ANABAM - LEMBRANZAS

 

QUEN SOMOS?

EQUIPO DIRECTIVO

ASOCIARSE

LEMBRANZAS

GRUPO TRABALLO

ESTACIÓN ORNITOLÓXICA

ACTIVIDADES-ACCIÓNS

CONTACTO

ACCIÓNS SOCIOS EXPOSICIÓNS CONGRESOS SIMPOSIOS ETNOGRAFÍA PRÁCTICAS UNIVERSITARIAS   INFORMACIÓN PROGRAMA 30 ANIVERSARIO

  

     

Actualizada o 15-12-2012

 
 

ESTACIÓN ORNITOLÓXICA

 

     
 

 

    Na década dos noventa, ou sexa, pouco antes de comezar este milenio, a Estación Ornitolóxica era un edificio cuberto de silveiros e de vexetación, cun tellado polo que se filtraba a auga de chuvia e sen uso algún.

 

    Grazas ao interese de ANABAM por recuperar o edificio e transformalo nun centro dedicado á natureza e, sobre todo, grazas á que fora alcaldesa da Guarda, Purificación Álvarez, o edificio sufriu un cambio radical e evitouse o seu derrube. Dende finais da mencionada década, son milleiros de escolares e persoas adultas as que pasaron por aquí, trala súa conversión nun centro denominado Estación Ornitolóxica que trata de achegar ao público cara a natureza máis próxima, a do Esteiro do Miño.

 
         

 

     

Actualizada o 25-09-2012

 
 

PRIMEIRO SOCIO DE HONRA

DE ANABAM

     
 

Na fotografía, vemos a José Mª Quintana o día da inauguración dos Observatorios Ornitolóxicos ubicados na Xunqueira de Salcidos, A Guarda. Ao seu lado o Delegado da Consellería de Agriculta e Medio Ambiente, a continuación o presidente de ANABAM, Agustín Ferreira e de seguido un socio, Carlos Sola.

 

 

   Cando ANABAM se formou, no ano 1985, era xefe de Medio Ambiente o técnico José María Quintana. Dende o primeiro ata o último día, as relacións que mantivemos con José Mª, tanto dende o punto de vista persoal como institucional, foron sempre amigables e de búsqueda de colaboración, cousa que ambas partes conseguimos durante os anos que estivo ao fronte da Xefatura Provincial.

 

    José María tratou sempre de non buscar o enfrontamento, de ser ecuánime, de colaborar con nós na defensa do Medio Ambiente. Gracias á súa colaboración e tesón, conseguiuse que o tramo final do Esteiro do Miño fose declarado Refuxo de Caza, tal e como lle pedimos no seu momento, dado que era o máis doado de conseguir unha vez finalizado o período de Caza Controlada que había ata dita declaración.

 

  Tamén, grazas ás súas xestións directas, foi cumplida outra das nosas peticións: a colocación de dous observatorios na zona de maior querencia ornitolóxica de todo o Esteiro do Miño, observatorios que aínda hoxe continúan desenvolvendo a función para o que foron creados.

 
 

       Pos esa dispoñibilidade hacia esta asociación, polo bo trato e recibimento que sempre nos amosou, polo interese medioambiental cara ao Baixo Miño, decidimos nombralo, con motivo da celebración dos primeiros cinco anos de existencia de ANABAM, Socio de Honra desta asociación, cousa que el aceptou gustosamente. E así, no ano 1990, entre os actos programados para tal celebración, estaba tal distinción, converténdose deste xeito no primeiro Socio de Honra de ANABAM.

 

 

      Actualizada o 15-09-2012  
 

O PRIMEIRO MUSEO DO MAR DA GUARDA

FOI CREADO POR ANABAM NO ANO 1991

 

     
 

 

      O primeiro Museo do Mar que houbo na Guarda, estaba ubicado no primeiro andar co Centro Cultural, grazas a que Purificación Álvarez, á sazón Alcaldesa de A Guarda, aceptase a petición de ANABAM de que se lle cedera unha dependencia do mesmo para poder expoñer, de xeito permanente, o material relacionado co mundo do mar que dita asociación ía recuperando por diveros medios: recollido do lixo, entregado por mariñeiros, etc, creando así o primeiro Museo do Mar.

 

    Foi unha iniciativa de ANABAM a través dun dos seus socios máis activos, Antón Ferreira Lorenzo, quen, dende un principio, propuxo a idea e se encargou de todo o relacionado con este tema.

 

    Por desgraza, o material exposto non tiña as mínimas medidas de seguridade e algunhas pezas foron obxecto da man allea. Por citar un destes casos, constatamos a desaparición dun dos compases (brúxulas) que estaban expostos, e dos que ANABAM tiña tres na sala de exposición.

