ENTOMOLOXÍA DO BAIXO MIÑO

 

Vespa crabro

 

-avespón-

 

Responsable Sección Entomolóxica: Agustín Ferreira Lorenzo

Equipo de Campo: Carlos Angíliza Entenza, Silvia Bautista Salgueiriño, Luis Dorado Senra; Agustín Ferreira Lorenzo, Antón Ferreira Lorenzo,  Noé Ferreira Rodríguez, Mª Consuelo González de Dios, Manuel A. Pombal Diego, Ricardo Portela Vilas, Fco. Javier Sánchez González e Ricardo da Silva Diz.

 

COLEÓPTEROS DÍPTEROS HEMÍPTEROS HIMENÓPTEROS ODONATOS LEPIDÓPTEROS (diurnos) LEPIDÓPTEROS (nocturnos) MANTOIDEA ORTÓPTEROS
EIRUGAS LARVAS INSECTOS              

 

         

Actualizada o 05-09-2014

 
         

 

Texto: Agustín Ferreira Lorenzo

Fotos: Manuel A. Pombal Diego

 

 
 

 

A FALSA INFORMACIÓN DUN MEDIO DE COMUNICACIÓN

CAUSA DA MORTE DUN NIÑO DE AVESPÓN AUTÓCTONO

 

 
 

         Pola mañá  do día 2 de setembro, recibimos unha chamada en ANABAM informándonos da presenza dun niño de avespa nunha zona comprendida entre Pedornes e Viladesuso (Oia). O paisano, coñecido por Misto e veciño da primeira das localidades citadas, púñase en comunicación con nós para que confirmáramos ou non se se trataba da avespa asiática e por se era do noso interese. Ata alí se desprazou un membro de ANABAM, tamén de Pedornes,  Manuel A. Pombal notificando que o que había alía era un niño de avespón autóctono, ou sexa Vespa crabro.

 

 

   

 
             
 

       Nese mesmo día, un medio informativo, Telemariñas, tamén recibía notificación da presenza do niño, realizando unha filmación do mesmo e, como ultimamente "vende" moito o das avespas asiáticas, divulga a "información" aludindo que "aparece un nuevo nido de avispas asiáticas en Viladesuso" e acompaña esa información cun vídeo. Estas falsas informacións, non contrastadas con xente que entende, provoca a inmediata reacción de algúns paisanos. En menos de 24 horas, os habitantes do niño son masacrados. Sabemos que á redacción dese medio de comunicación chegaron avisos no que lles INFORMABAN de que non eran avespas asiáticas. Pero iso, segundo vemos, non tiña moita importancia. O importante era dar a "noticia", aínda que fose doblemente falsa, e dicimos dobremente falsa porque nin era un novo niño, de selo, sería o primeiro, nin tan sequera era un niño de avespa asiática.

 

    Ao día seguinte, rectifican, a "desinformación" dada. Xa era tarde, o dano estaba feito. A rectificación é algo aplaudible, pero esta non foi acompañada COA RETIRADA DO VÍDEO nin da FALSA INFORMACIÓN. O vídeo segue colgado e, consecuentemente, confundindo ás persoas que o visualicen e non saiban como é a avespa asiática.

   

 
     

 

Titulares como os de diferentes medios de comunicación, crean unha psicosis que

fan a moitas persoas crer que todo o que voa son as famosas avespas asiáticas. Utilizar calificativos como "avespas asasinas" aumenta esas psicosis. Os resultados adoitan ser fulminantes para moitas das nosas avespas e mesmo outros insectos.

 

 
             
 

     Pensamos que os medios de comunicación xogan un grande papel na sociedade. Pero cousas como estas e titulares alarmistas sobre as avespas asiáticas, o único que fan é que, ao final, paguen xustos por pecadores, e iso é o que acontece con algunha da nosa fauna.

     Por iso, os medios de comunicación deberan ser máis comedidos, e do mesmo xeito que se dan unha crónica dun partido de fútbol e o balón vai por fóra, non din que é gol, tamén deben estar seguros que onde din avespa asiática non se trata en realidade, de outras avespas.

 

   

 
         

 

No interior do tronco, achábase o niño do avespón que foi

obxecto da aniquilación dos seus inquilinos.

 

 

 

         

Actualizada o 10-08-2014

 
         

 

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

 

 
 

 

POR PRIMEIRA VEZ RESCATAMOS UN NIÑO

DE AVESPÓN

 

 
 

         O avespón (Vespa crabro), é a avespa máis grande que temos na comarca do Baixo Miño, podendo chegar case aos catro centímetros no caso das raíñas, e de case que 3 cm no caso das obreras. Debido ao seu tamaño, hai a falsa crenza de que 1/ son moi perigosas pola súa picadura e 2/ son moi agresivas. Pois ben, ningunha das dúas son verdadeiras. Por empezar a súa picadura non é máis perigosa que a de calquera outra abespa e segundo os estudos, mesmo máis débil que a das abellas. Por outra banda, tal vez debido ao seu tamaño que impón respecto, non adoitan atacar tan facilmente como as avespas "normais" ou as abellas, agás que estemos moi próximos ao niño (xa que presuntamente seremos depredadores e tenden a defendelo) ou as incordiemos, os movementos cando estamos perto delas, non son aconsellables, xa que para elas é sinónimo de ataque. O que isto escribe estivo en varias ocasións a uns dous metros do niño e nunca recibiu un picotazo.

