Presentación
 
      Queremos seguir dando a coñecer os valores que ten o entorno do Baixo Miño iniciando un novo apartado, denominarémolo “Guía Anabam das Áreas Recreativas do Baixo Miño”, e tentaremos documentalo sen extendernos tampouco demasiado en explicacións, deixando ao interesado que non coñeza estes lugares unha porta aberta a súa curiosidade.
 
¿Que é unha Área Recreativa?
 
     Son lugares escollidos normalmente porque posúen unha beleza natural, facil acceso, e estar acondicionados para proporcionar un servizo recreativo: contan, xeralmente, con auga potable e unha serie de equipamentos, nos que se trata de achegar a natureza aos cidadáns visitantes.
 
    Como consecuencia dunha medida que nós consideramos errónea, a prohibición de utilizar os asadeiros das Áreas Recreativas nas zonas de monte  dos concellos que teñen a  declaración de Zonas de Alto Risco (Z.A.R.) de incendio durante o verán, estes lugares están cada vez máis en desuso e algúns incluso moi abandonados.
 
     Non se quixo facer, ou non foi posible tomar as medidas necesarias co fin de adecuar as Áreas Recreativas para que reuniran as suficientes medidas de seguridade que permitiran facer uso do lume nelas de xeito responsable, e iso foi o motivo principal da perda de uso e o abandono destes lugares, sitios meritorios pola súa paisaxe cando menos, e ás veces tamén por outras características, entre as que naturalmente estarán as plantas que neles habitan.
 
     Son, por definición, lugares pensados para o recreo e o acercamento das familias á natureza, e nestes momentos apenas cumpren a súa función; pero parece que esta prohibición pode ter reparación  na nova Lei de montes que nas  modificacións a  Lei 3/2007, do 9 de Abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia  di así:
  
Artigo 36 – 4. “ Excepcionalmente a consellería con competencias en materia forestal poderá autorizar áreas recreativas incluídas en zonas de alto risco de incendio nas cales se poidan preparar alimentos, sempre  que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos especificos que se sinalen regulamentariamente.
 
Zonas de alto risco de incendio: Así clasificadas pola Consellería, poden ter delimitación de parroquia ou municipio.
(Os concellos do Baixo Miño están todos declarados como zonas de alto risco de incendio).
 
Epocas de perigo: Clasificadas como perigo alto, perigo medio, perigo baixo.
 
Indice de Risco Diario de Incendio Forestal, IRDI: Establece o nivel de risco diario que pode ser Baixo(1), Moderado(2), Alto(3), Moi Alto(4) Extremo(5)
 
Nas épocas de Perigo Alto (normalmente no verán do 1 de Xullo ao 30 de setembro e calquera outra época do ano nas que as condicións sexan adversas) ou fora destas épocas e cando o IRDI sexa Moi Alto ou Extremo:
Está prohibido  nas zonas forestais ou de influencia forestal realizar fogueiras para recreo ou ocio e para confección de alimentos así como utilizar equipamentos de queima destinados á iluminación ou preparación de alimentos.
 
Como consultar o IRDI: No portal da Conselleria do Medio Rural, apartado Forestal, sección Incendios forestais, IRDI
Ou premendo no seguinte enlace:
 
 
http://mediorural.xunta.es/areas/forestal/incendios_forestais/irdi/
 
 
 
 

EQUIPO RESPONSABLE

 AXENTE FORESTAL..............................................Emilio Alonso Gómez (Arriba)
   AXENTE FORESTAL.................... José Miguel Escanciano Maricalva (Esquerda)
AXENTE FORESTAL................................................Ricardo da Silva Diz (Centro)
FOTÓGRAFO............................................................Luis Dorado Senra (Dereita)
 
COLABORADORES...................................................Membros do GT de ANABAM
 
GUÍA  ANABAM  DAS
 
ÁREAS  RECREATIVAS  DO  BAIXO  MIÑO
 PORTADA   BAIXO NIÑO   ÍNDICE  E  MAPA  INTERACTIVO DAS  ÁREAS RECREATIVAS