USO DA PRAIA POLOS BAÑISTAS
Cada vez este uso é máis intenso, máis duradeiro no tempo e máis pronto.
Pode empezar xa no mes de marzo e durar ata case que finais de outubro, con picos entre os meses de xuño a agosto. Nalgúns areais
a masificación é tan forte que, literalmente, non hai espazo para a píllara.
(Foto Julio Valeiras)
DESPRAZAMENTOS EN VEHÍCULOS
Aínda que é unha práctica non moi habitual no Baixo Miño, ás veces
algún vehículo tipo quad utiliza os areais como lugar para goce. Existe certamente un perigo inmediato tanto para ovos como para polos.
Na imaxe observamos unha píllara chocando os ovos, nun niño que se salvou por centímetros de ser esmagado polas rodas dun quad.
DEPREDADORES
Outro factor de risco, tanto para as postas como para os polos, son os depredadores, en
primeiro lugar os corvos e en segundo lugar os raposos. Outras especies que depredan ou poden depredar son as gaivotas, lagartos e
gaviáns, estes últimos sobre os polos. Coas medidas de protección, os lagartos son os que máis posibilidades teñen, xa que non teñen
impedimento para se introducir no interior das gaiolas e facerse cos ovos. Máis complicado téñeno os demais depredadores que non teñen
accesos ás postas, si ben observamos na praia de camposancos varios intentos de escarvar (raposos ou cans) chegando mesmo ata as postas
nas praias do norte portugués.
En moitos casos, os depredadores xa asocian as gaiolas con alimento e,
de aí, que nalgunhas praias, fundamentalmente na zona portuguesa (tal vez porque haxa máis depredadores que na beira galega) chegaron
a estragarse algúns niños ao escarvar e acceder aos ovos. Isto pode resolverse posiblemente cunha doble gaiola, (unha dentro
da outra separadas entre sí varios centímetros e cun peso suxeto á mesma que impida sexa levantada).
LIMPEZA MECÁNICA DA PRAIA
A limpeza mecánica dos areais resulta ser unha das máis prexudiciais para
todo ecosistema dunar. No que respecta á píllara, a utilización deste tipo de maquinaria significa a destrución das postas sen remisión,
pois levan por diante todo o que haxa na superficie, sexan polos ou ovos. Ademais tamén inciden no posible esmagamento de niños e
polos.
MAREAS
O último contratempo co que se poden atopar as píllaras son as mareas. As veces as postas aparecen
moi próximas á liña de marea, de tal xeito que nas mareas vivas a auga pode chegar ata elas. Agás excepcións, na meirande parte dos
casos as postas podemos salvalas, ben facendo unha barreira coa mesma area da praia, ou ben trasladando estas metros máis arriba.
Neste último caso (como fixemos nós) convén facelo en varios días, movendo a posta poucos metros arriba cada día, evitando tocarlle
coas mans para non estragar os ovos e deixando os mesmos o máis parecido posible a como estaban orixinalmente. mesmo se os ovos permaneceron
un tempo submerxidos, sempre que non fose demasiado, as postas seguen a ser viables.
A ACTIVIDADE HUMANA, DIRECTA OU INDIRECTAMENTE, É A PRINCIPAL AMEAZA QUE TEN A PÍLLARA/BORRELHO
Son varias as ameazas que inciden directamente sobre a nidificación de Charadrius alexandrinus, sendo, tal vez, a máis prexudicial a
ocasionada polos humanos debido, por unha banda a masificaicón destes espazos en época de nidificación, por outra banda, polas esixencias
dos mesmos no mantemento dun areal "limpo" e, finalmente, polas actividades de lecer que se levan a cabo na praia. A todo isto hai
que sumar que si ben ata practicamente finais do século pasado, estes areais maioritariamente eran utilizados en época estival, agora
este uso se incrementou fóra dese período, maiormente a partir de marzo-abril sempre e cando o tempo soleado acompañe. E este uso
coincide plenamente coa época de reprodución e desenvolvemento dos polos, que vai xustamente de finais de marzo a agosto.
MASCOTAS
Resulta unha práctica habitual levar os cans á praia e mesmo, moitos propietarios lles
gusta velos correr detrás das aves que se atopan alimentándose ou descansando na beira da auga.
Tanto polos como ovos vense así ameazados por estes animais que, no caso dos polos, se os ven correr lanzaranse tras deles para darlles
caza.
Ovos depredados por corvos (Corvus corone corone) na praia de Camposancos, sobre unha psota que non
tiña medidas de protección. As pegadas delatan ao autor da desfeita.
A flecha amarela sinala unha posta que quedou debaixo da auga na praia de Camposancos. O nivel
da marea está reflectido pola liña negra. A dirección da subida da marea indícase coas flechas azuis. Esta posta tivemos que trasladala
dúas veces, noutros tantos días, para evitar que seguira quedando submerxida. No primeiro día desplazámola aproximadamente un par
de metros. No segundo día algúns metros máis. As píllaras seguiron chocando os ovos e, transcurrido o tempo normal, eclosionaron felizmente
os dous ovos que contiña o niño.
CO APOIO ECONÓMICO DE
WEEDEN FOUNDATION
Coordinación proxecto praia de Camposancos:
-Agustín Ferreira Lorenzo
Coordinación proxecto praias norte Portugal:
-Noé Ferreira Rodríguez
Grupo de traballo:: -Angílica Entenza, Carlos
-Dorado Senra, Luis
-Ferreira
Lorenzo, Agustín
-Ferreira Lorenzo, Antón.
-Ferreira Rodríguez, Noé
-González
de Dios, Mª Consuelo
-Pombal Diego, Manuel A.
-da Silva Diz, Ricardo.
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Fotos:Luis Dorado Senra
Agustín Ferreira Lorenzo
Noé Ferreira Rodríguez
As píllaras/borrelhos dependen de nós.
Se queres colaborar neste proxecto como VOLUNTARI@, preme AQUÍ