   

 

A

             
 

       Constrúen o niño, que é de grande tamaño, habitualmente nos ocos das árbores ou no interior de recintos, como galpóns, bodegas, etc.

 

     Este niño, de forma globosa, está formado por pasta de papel que fabrican elas mesmas, moi lixeiro e facilmente deteriorable se tratamos de sacalo. No seu interior, dispostas horizontalmente en varias capas, como se fosen pisos, están as celdas, de forma hexagonal e coa abertura cara abaixo. A entrada é pola parte inferior. No seu interior poden chegar a vivir máis de 500 avespas.

   

 
             
             
 

    A fotografía da dereita corresponde a un niño, aínda en fase de formación, situado no interior dunha casiña de madeira, na zona de Tabagón (O Rosal). Os propietarios pensaban que se trataba dun niño de avespa asiática. Debido ao temor, o niño foi esnaquizado durante a noite.

 

     As demais fotografías corresponden a outro niño, neste caso xa dun tamaño considerable que se atoapaba en Figueiró e que membros do GT (Grupo de Traballo) de ANABAM foron a retirar (venres, 8 de agosto 2014) para trasladalo a outro lugar onde as avespas puideran seguir coa súa actividade.

   

 
             
             
 

     A premura en sacar ao niño da súa ubicación orixinal e a falta de experiencia nestas lides, era a primeira vez que o faciamos, fixo que a acción a realizásemos en pleno día, polo que puidemos ver bastantes fallos e algunhas negativas consecuencias para as avespas, polo que teremos que trazar un protocolo de actuación por si se deran novas situacións.

   

 
             
             
 

     Os membros de ANABAM que participaron no rescate do niño foro Agustín Ferreira; Silvia Salgueiriño; Ricardo da Silva, Manuel A. Pombal e Javier Sánchez. Houbo que deterse nunha farmacia para mercar un antihistamínico logo de que dúas das avespas picaran a Manuel. Na fotografía, Javier facendo de enfermeiro tratando de mitigar os efectos da picadura diante da atenta mirada dos outros dous membros do grupo que participou nesta primeira experiencia.

   

 
             

 

      Actualizado o 10-09-2011  
 

 

 

    Á esquerda mapa de localización das tres zonas onde tiñamos citas de Vespa crabro no Baixo Miño.

 

    Foto superior: A primeira vez que observamos esta avespa foi no ano 2005, nuns carballos centenarios existentes en Tebra, onde convivían cunha poboación de vacalouras. Nese ano, alguén lle prendeu lume onde estaban estes insectos acabando con eles e tamén coas vacalouras e, mesmo, a piques estivo de danar ao propio carballo. Dende aquela, tódalas visitas que efectuamos a eses carballos, un mínimo dunha por ano, deu coma resultado a práctica inexistencia de vacalouras, onde chegamos a contar varias ducias antes da agresión, e, por suposto, a desaparición dos avespóns.

 

Foto central: Localización do segundo dos avispeiros rexistrados por ANABAM. Neste ano 2011, no pasado mes de agosto, o socio Ricardo da Silva observaba un panal destes avespóns no oco dunha das sobreiras existentes na Armida de Santa magdalena, nas Eiras, O Rosal. Días despois, o mesmo que sucedera en Tebra pasou aquí, alguén prendeulle lume e acabou co avispeiro.

 

Foto terceira: O terceiro dos avispeiros estaba situado no oco dunha das árbores que hai a carón da Aula da Natureza "Muíño das Aceñas", un Pseudoplátanus. Foi visto cos avespóns na última semana deste mes de agosto pasado, pero o venres decatámonos que, para non variar, novamente o lume foi a causa da destrucción e morte dos avespóns.

 

   Así que, estes insectos téñeno moi difícil no caso de ser descubertos polos humanos. O destino final é a total destrucción e eliminación dos mesmos, converténdonos nunha especie agresora e peor que os propios avespóns.

 
         
 

 

      Fotografía dunha das avespas, obtida polo noso fotógrafo, Luis Dorado nos carballos de Tebra, no ano 2005. Estes avespóns teñen un tamaño duns tres centímetros, son impresionantes e é unha marabilla velos traballar. Se non se incordian resulta moi difícil que traten de picarnos. Nós estivemos a carón deles gozando da súa observación.

 
     
     
         
 

 

     Panal de Vespa crabro nunha das sobreiras da Ermida Santa Magdalena, nas Eiras, O Rosal. Fotografía obtida polo membro de ANABAM Ricardo da Silva.