PATRIMONIO ETNOGRAFICO, ARQUEOLÓXICO, CULTURAL...

 

AS SALINAS PRERROMANAS DA GUARDA

 

PATRIMONIO

MUÍÑOS DE VENTO

A CAMBOA (OIA)

SALINAS SEIXAL

SALINAS PRERROMANAS

(A GUARDA)

CASTELO DE SANTA CRUZ (A GUARDA)

PESQUEIRAS

 

RUTA DAS

CETARIAS

MARCAS MARIÑEIRAS

UTEIS MARIÑEIROS

 

 

 

 

 

 

 

IR Á PORTADA

 

 

      Actualizada o 03-02-2016  
 

MÁIS DE 30 PÍAS SALINEIRAS

REXISTRADAS ATA O DE AGORA NA VILA GUARDESA

 

 

Testo e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

 
         
 

 

 

Agustín Ferreira recollendo datos da ubicación das salinas prerromanas da Guarda.

    

 
 

 

 

 

 
 

 

     Unha das salinas prerromanas formando parte da delimitación dunha finca privada na Guarda. Sobre ela un GPS utilizado para xeorreferenciar e rexistrar cada pía salineira.

 

     

 
 

 

 

 

 

 

      Actualizada o 29-10-2015  
 

POR QUE AS PÍAS SALINEIRAS

NON FORON CONSTRUÍDAS NOS ROCHEDOS DO MAR?

 

 

Testo e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

 
         
 

Nestas pequenas pozas mariñas pode producirse sal na actualidade. hai 2000 anos era imposible porque toda esta área rochosa estaba probablemente cuberta de sedimentos, nalgúns casos con máis dun metro de espesor.

 

     Dende que empezamos a preocuparnos e ocuparnos das salinas prerromanas da Guarda, chamounos poderosamente a atención a ubicación das mesmas.

 

      Como sabemos, na vila guardesa atopamos dous tipos de salinas prerromanas, (poden ser dos séculos II e I a.C. ou quen sabe se mesmo de antes): unhas escavadas sobre rochedos fixos ("rochas nai") e outras sobre rochas exentas, movibles. Ámbalas dúas teñen a mesma tipoloxía: un lixeiro reborde dunha altura que debería andar polos cinco centímetros como mínimo, hoxe bastante menos debido á erosión producida ao longo de centos de anos, e forma variable, dende máis ou menos cadradas a máis ou menos circulares. A superficie tamén é variable, hainas bastante pequenas, de poucos centímetros, ata máis dun metro de diámetro.

 

      As pías salineiras esculpidas nas rochas fixas atópanse a máis de 100 metros da líña de marea, na mentres que as esculpidas nas rochas movibles están a distancias variables: unhas nos mesmos lugares que as fixas e outras no borde superior da supralitoral.

 

     Esculpir unhas e outras tivo que supoñer certo esforzo para os antigos poboadores deste espazo. Estabamos na Idade do Ferro e é moi probable que as ferramentas utilizadas para traballar a pedra fosen deficientes en canto á calidade das mesmas.

 
 

 

 

 

 
 

Poza mariña da que obtivemos uns 250 gramos de sal o 23 de

xullo deste ano 2015.

 

     En consecuencia, polo dito anteriormente, facémonos unha pregunta: que necesidade habería de traballar esas rochas se toda a costa está percorrida por unha liña de rochedos con morfoloxías axeitadas tanto para producir sal (ao igual que nas pías), pois hai innumerables pozas de tódolos tamaños, como para esculpir neles as cabidades necesarias?

 

      Nos mesmos, no mes de xullo deste pasado verán do 2015, recollemos nunha poza preto da zona de Sollás, uns 250 gramos de sal.

 

     Podería pesarse que dado que o mar está preto, coa subida da marea as pozas marinas se encherían de auga de mar e daríase ao traste coa posibilidade de obtención de sal. Sen embargo, esta explicación podería servir para as pozas que están moi abaixo, na intermareal media o inferior, pero non para as pozas que están na intermareal superior e, moito menos, para as que se atopen na supralitoral. Poderiamos mesmo pensar que cando hai temporais e coincide coas mareal altas, o mar chega e mesmo sobrepasa a supralitoral. Non obstante, no verán non temos temporais e as temperaturas son relativamente altas, sobre todo nos meses de xullo e agosto, polo que as condicións meteorolóxicas e mariñas son aceptables, boas para esta finalidade. Sen embargo e como sinalamos máis arriba, tanto as pías salineiras fixas como un bo número das movibles, non están ubicadas, precisamente, nos rochedos e si, afastadas deles.

 
 

 

 

 

 
 

 

Sal na poza mariña anterior

 

      Así que, logo de consultar todo o que tiñamos a man en relación ás pías salineiras e non atopar nada que nos indicase estas razóns, tratamos de buscar unha explicación, para nós lóxica que, dado que non somos especialistas, é posible que calquera poda rebatir. A explicación, chamémoslle hipótese, que se nos ocorre é a seguinte: hai uns 2000 anos o nivel do mar sería algo máis baixo que o actual, tal vez dous, tres.. metros inferior, de tal xeito que a liña de marea poderiamos situala  a partir dos 50 metros mar adentro da que hoxe vemos. Toda a franxa litoral, como podemos observar coa marea baixa, áchase percorrida por un cordón de rochas graníticas e xisto que o mar deixa ao descuberto durante a baixamar, para quedar novamente cuberto, case que na súa totalidade, na preamar. Iso  non ocorría hai dous milenios. O mar non chegaba ata eles. Pero si isto fose así, os habitantes de entón terían, con máis razón, rochedos dabondo para construír as pías salineiras ou para aproveitar os ocos que hai nelas. Así que como isto non sucedeu, ten que haber outra explicación. Esta pasa por considerar que toda a liña da intermareal actual, ata algúns metros máis abaixo dela, terían que estar totalmente cubertos de sedimentos: terra procedente das partes altas e, a medida que descendemos cara ao mar quedarían substituidos por area, limos e rochedos espidos xa a carón deste.

