PLAN PROCORE 2020 - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

PLAN PROCORE 2020

BIODIVERSIDADE > 2020 REINTRODUCIÓN E PROTECCIÓN DE ESPECIES NO BAIXO MIÑO
    PROCORE é o acrónimo do plan desenvolvido por ANABAM cuxo significado é PROTECCIÓN, CONSERVACIÓN e REINTRODUCIÓN de especies na bisbarra do Baixo Miño. Ata hai uns anos este plan denominábase PES (Plan de Especial Seguimento), mais o nome mudouse a partir deste ano por ser máis acorde co que se leva a cabo. Dende que se puxo en marcha este plan ANABAM conseguíuse mellorar e, nalgúns casos, mesmo superar a situación crítica na que se atopaban certas especies da fauna e flora do Baixo Miño. Neste senso, por exemplo, temos que sinalar que no ano 2001 iniciamos a recuperación de Otanthus maritimus, na praia de Camposancos (A Guarda) onde antes dese ano apenas se contabilizaban en toda a praia 15 pés, desaparecendo no ano 2001 trala nefasta actuación do Concello guardés. O programa de reintrodución levado a cabo por ANABAM durante varios anos, permitíu o asentamento definitivo desta especie na citada praia, pero non só iso, senón que as medidas tomadas (reintrodución con exemplares da outra beira do Miño e protección dunar -pasarelas, valado e eliminación da limpeza mecánica) deu como resultado que hoxe sexa unha das especies máis comúns en todo ese areal con máis de 300 exemplares, ou sexa, multiplicamos por vinte o número de exemplares con respecto aos que había antes do ano 2001. Outra das especies na que estamos actuando dende o mesmo ano -2001- é na protección dos niños e polos de Charadrius alexandrinus (píllara das dunas -praia de Camposancos- ou Borrelho -praias do norte portugués-), dando como resultado a protección de máis de medio milleiro de niños que supuxo o nacemento de preto 1.000 polos. Outra especie á que prestamos a nosa atención dende o ano 2010 foi a bolboreta Charaxes jasius, creando o denominado "bosque para unha bolboreta" ou sexa, un espazo dedicado á conservación e ampliación da súa área de distribución, nunha hectárea de terreo cedida pola Comunidade de Montes de Camposancos, na falda leste do Monte Santa Trega (Guarda), sendo, posiblemente, o primeiro espazo da Península Ibérica onde se fixo un "refuxo" dedicado a un lepidóptero. Mais non todo foron éxitos. Desgraciadamente non conseguimos salvar o escaravello denominado cientificamente Eurynebria complanata que habitaba e se reproducía nas praias da desembocadura do Miño, dunha e doutra beira, desaparecendo definitivamente de Camposancos no ano 2009 e pode darse por desaparecido das praias do norte portugués. Tampouco tivemos éxito, polo de agora, na reintrodución de dúas plantas:a Honckenia peploides e Corema album (camariña) coa que volveremos a intentalo novamente neste ano. No ano 2018 levamos a cabo a pri,meira sementeira de Glaucium flavum na costa sur da Guarda e na praia do Puntal (praia de Camposancos), pero de momento sen éxito.

Otanthus maritimus, planta que conseguimos reintroducir na praia de Camposancos multiplicando por vinte o número de exemplares que había ata o ano 2001. (Foto Agustín Ferreira)
Charaxes jasius, neste caso unha eiruga. Creamos o denominado "bosque para unha bolboreta" ampliando a área de distribución desta especie á A Guarda. (Foto Agustín Ferreira)
Eurynebria complanata, non fomos capaces de salvar esta especie presente nas praias do Baixo Miño dunha e doutra beira do río. (Foto Agustín Ferreira)

RETO PARA O 2020

   Para este 2020 imos tratar de seguir nesta liña de protección, conservación e reintrodución de diferentes especies presentes na comarca que consideramos están ameazadas. Neste senso, ademais de seguir co Proxecto Píllara/Borrelho iniciado anos atrás,  (Otanthus e Charaxes xa os damos por concluídos) ampliaremos ou retomaremos novamente os traballos para ver se somos quen de que as seguintes especies queden fora da "lista vermella" de ANABAM.


