Coñecen, como poucos, o entorno natural da comarca do Baixo Miño, fundamentalmente por razóns de traballo, polo que sería unha mágoa que estes coñecementos non se divulgaran. Interesados dende hai tempo por esas impresionantes árbores das distintas especies que se poden atopar aquí e acolá na comarca, decidiron facer un inventario das mesmas, elixindo a web de ANABAM como ventá para dalas a coñecer, cousa que, dende esta asociacióm, temos que agradecerlles.
Na fotografía, de esquerda á dereita: Ricardo, Emilio e Miguel.
Publicado o 14-04-2012
Para que esta presentación o sexa en verdade bastará dicir que a varios axentes forestais pareceunos boa idea facer unha especie
de catálogo de árbores senlleiras (ou polo menos sobresaíntes) na contorna do Baixo Miño, as nosas razóns poderían ser moitas pero
compre resumilas porque o interesante (se chega a selo) será o que veña despois... A primeira e principal motivación que temos é dar
a coñecer ao público en xeral valores que ten o entorno do Baixo Miño, que ao noso parecer son ben dignos de salientarse.
Entendemos que podemos así deixar a nosa pequena pegada homenaxe aos forestais ilustres (como o señor Rafael Areses, a quen haberá
ocasión de citar en relación coa súa obra: creación do Viveiro Central Forestal de Areas en 1906, contribución ao coñecemento da flora
exótica dos nosos parques e xardíns, a repoboacións diversas etcétera), tamén aos que, como o Bispo Salvado, trouxeron ata aquí sementes
de moi lonxe cos motivos que foran, a tantos outros e outras, anónimos, profesionais ou afeccionados sen máis, que a seu modo
e cos seus medios contribuíron a que teñamos o que agora é motivo de orgullo e gozo para todos e todas nós.
Pero máis que aos profesionais, que tamén, o noso traballo vai dirixido aos afeccionados e afeccionadas, así como a quen só por curiosidade
gusta de ver estas cousas. O noso será un catálogo de ‘representantes da natureza que por distintos motivos (o seu tamaño, a súa lonxevidade,
algunha característica tal como a rareza etcétera) chaman a atención de quen os ve, sexan veciños, veciñas ou visitantes de lonxe
ou de preto. En certo sentido, pensamos, coñecelos será querelos máis, ser coñecidos pode contribuír a que sexan tidos en conta e
coidados se chega a ser necesario. Por outra parte, o feito de que algúns destes verdadeiros monumentos vexetais chegaran a formar
parte da toponimia dos lugares (quen non escoitou falar da Costa do Piñeiro Manso?) pon ben de relevo o que aquí queremos reflectir,
e algo do interese do que se revisten ás veces certos exemplares. Comprometémonos a deixar constancia nesta páxina das árbores e arbustos,
autóctonos ou non, pola súa singularidade de toda índole; das formacións boscosas; dos lugares de interese, incluídas as áreas
de lecer, pola vexetación que os poboa, pola paisaxe que os rodea ou por outros motivos diversos. Hannos vir ben as achegas, informacións
ou indicios de por onde seguir buscando, non nos cabe dúbida de que é moita a oferta, e como esperamos que a demanda o sexa igualmente,
tamén estamos seguros de que moitos e moitas dos e das que lean isto poden ter algo que dicir que nós non saibamos, e toda achega
será enriquecedora.