Unha gran variedade de iscos foi usada nos estudos realizados con fototrampeo, pero
poucos foron validados para obter resultados óptimos e comparables. Este estudo ten como obxectivo analizar a eficacia dos diferentes
iscos usados nos estudos de fototrampeo na Península Ibérica. En primeiro lugar, realizouse unha revisión bibliográfica para identificar
os iscos máis comúns. Logo, realizouse un programa intensivo de seguimento mediante fototrampeo cos iscos identificados. Finalmente,
estimamos o efecto do tipo de isco na detección media de mesocarnívoros como especies de interese (teixugo, raposo, garduña, xeneta,
can e gato asilvestrados) e doutras especies de mamíferos (xabarín, cabalo, vaca, cabra e ovella). Os resultados mostran que as especies
de interese visitaron con máis frecuencia as cámaras nas que se usou polo e peixe como isco. A carne de polo mostrou unha maior detección
de teixugos, garduñas e xenetas. As sardiñas enlatadas en aceite vexetal resultaron un isco atractivo para raposos e cans asilvestrados.
As cámaras sen isco e os iscos a base de vexetais ou excrementos e ouriños resultaron ser iscos ineficaces para as especies de interese,
coa excepción dos gatos asilvestrados. Unha grande variedade de iscos foi usada para inventarios de mesocarnívoros ou en estudos de
especies individuais na Península Ibérica. En consecuencia, os resultados obtidos na maioría destes inventarios e estudos non se poden
comparar entre si. Ademais, como os iscos non son igualmente efectivos, os datos de diversidade e abundancia poderían ser subestimados
e comprometer a calidade e utilidade dos datos obtidos. Os nosos resultados destacan a necesidade de métodos estandarizados nos estudos
de fototrampeo para seguir unha metodoloxía replicábel para obter resultados viables e comparables entre diferentes estudos.
Este
é o resumo dotraballo que de forma máis extensa e completa ven de ser publicado (de momento solo online, pero sen acceso público)
na revista de investigación MammalsReseach, e debe citarse como:Ferreira-Rodríguez, N. &Pombal, M.A. Mamm Res (2019).https://doi.org/10.1007/s13364-018-00414-1
Eficacia do isco utilizado nos estudos de fototrampeo na Península Ibérica aplicados ao Baixo Miño
Figura 1. Mapa cos 98 puntos de mostraxe cubertos entre xaneiro e decembro 2016 no Baixo Miño (NO da Península Ibérica).
Figura 2. Detección media das seis especies de interese ("Target"; teixugo, raposo, garduña, xeneta, can e gato asilvestrado)
e doutras cinco especies de mamíferos ("Non-target"; xabarín, cabalo, vaca, cabra e ovella) para cada isco (Unbaited: sen isco, chicken:
polo, Fish: peixe, Peanut: crema de cacahuete, e urine: ouriño de gato).