 

   Na época do Alcalde Riego, a sala dedicada ao Museo, foi convertida nun almacén onde se amoreo o material, deteriorándose parte del. Dende hai uns anos, ANABAM cedeu temporalmente todo o que se poido recuperar ao actual Museo do Mar que se ubica nas inmediacións do porto guardés.

 

   A esquerda, visita do Delegado do Goberno, Diz Guedes ao Museo do Mar, cando este estaba no Centro Cultural. (Foto: Antón Ferreira Lorenzo-anabam)

 

 

      Actualizada o 21-08-2012  
 

 

    

LEMBRAMOS HOXE O PRIMEIRO CURSO

DE ORNITOLOXÍA QUE IMPARTIMOS NO BAIXO MIÑO

     Con esta pegatina divulgamos, no mes de novembro do ano 1985,  unha das primeiras actividades desenvolvidas por ANABAM e coa que tratamios de introducir á poboación no coñecemento das aves.

 

     O Curso, que se desenvolveu ao longo de tres días, venres, sábado e domingo, estivo impartido por Estanislao Fernández de la Cigoña e Agustín Ferreira. Foi apoiado coa proxección de vídeos e diapositivas e rematou cunha visita a unha das áreas ornitolóxicas máis importantes e coñecidas que había por entón: as Gándaras de Budiño.

 

 

 
         
 

 

No ano 1985, os cursos se desenvolvían na Casa da Cultura da Guarda, na rúa Ramón Sobrino.

Como se pode apreciar no cartel, o idioma empregado era o castelán.

 

 
         

 

      Actualizada o 21-06-2012  
 

 

O INICIO DO ECOLOXISMO NO BAIXO MIÑO

 

     
 

 

    Cumpriuse, no pasado mes de febreiro, tres décadas de movemento conservacionista baixomiñoto, cando un grupo de persoas decidiron unirse para loitar contra a instalación dun complexo hosteleiro na marisma de Salcidos. Esa reunión foi o berce da que sería e é, un referente galego na conservación, estudo e protección da natureza, ou sexa, ANABAM. Pero esta entidade tardaría, aínda, tres anos en se constituír, mentres tanto, a súa precursora foi a Sección Ecolóxica da Agrupación Cultural Guardesa ao fronte da cal estaba, precisamente, o fundador de ANABAM.

 

    As reunións levábanse a cabo nun baixo (galerías) da rúa Manuel Álvarez, no que naquela era o local de CCOO, e no que se reunía un grupo de xente vinculada, na súa maioría, coa esquerda local.

 

   Para loitar contra a instalación do complexo hosteleiro citado, que se estaba a construír en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos, editouse diverso material divulgativo, un deles foi a primeira pegatina "ecoloxista" da comarca, que reproducimos á esquerda destas liñas.

 

 

Actualizado o 15-02-2011

 

 

PRIMEIRA XUNTA DIRECTIVA

DE ANABAM

 
 

   O 8 de febreiro do ano 1987, era elixida a primeira xunta directiva de ANABAM, case que dous anos despois de que fora rexistrada oficialmente esta asociación. Aquela primeira xunta directiva estaba formada polos seguintes socios:

     Presidente: Agustín Ferreira Lorenzo

     Vicepresidente: Ricardo Portela Vilas

     Secretaria: Mercedes Coedo González

     Tesoreiro: Darío Vicente Morales

     Vocais: Mario Fco. Conde

                 Carlos Sola Gándara

 
   
     

 

 

 

ANABAM NA REUNIÓN ANUAL DA

ASAMBLEA DE GRUPOS ECOLOXISTAS E NATURALISTAS DE GALICIA (1988)

A frecha sinala ao socio Ricardo Portela Vilas, na cuberta do Alonso de Chaves, xunto con outros membros de

diferentes grupos ambientalistas galegos con motivo do desastre do Cason. (Foto: Agustín Ferreira-anabam)

       O 5 de decembro de 1987, afundíase o mercante “Cason” que transportaba substancias perigosas ocasionando, no accidente, a morte de 23 tripulantes. Con ese motivo a, entón, Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galicia (AGENG) -formada pola maior parte dos grupos conservacionistas galegos- na súa xuntanza anual, 27 e 28 de febreiro de 1988, reuníase en Corcubión para tratar este asunto, ademais doutros coma a problemática dos Ancares ou a elección de representantes ecoloxistas nos Parques Naturais do Monte Aloia e Illas Cíes, hoxe, este último, Parque Nacional.

Ricardo Portela Vilas, membro de ANABAM, na Costa da Morte co Cason afundido.

