SECCIÓN ENTOMOLÓXICA : "Pelegrín Franganillo"
Na saída de campo levada a cabo o 26/07/2014, demos cunha nova localización da araña denominada Cheiracanthium. Formabamos o grupo de traballo os seguintes membros de ANABAM: Carlos Angílica Entenza; Agustín Ferreira; Luis Dorado Senra; Mª Consuelo González de Dios; e Ricardo da Silva. Ese día, pola tarde, desprazámonos á veciña parroquia de Estás, no municipio de Tomiño, visitando dúas áreas próximas ao Arroio Bravos. Nun dos prados puidemos observar máis dunha ducia de niños desta aráña, que gardaban cun escrupuloso celo, defendéndoo de calquera ameaza externa.
No seu interior está a posta e a araña adoita acubillarse tamén dentro, saíndo cando presinte algunha ameaza.
A Cheiracanthium é unha araña que produce unha picadura moi dolorosa e, ata certo punto perigosa,
como puidemos observar hai xa algúns anos nunha señora da Guarda que precisou de asistencia médica, aínda así, debemos vela non como
inimiga, pero si con respecto. A cor do cefalotórax é avermellado mentres que o abdome é amarelento.
Cheiracanthium ten uns quelíceros que, de verdade, impoñen un pouco. A pesares da súa relativa perigosidade, sobre todo pola dor da súa picadura, non coñecemso practicamente ningún caso que se dea no Baixo Miño.
No centro da pradería que se ve na imaxe, foi o lugar de localización desta araña, así como doutras de especies diferentes.
Á esquerda a araña custodiando o niño. Á dereita detalle do niño, formado por unha especie de tubo ou campana.
Dende a Pedrada, Vilachán, observamos a pradería onde localizamos a Cheiracanthium o 3 de agosto de 2013, así como outras especies diferentes de arañas.