AS SALINAS
PRERROMANAS
DA GUARDA (IV)
SALINAS PRERROMANAS (I)
Portada
Patrimonio
SALINAS PRERROMANAS (II)
SALINAS PRERROMANAS (III)
          Nestes momentos estamos dando os toques finais á próxima publicación de ANABAM que versará sobre as salinas prerromanas da Guarda. Ademais dun inventario das mesmas, vanse divulgar a súa localización exacta, referenciada con coordenadas de cada unha delas obtidas por medio de GPS, acompañadas de notas sobre as mesmas así como posibles interpretacións da súa presenza.
 
      Para poñer ao día os datos que temos, correxir algúns erros, sobre todo relacionados coas coordenadas, buscar novas pías, etc, etc, estamos levando a cabo, dende o pasado ano, novos percorrido pola costa guardesa, dende Camposancos ata Portecelo (límite da Guarda co Rosal), si ben neste último lugar tamén temos rexistradas algunhas pías.
 
          Este traballo, no seu conxunto, iniciámolo no ano 2011 coa posta en marcha dunha campaña para potenciar, poñer en valor e divulgar as pías salineiras da Guarda e, particularmente as de Camposancos, por ser este último o lugar de maior concentración de pías salineiras así como o de máis fácil observación e acceso ás mesmas.  Dende esa data, as visitas organizadas por ANABAM á desembocadura do Miño inclúen tamén a observación dalgunhas delas.
 
         A tipoloxía destas, como se pode ver nas fotografías que acompañan esta nota, é moi variada, habendo algunhas que non deixan indiferente a ninguén pola beleza que presentan.
 
 
        
         Finalmente temos que sinalar que non podemos deixar de lado e lembrar a aquelas persoas que prestaron, algunhas siguen prestando, un grande interese tanto pola divulgación que fixeron das mesmas, como polos pasos dados para a súa conservación e protección así como polo traballo de campo realizado para coñecer onde se localizaban as pías salineiras. Grazas a eses predecesores, hoxe temos a sorte de continuar nós, de xeito particular, dando un paso máis, co traballo iniciado por eles, dalgúns dos cales xa fixemos mención noutras partes desta páxina dedicada ás salinas.
 
      Vai o meu recoñecemento en primeiro lugar a Antonio Español Gil e Antón Ferreira Lorenzo, precursores do traballo de campo, que alá polos anos oitenta do século pasado iniciaron este camiño e do que queda como testemuño o folleto editado pola Agrupación Cultural Guardesa no ano 1984, que é, que nós saibamos, o primeiro rexistro escrito sobre este tema agora tan de moda polas escavacións levadas a cabo. Agradecemento tamén quefago extensivo a Ricardo Rodríguez Vicente, que amosou e divulgou dende hai tamén moitos anos o tema das salinas, e a Cándido Andrés Verde Vicente,que non deixa de patear por eses laberínticos camiños  que incansablemente percorre na procura das testemuñas dos nosos antergos. A todos eles moitas grazas porque, directa ou indirectamente, abríronme este novo e interesante camiño no deambular da vida cotiá.
 
        
 
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

Actualizada o 08/xaneiro/2019
SALINAS PRERROMANAS (IV)