      Pois ben, en representación de ANABAM acudiron, como viña sendo habitual, os socios e membros da directiva, Agustín Ferreira Lorenzo e Ricardo Portela Vilas, que se desprazaron ata aquela localidade para participar na xuntanza citada. Con ANABAM, estaban outras entidades conservacionistas históricas no movemento ambiental galego: Arco Iris; ERVA, CER, SGHN, CEDENAT, CENAR, MEL... Hoxe a maioría delas xa non existen ou non están operativas.
 

   Ricardo Portela, no centro da imaxe, membro de ANABAM, baixa do Alonso de Chaves logo da protesta efectuada por membros da maioría dos grupos ecoloxistas galegos, con motivo da xuntanza da AGENG (Asamblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas Galegos). (Foto: Agustín Ferreira-anabam)

 

 

 

ANABAM ORGANIZA AS PRIMEIRAS

XORNADAS IBÉRICAS SOBRE PROTECCIÓN E

CONSERVACIÓN DAS ZONAS HÚMIDAS (1985)

De esquerda á dereita: Agustín ferreira Lorenzo, presidente de ANABAM; Raúl González Puebla, Alcalde de A Guarda;

Humberto da Cruz , Presidente da FAT (Federación de Amigos da Terra); Miguel A. Delmás, Director Xeral do MAPA (Ministerio de Pesca, Agricultura e Alimentación); Gerardo Zugasti (Delegado Provincial da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación), na Mesa presidencial de apertura das Primeiras Xornadas Internacionais sobre Protección das Zonas Húmidas, o 1 de novembro de 1985 (Foto: Antón Ferreira Lorenzo-anabam)

     No mes de novembro do ano 1985, días 1, 2 e 3,  ANABAM, xunto coa  Federación  de Amigos da Terra, con se en Madrid, organizaba as Primeiras Xornadas Ibéricas sobre Protección e Conservación das Zonas Húmidas. Foi o noso primeiro e grande evento, reuníndose na vila guardesa preto dun cento de representantes ecoloxistas das ONGs ambientalistas de todo o estado e, mesmo, de Portugal. Na xornada inaugural, contamos coa presenza de destacadas figuras da política, tanto galega coma local, véxanse as fotografías.

       Contamos cunha subvención da Consellería de Agricultura, P. e A., que foi a entidade patrocinadora. Os actos desenvolvéronse no centro de ensino de A Sangriña (A Guarda) pois era, naquela, o único lugar posible onde poder levar a cabo  o evento, o Centro Cultural da Guarda aínda non estaba operativo. A prensa, radio e TV fixéronse eco deste evento. Os asistentes pararon no Hotel Molino, na praia de Camposancos, correndo os gastos a conta de ANABAM.  Para unha asociación como a nosa, que acababa de estrearse, había cinco meses que empezaramos a nosa andaina,  e con moita falta de experiencia, aquel acontecemento representou toda unha aposta da que saímos airosos e da que recibimos moitos parabéns, pois en pouco tempo conseguimos mobilizar á administración e a case que un centenar de grupos ecoloxistas

De esquerda á dereita: Agustín ferreira Lorenzo, presidente de ANABAM; Raúl González Puebla, Alcalde de A Guarda;

Humberto da Cruz , Presidente da FAT (Federación de Amigos da Terra); Miguel A. Delmás, Director Xeral do MAPA (Ministerio de Pesca, Agricultura e Alimentación); Gerardo Zugasti (Delegado Provincial da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación); Carlos del Álamo (que posteriormente sería o primeiro Conselleiro de Medio Ambiente); José Mª Quintana, xefe provincial do M.A.N e Patrik Dugan, representante da U.I.C.N, que veo expresamente dende Suíza para asistir a estas xornadas. (Foto: Antón Ferreira Lorenzo-anabam)

 

 

 

NO ANO 2001, ANABAM RECIBÍA O

PREMIO BANDEIRA VERDE DE GALICIA

   

     Foi un recoñecemento da Consellería de Medio Ambiente ao labor desenvolvido por ANABAM  na defensa, conservación e divulgación dos valores do esteiro do Miño, sobre todo polas accións desenvolvidas na praia de Camposancos.. O acto oficial desenvolveuse nas dependencias da Xunta, en San Caetano, estando presidido polo entón Presidente Manuel Fraga. Tivo lugar o 23 de marzo de 2001e foinos concedido no apartado denominado Conservación da Biodiversidade.

 

    O premio consistiu na entrega da denominada Bandeira Verde, unha placa e un premio en metálico de 6.000 euros.

 

 

O presidente de ANABAM recolle a placa de mans do Presidente da Xunta, Manuel Fraga.

 

 

Carlos del Álamo, o cuarto empezando pola esquerda na fileira de abaixo, era o Conselleiro de

Medio Ambiente, persoa que coñecía perfectamente o labor desenvolvido por ANABAM.

