AS SALINAS (III)
CAMPOSANCOS - A GUARDA
Portada
Unha das salinas prerromanas formando parte da delimitación dunha finca privada na Guarda. Sobre ela un GPS utilizado para xeorreferenciar e rexistrar cada pía salineira
Dende que empezamos a preocuparnos e ocuparnos das salinas prerromanas da Guarda, chamounos poderosamente a atención a ubicación das mesmas.
 
      Como sabemos, na vila guardesa atopamos dous tipos de salinas prerromanas, (poden ser dos séculos II e I a.C. ou quen sabe se mesmo de antes): unhas escavadas sobre rochedos fixos ("rochas nai") e outras sobre rochas exentas, movibles. Ámbalas dúas teñen a mesma tipoloxía: un lixeiro reborde dunha altura que debería andar polos cinco centímetros como mínimo, hoxe bastante menos debido á erosión producida ao longo de centos de anos, e forma variable, dende máis ou menos cadradas a máis ou menos circulares. A superficie tamén é variable, hainas bastante pequenas, de poucos centímetros, ata máis dun metro de diámetro.
 
      As pías salineiras esculpidas nas rochas fixas atópanse a máis de 100 metros da líña de marea, na mentres que as esculpidas nas rochas movibles están a distancias variables: unhas nos mesmos lugares que as fixas e outras no borde superior da supralitoral.
 
     Esculpir unhas e outras tivo que supoñer certo esforzo para os antigos poboadores deste espazo. Estabamos na Idade do Ferro e é moi probable que as ferramentas utilizadas para traballar a pedra fosen deficientes en canto á calidade das mesmas.
En consecuencia, polo dito anteriormente, facémonos unha pregunta: que necesidade habería de traballar esas rochas se toda a costa está percorrida por unha liña de rochedos con morfoloxías axeitadas tanto para producir sal (ao igual que nas pías), pois hai innumerables pozas de tódolos tamaños, como para esculpir neles as cabidades necesarias?
 
      Nos mesmos, no mes de xullo deste pasado verán do 2015, recollemos nunha poza preto da zona de Sollás, uns 250 gramos de sal.
 
     Podería pesarse que dado que o mar está preto, coa subida da marea as pozas marinas se encherían de auga de mar e daríase ao traste coa posibilidade de obtención de sal. Sen embargo, esta explicación podería servir para as pozas que están moi abaixo, na intermareal media o inferior, pero non para as pozas que están na intermareal superior e, moito menos, para as que se atopen na supralitoral. Poderiamos mesmo pensar que cando hai temporais e coincide coas mareal altas, o mar chega e mesmo sobrepasa a supralitoral. Non obstante, no verán non temos temporais e as temperaturas son relativamente altas, sobre todo nos meses de xullo e agosto, polo que as condicións meteorolóxicas e mariñas son aceptables, boas para esta finalidade. Sen embargo e como sinalamos máis arriba, tanto as pías salineiras fixas como un bo número das movibles, non están ubicadas, precisamente, nos rochedos e si, afastadas deles.
Así que, logo de consultar todo o que tiñamos a man en relación ás pías salineiras e non atopar nada que nos indicase estas razóns, tratamos de buscar unha explicación, para nós lóxica que, dado que non somos especialistas, é posible que calquera poda rebatir. A explicación, chamémoslle hipótese, que se nos ocorre é a seguinte: hai uns 2000 anos o nivel do mar sería algo máis baixo que o actual, tal vez dous, tres.. metros inferior, de tal xeito que a liña de marea poderiamos situala a partir dos 50 metros mar adentro da que hoxe vemos. Toda a franxa litoral, como podemos observar coa marea baixa, áchase percorrida por un cordón de rochas graníticas e xisto que o mar deixa ao descuberto durante a baixamar, para quedar novamente cuberto, case que na súa totalidade, na preamar. Iso non ocorría hai dous milenios. O mar non chegaba ata eles. Pero si isto fose así, os habitantes de entón terían, con máis razón, rochedos dabondo para construír as pías salineiras ou para aproveitar os ocos que hai nelas. Así que como isto non sucedeu, ten que haber outra explicación. Esta pasa por considerar que toda a liña da intermareal actual, ata algúns metros máis abaixo dela, terían que estar totalmente cubertos de sedimentos: terra procedente das partes altas e, a medida que descendemos cara ao mar quedarían substituidos por area, limos e rochedos espidos xa a carón deste.
Estes sedimentos rebasaban o metro de altura, superando en moitos puntos os tres ou catro metros. Para darnos unha idea, podería ser algo semellante ao que atopamos hoxe entre a senda litoral e a estrada a Camposancos. O mar estaba algo alonxado, como dixemos uns 60 a 100 metros, e a falla de rochas era manifesto, pois as que había, tiñan sobre elas terra dabondo. Non obstante, algunha que outra rocha solta, exenta, axeitada para esculpir nela unha pía, aínda podía atoparse, ben na superficie ou ben sobresaíndo da terra ou da area, era cuestión de movela e situala onde viñera ben aos seus usuarios para, a continuación, facer a pía. Estas poderían ser as rochas que atopamos hoxe na liña de marea, na supralitoral, e outras moitas que seguramente xa desapareceron polo efecto das ondas e da erosión, ou mesmo utilizadas para outros usos, quen sabe se algunhas delas, mesmo non serían utilizadas no empedrado das salinas romanas que percorren o litoral guardés.
        Estas pías salineiras producían pouca sal, a suficiente para cubrir as necesidades dos antigos poboadores. Sen embargo, non se pode descartar que no caso de haber algún excedente, o sal sobrante se trocase por obxectos ou alimentos que o poboado precisara. Algo parecido ao que sucede actualmente cos produtos do campo que cultivan os paisanos da bisbarra. Non podemos esquecer que o sal era unha necesidade e tiña grande importancia e interese. Un condimento moi apreciado e un produto necesario para conservar algúns alimentos, como carne e peixe. Esta bisbarra carecía de sal e, ao igual que no resto do NW peninsular, as minas de sal brilaban pola súa ausencia. O único xeito de conseguilo era obtelo directamente do mar.
Presentamos no rexistro do concello guardés escrito en relación coas salinas prerromanas de Camposancos para que, xunto coa Entidade Local desta parroquia, se leveN a cabo traballos de desbroce que podan deixar ao descuberto as salinas existentes no piñeiral da praia da mencionada parroquia. Isto facilitaría moitísimo o traballo de ANABAM en canto á recollidade dos datos que pretendemos facer co fin de ter un inventario das devanditas salinas, xa que actualmente se descoñece o número das que hai.
No mes de xullo do ano 2014, e por primeira vez, levouse a cabo unha intervención na zona das salinas prerromanas existentes en Camposancos, da que demos conta nesta mesma sección (véxase máis abaixo) e que consistiu na limpeza e sinalización de tres salinas: dúas no piñeiral da praia de Camposancos e unha no Puntal, tamén a carón da praia de Camposancos. Foi, ata agora, todo o que se fixo e que non deixa de ser testemuñal.
 
