ATLAS DA BIODIVERSIDADE E MEDIO AMBIENTE DO BAIXO MIÑO

CADRÍCULA 09-37

 

SEIXAL (A Guarda)

 

IR A MAPA              

 

         

Actualizada o 15-11-2015

 
           

Texto e foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 

 
 

 

       ANABAM presentou un escrito no Concello da Guarda, dirixido ao Alcalde e aos Concelleiros de Medio Ambiente e Patrimonio, para que leven a cabo cantas xestións sexa preciso co fin de conseguir que o SEIXAL sexa declarado EXPAZO NATURAL DE INTERESE LOCAL (ENIL).

 

    Consideramos que xa é hora de que a administración faga esforzos para preservar este enclave natural de depósito de seixos, por iso, apelamos a que se consiga esta figura de protección para garantir e poñer en valor o mesmo.

   

 
             

 

         

Actualizada o 10-8-2014

 
           

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 

 
 

 

       O SEIXAL, localízase na costa sur da Guarda, entre a desembocadura do Miño e o porto da citada localidade.

 

      Forma parte do patrimonio natural da comarca e, particularmente, da Guarda. Ten unha lonxitude aproximada de 2 quilómetros e un espesor, nalgúns puntos, que sobrepasa os 2 metros de profundidade. Parte del atópase soterrado baixo as terras de cultivo (actualmente abandonadas) outra parte, visible, atópase entre a zona supralitoral e intermareal superior. Unha parte do Seixal foi soterrado por orde do que fora alcalde da Guarda, Manuel Díaz González, "Ligero", na década dos oitenta cando quería, de xeito ilegal, comunicar a través dunha futura estrada o porto guardés coa praia do Puntal, na desembocadura do Miño, proxecto que foi paralizado grazas ás denuncias realizadas por ANABAM diante do organismo competente, o Servizo Provincial de Costas.

   

 
 

 

     A FÁBRICA: así se califica ao SEIXAL, pois os antigos habitantess do poboado castrexo do Trega, desprazábanse ladeira abaixo ata chegar a esta zona. Cos seixos (cantos rodados) fabricaban diferentes utensilios que utilizaban para desenvolver moitos dos seus labores cotiás. Non resulta raro atopar, aínda hoxe, restos de seixos que foron traballados por eses antigos poboadores.

 

   

 
             
 

 

PRESERVAR ESTE PATRIMONIO

 

     Outra das grandes ideas que estiveron a piques de estragar este enclave, e por suposto co mesmo artífice anteriormente citado, o alcalde guardés ·"Ligero", sucedeu, tamén, nos anos oitenta cando por 5.000 pesetas (menos de 30 euros) cedía a unha empresa a extracción de seixos. Un membro de ANABAM, Antón Ferreira, tendo coñecemento deste feito, presentou un escrito no concello ofrecendo a cantidade de 5001 peseta para que os seixos quedaran no lugar que estaban. Felizmente, non fixo falla que o membro de ANABAM gastase eses cartos e os seixos quedaron na zona.

 

   

      Pero os males non acabaron aí. Continuaron as agresións contra o SEIXAL, así, clandestinamente, foron levadas toneladas de seixos, unhas veces con fins de adorno, outras para construción, etc. Lembramos como hai uns anos sufrimos unha agresión física por parte dunha persoa que, xunto con algúns membros da súa familia e amigos, enchían sacos con seixos para trasladalos a unha determinada zona do norte de España xa que a nai desta persoa, que tamén se atopaba na zona, a cal tiña por afección dedicarse a algo relacionado coas "enerxías positivas", "necesitaba" estas pedras para levar a cabo as súas prácticas. Aseguraban que, despois da súa utilización, as devolverían novamente a este lugar. Ante a agresión, vímonos na obriga de ter que chamar á Garda Civil. A cousa non pasou de aí. Os seixos foron levados pero que nos saibamos, nunca viñeron de volta. Aínda que en cantidades moito máis pequenas, a merma de seixos continuou durante varios anos. Hoxendía esta práctica está case que erradicada grazas á que os coches non teñen acceso ata o Seixal, pero, aínda que en cantidades ínfimas, algunhas persoas continúan, de cando en vez, levando algún que outro material, o que se traduce, ao cabo do ano, en varios centos de pezas que, paulatinamente, van mermando este patrimonio natural que debera ser protexido.