    -Woodwardia radicans: Trátase dun fento redescuberto polo botánico Xosé Ramón García na desembocadura do regato Lavandeira (Oia) no ano 2000 (deses primeiros exemplares xa non queda ningún). Uns meses máis tarde, membros de ANABAM observarían máis  exemplares regato arriba. No Baixo Miño só está presente no citado concello, estando todos eles nunha situación precaria, con menos dunha ducia de exemplares presentes. Trataremos de que o Concello de Oia tome interese por esta especie tan rara e escasa en Galicia evitando a súa desaparición. Os exemplares existentes atópanse á esquerda do regato Lavandeira, próximos a súa desembocadura, a carón do mosteiro oiense.
Foto Manuel A. Pombal Diego


    -Honckenia peploides: O botánico Baltasar Merino, xesuíta no colexio de Camposancos, citou esta especie na praia de Camposancos. Polos motivos que sexan, pode que pola extracción de area, esta planta desapareceo da zona, e ninguén lembra vela nese areal. Na actualidade só hai unha única poboación nunha pequena praia de Mougás, a carón do camping O Muiño. Mais a súa situación é de perigo inminente de desaparición. ANABAM puxo en marcha durante varios anos algunhas medidas, fundamentalmente de información. A superficie que ocupaba reduciuse notablemente nos últimos anos. Nestes intres atópase nunha situación crítica. Non existe outro lugar no Baixo Miño galego onde estea presente.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo


-Corema album (Camariña): Especie que non a atopamos no Baixo Miño galego, pero é de supoñer que nalgún momento debeu estar presente, pois era abondosa no litoral galego e podemos vela na piñeiral de Camarido (Caminha).

     A situación actual nese piñeiral é precaria, con exemplares solitarios e de pouca entidade, agás os que se atopan nun resquicio dunha antiga duna, ao final do Camarido, en Moledo, que teñen bo tamaño.
   
     Durante varios anos tratamos de introducila (ou reintroducila) no piñeiral de Camposancos, esparcindo centos de sementes e, mesmo, plantóns. Pero non conseguimos que fosen adiante. En Galicia, o punto máis cercano de presenza de camariña está nas Illas Cíes. En Portugal, como xa dixemos, en Camarido, pero logo non volve verse ata 150 quilómetros máis ao sur.

Foto Agustín Ferreira Lorenzo

-Scolymus hispanicus, planta semellante a un cardo que aparece ao longo da costa do Baixo Miño en lugares moi concretos. Na Guarda aparecía en varios puntos da costa, mais na actualidade xa está practicamente desaparecida. No Baixo Miño, vése fundamentalmente fronte ás Orelludas (Oia), onde hai un bo número de exemplares. A desaparición desta especie na Guarda débese ás labores de roza por parte do concello.
Foto Agustín Ferreira Lorenzo
   
 -Glaucium flavum (Papoula maritima): Xa iniciamos, no 2018, o proxecto de tratar de ampliar a súa área de distribución na Guarda, esparcendo centos de sementes na praia do Puntal e nun tramo da costa sur. Hai uns cinco anos medraba en varios puntos da costa guardesa. Por actuacións antrópicas apenas quedan media ducia de exemplares principalmente na costa norte.
Foto Agustín Ferreira Lorenzo

   
   -Pandion haliaetus (Aguia peixeira):  Este será o reto máis difícil de conseguir: que a aguia peixeira se manteña todo o ano no Esteiro do Miño e, ademais, aniñe. De conseguilo será, sen dúbida, un fito na comunidade galega, dunha importancia capital para a fauna da bisbarra en particular e para a galega en xeral.

Foto Luis Dorado Senra
Regreso al contenido