     Sen embargo, quedaron atrás o resto das salinas que seguen en pésimas condicións: cubertas de acículas de piñeiro ("fruma" chámase na Guarda), musgo, matorral...
 
     Cando se produce unha intervención no monte no que se atopan, a maquinaria pasa por riba delas puidendo quedar estragadas en calquera momento.
En ANABAM, preocupados no só polo medio natural, senón polo patrimonio arqueolóxico e cultural directamente relacionado coa natureza, caso das salinas, imos relanzar unha campaña para que estes elementos patrimonios non volvan quedar esquecidos. Neste senso, nos vindeiros días imos contactar coa Consellería de Cultura e co Concello da Guarda, logo de manter xa unha primeira entrevista co Presidente da Entidade Local Menor de Camposancos. O obxecto e desenvolver varias medidas entre as que contemplamos: ampliar a limpeza ás restantes que aínda permanecen cubertas pola vexetación; modificar un sendeiro que pasa por riba dunha delas, delimitala do mesmo xeito que as dúas que xa hai; colocación de paneis informativos e sinalización.
Algunhas das pías salineiras están feitas en lousas, mentres que outras se atopan en pedras exentas. Algunhas destas pedras foron utilizadas como delimitación das fincas anexas, como se pode apreciar nas imaxes da esquerda e inferior, posiblemente cando se fixo a estrada-camiño que pasa polo seu carón. Probablemente coa construción do acceso ao xeriátrico, outras pías puideron ser destruídas, pois, lamentablemente, non hai ningunha protección nin inventario das mesmas.
Dende ANABAM iniciamos xa a recollida de datos: medicións, localización con GPS, estado, etc. que intentaremos rematar antes de finalizar este ano 2015, pretendemos con isto facer un rexistro e inventario deste patrimonio guardés do que neste momento carecemos.
Patrimonio
IR A SALINAS (I)
IR A SALINAS (II)

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

Actualizada o 03-02-2016
MÁIS DE 30 PÍAS SALINEIRAS
REXISTRADAS ATA O DE AGORA NA VILA GUARDESA
O autor recollendo datos da ubicación das salinas prerromanas da Guarda.
Actualizada o 29-10-2015
POR QUE AS PÍAS SALINEIRAS
NON FORON CONSTRUÍDAS NOS ROCHEDOS DO MAR?
Actualizada o 29-10-2015
POR QUE AS PÍAS SALINEIRAS
NON FORON CONSTRUÍDAS NOS ROCHEDOS DO MAR?
Actualizada o 15-09-2015
ANABAM SEGUE PREOCUPADA POLAS PÍAS SALINEIRAS DE CAMPOSANCOS