 

 

Varios membros da asociación (de esquerda á dereita: Sonia Cassau; Fátima Márquez; Agustín Ferreira, Aser Ferreira e Ana Leirós)

acudiron ao acto en representación de ANABAM, ademais do Concelleiro guardés José Luis.

 

 

     

      Do "album das lembranzas", traemos hoxe as catro imaxes que reproducimos máis abaixo que nos presentan outros tantos aspectos da ampla actividade desenvolvida, ao longo destes máis de vinte anos, por ANABAM.

 

 

No ano 2000, con motivo do XV aniversario da asociación, organizamos, en colaboración coa Sociedade Filatélica Guardesa, unha exposición filatélica con maselos especial. A exposición tivo lugar no Centro Cultural de A Guarda. Na fotografía, en primeiro plano , de esquerda á dereita Francisco Sobrino, naquela Presidente da Sociedade Filatélica Guardesa; Agustín Ferreira, Presidente e fundador de ANABAM e Francisco Ferreira, entón Concellal de Turismo no Concello guardés.

 

 

No ano 1987 organizamos unhas xornadas internacionais para a protección do Esteiro do Miño. Na fotografía, á esquerda, dous membros do grupo Corema, da veciña localidade de Caminha; á dereita Agustín Ferreira e José Antonio Vicente, en representación de ANABAM.

 

 

Varios membros da primeira Xunta Directiva de ANABAM reunidos durante unha xuntanza de socios. De frente e de esquerda á dereita: Ricardo Portela Vilas, natural de Vigo e hoxe residente en Camposancos; Alfonso Español, administrativo na fábrica das Cachadas; Mario Francisco Conde, naquela mestre en Torrón (Tomiño); Chaver, de Salcidos, profesor e copropietario da autoescola Chaveli, xa falecido;  e Luis Dorado Senra, de Fornelos (O Rosal) aficionado á fotografía. 

 

 

O 10 de abril de 1988, nun acto organizado por ANABAM, se inauguraban oficialmente os observatorios ornitolóxicos construidos, a petición desta asociación, pola Xunta de Galicia. Estiveron presentes o Delegado da Consellería de Agricultura e o Xefe do Servicio Provincial, José María Quintana.

 

 

 

 

PRIMEIRA SAÍDA DO "ATLAS" DE VERTEBRADOS DO BAIXO MIÑO.

De esquerda á dereita: Agustín Ferreira Lorenzo; Ricardo Portela Vilas; Luis Dorado Senra; Darío Vicente Morales; Luis Alberto Baz Rodríguez; José Antonio Rodríguez Vicente e, agachado; Antón Ferreira Lorenzo.

    Fotografía do ano 1987 correspondente á primeira saída ó campo para a confección do Atlas de vertebrados terrestres do Baixo Miño, un proxecto que durou cinco anos, ata 1982,  e permitiu coñecer grande parte da fauna que habita na comarca así como a súa área de distribución. 

CONCENTRACIÓN DE ECOLOXISTAS NA GUARDA

Protesta de ecoloxistas contra o camping Santa Tecla, ubicado na marisma de Salcidos, na máis importante área ornitolóxica do Esteiro do Miño, en plena zona marítimo-terrestre, en zona susceptible de ser inundada. A Lei prohibía, e prohibe,  a instalación deste tipo de establecementos en zonas que poden ser inundadas. 

    No ano 1989, ANABAM é a asociación encargada de organizar a Asamblea de Grupos Ecoloxistas de Galicia, que se reunía anualmente nalgunha zona galega con problemas ecolóxicos. Máis de 40 grupos de toda Galicia e, pola proximidade, algúns portugueses, estiveron na vila guardesa. Entre as actividades que se organizaron estaba unha manifestación contra o camping Santa Tecla, coincidindo, ademais, cunha grande acampada que había no mesmo. 

COLOCANDO CAIXAS NIÑO CO ALCALDE DO ROSAL E O COLEXIO DA SANGRIÑA

 

O CEIP de A Sangriña, naquela Colexio de EXB, foi o primeiro que colaborou con ANABAM no desenvolvemento de actividades relacionadas coa Natureza. Con este centro iniciamos as primeiras saídas escolares, alá polo ano 1985, para observar aves no Esteiro do Miño. Outra das actividades desenvolvidas foi a instalación de caixas-niño na Alameda da Guarda. O impulsor destas actividades no Centro da Sangriña foi Jesús -que vemos na fotografía- que foi profesor e director do mesmo e actualmente Alcalde do Rosal. Por certo que a palmeira que aparece na fotografía (o tronco), xa non existe dende o pasado ano. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam, 1988)