coidados acurtarse de xeito significativo.
Así, vemos que en moitos lugares estas
árbores tan lonxevas son coidadas como os anciáns que son, poñéndolle estacas nas polas que as axudan a soportar o peso, limpándolle
as feridas e protexéndoas. Infórmase aos interesados e interesadas para que poidan localizalas, deste xeito poden ser visitadas e
admiradas por todos e todas, e haberá máis xente que reclame que sexan coidadas como merecen.
Solicitude de inclusión no Catálogo galego de árbores Senlleiras, con data de rexistro o 04 de xullo de 2012.