AS SALINAS (I)
CAMPOSANCOS - A GUARDA
Portada
Patrimonio

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

Actualizada o 30-1-2014
IR A SALINAS (II)
      Camposancos, parroquia de A Guarda, situada na marxe dereita da desembocadura do Miño, conta cun patrimonio etnográfico que debe ser tido en conta tanto por parte dos representantes políticos como pola poboación en xeral. Neste patrimonio están incluídas, entre outros elementos, as pesqueiras que se atopan na praia de Camposancos e mesmo na Insua, illa portuguesa que está situada na mesma barra do río; os muíños de vento (muños dise aquí), dos que se conservan as estructuras de tres dos catro que había nesa parroquia e, as salinas, as máis esquecidas por ser menos visibles e menos voluminosas e, tamén, certamente, pola desidia e abandono do noso patrimonio etnográfico.
        Aínda que en varios puntos da costa guardesa podemos ver salinas, vai ser en Camposancos onde aparecen ben localizadas e perfectamente visibeis un bo número delas, fundamentalmente no piñeiral situado a carón da praia da citada parroquia.
 
       Aseméllanse a pías, pero os bordes apenas levantan uns centímetros. Están esculpidas nas rochas graníticas, ben en lousas ou ben en pedras "soltas", exentas..
 
      Algunhas salinas son individuais, é dicir, unha salina por rocha, pero nalgúns casos, na mesma rocha poden aparecer varias, como podemos ver na fotografía do lado.
        Lamentablemente, algunhas destas salinas atópanse cubertas por terra e vexetación, pasando desapercibidas e, polo tanto, con perigo de que sexan destruídas no caso de pasar maquinaria para desbrozar ou para limpar o matorral. Este mesmo perigo pode aumentar por descoñecemento da presenza destas "pías" na zona, polo que é imprescindible tomar medidas, non só para a súa protección e conservación, senón tamén, para a súa divulgación, partindo da premisa que soamente se pode protexer o que se coñece.
     Aínda que a forma predominate é circular, é de sinalar que o tamaño delas, en canto a anchura, é moi variado, atopando algunhas que poden ter case que un metro de diámetro ata outras bastante pequerrechas.
     Neste momento descoñecemos case todo en relación coas salinas da Guarda. Podemos supoñer que foron utilizadas mesmo ata principios do século pasado, pero dende cando? que persoas as utilizaban? Tiñan "propietarios"?
 
     Que nós saibamos, foron Antón Ferreira Lorenzo e Antonio Español Gil os primeiros que fixeron mención ás salinas da Guarda nun folleto editado pola Agrupación Cultural Guardesa no ano 1984, a propósito do enlousado que percorría o litoral dende Punta Barbela ata Punta Bazar, na que fan referencia á existencia de salinas: seis en Bazar; catro nas inmediacións da praia Area Grande e cinco na desembocadura do Miño. Hoxe, nesta última zona, xa temos bastantes máis catalogadas.
      Unha das salinas máis grandes, atópase no Puntal, practicamente ao lado da senda litoral. Atópase nunha rocha solta, Alguén xa esculpiu nela unha letra, deteriorando así o estado orixinal desta salina, non é máis que un "aviso" do que pode acontecer co resto das salinas que aínda quedan na zona.
       O autor deste artigo xunto a unha das salinas de Camposancos.
 
     As salinas espertaron profundo interese no seo de ANABAM, por un doble motivo: primeiro porque forman parte do patrimonio etnográfico guardés e, polo tanto, pensamos que é preciso dalo a coñecer para preservalo. En segundo lugar pola relación que teñen cun aproveitamento racional dos recursos naturais e, conseguintemente, existe unha relación directa co entorno natural.
 
       Dende esta asociación, pois, iniciamos unha campaña que pretende conseguir que uns e outros prestemos especial atención ás salinas, non só de Camposancos, senón das existentes no municipio guardés.
     A carón da Residencia "Monte Tecla", na área sinalada co círculo, atópase unha boa representación de salinas esculpidas en varias laxes repartidas por unha ampla superficie. A construción da estrada levou por diante tamén varias delas, de aí a necesidade de prestar atención a este patrimonio etnográfico guardés. (Foto SIXPAC)
IR A SALINAS (III)
Actualizada o 14-04-2012
 PÍAS SALINEIRAS UN TESTIMONIO ESQUECIDO