 
 

Estes sedimentos rebasaban o metro de altura, superando en moitos puntos os tres ou catro metros. Para darnos unha idea, podería ser algo semellante ao que atopamos hoxe entre a senda litoral e a estrada a Camposancos. O mar estaba algo alonxado, como dixemos uns 60 a 100 metros, e a falla de rochas era manifesto, pois as que había, tiñan sobre elas terra dabondo. Non obstante, algunha que outra rocha solta, exenta, axeitada para esculpir nela unha pía, aínda podía atoparse, ben na superficie ou ben sobresaíndo da terra ou da area, era cuestión de movela e situala onde viñera ben aos seus usuarios para, a continuación, facer a pía. Estas poderían ser as rochas que atopamos hoxe na liña de marea, na supralitoral, e outras moitas que seguramente xa desapareceron polo efecto das ondas e da erosión, ou mesmo utilizadas para outros usos, quen sabe se algunhas delas, mesmo non serían utilizadas no empedrado das salinas romanas que percorren o litoral guardés.

        Estas pías salineiras producían pouca sal, a suficiente para cubrir as necesidades dos antigos poboadores. Sen embargo, non se pode descartar que no caso de haber algún excedente, o sal sobrante se trocase por obxectos ou alimentos que o poboado precisara. Algo parecido ao que sucede actualmente cos produtos do campo que cultivan os paisanos da bisbarra.  Non podemos esquecer que o sal era unha necesidade e tiña grande importancia e interese. Un condimento moi apreciado e un produto necesario para conservar algúns alimentos, como carne e peixe. Esta bisbarra carecía de sal e, ao igual que no resto do NW peninsular, as minas de sal brilaban pola súa ausencia. O único xeito de conseguilo era obtelo directamente do mar.

 

 
 

 

Vista aérea da localización de algunhas das pías fixas, nos círculos vermellos.

(Foto extraída do SIXPAC)

 

 
 

 

 

 

 

 

      Actualizada o 12-10-2015  
 

ESCRITO PRESENTADO NO CONCELLO DA GUARDA

 

 

 

 
         
 

 

 

     Presentamos no rexistro do concello guardés escrito en relación coas salinas prerromanas de Camposancos para que, xunto coa Entidade Local desta parroquia, se leveN a cabo traballos de desbroce que podan deixar ao descuberto as salinas existentes no piñeiral da praia da mencionada parroquia. Isto facilitaría moitísimo o traballo de ANABAM en canto á recollidade dos datos que pretendemos facer co fin de ter un inventario das devanditas salinas, xa que actualmente se descoñece o número das que hai.

 
         

 

      Actualizada o 15-09-2015  
 

ANABAM SEGUE PREOCUPADA POLAS

PÍAS SALINEIRAS DE CAMPOSANCOS

 

 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 

 
 

 

      No mes de xullo do ano 2014, e por primeira vez, levouse a cabo unha intervención na zona das salinas prerromanas existentes en Camposancos, da que demos conta nesta mesma sección (véxase máis abaixo) e que consistiu na limpeza e sinalización de tres salinas: dúas no piñeiral da praia de Camposancos e unha no Puntal, tamén a carón da praia de Camposancos. Foi, ata agora, todo o que se fixo e que non deixa de ser testemuñal.   

 

     Sen embargo, quedaron atrás o resto das salinas que seguen en pésimas condicións: cubertas de acículas de piñeiro ("fruma" chámase na Guarda), musgo, matorral...    

 

     Cando se produce unha intervención no monte no que se atopan, a maquinaria pasa por riba delas puidendo quedar estragadas en calquera momento.

     

 
         
 

 

 

     En ANABAM, preocupados no só polo medio natural, senón polo patrimonio arqueolóxico e cultural directamente relacionado coa natureza, caso das salinas, imos relanzar unha campaña para que estes elementos patrimonios non volvan quedar esquecidos. Neste senso, nos vindeiros días imos contactar coa Consellería de Cultura e co Concello da Guarda, logo de manter xa unha primeira entrevista co Presidente da Entidade Local Menor de Camposancos. O obxecto e desenvolver varias medidas entre as que contemplamos: ampliar a limpeza ás restantes que aínda permanecen cubertas pola vexetación; modificar un sendeiro que pasa por riba dunha delas,  delimitala do mesmo xeito que as dúas que xa hai;  colocación de paneis informativos e sinalización.

 
         
 

 

      Algunhas das pías salineiras están feitas en lousas, mentres que outras se atopan en pedras exentas. Algunhas destas pedras foron utilizadas como delimitación das fincas anexas, como se pode apreciar nas imaxes da esquerda e inferior, posiblemente cando se fixo a estrada-camiño que pasa polo seu carón. Probablemente coa construción do acceso ao xeriátrico, outras pías puideron ser destruídas, pois, lamentablemente, non hai ningunha protección nin inventario das mesmas.

 
         
 

 

      Dende ANABAM iniciamos xa a recollida de datos: medicións, localización con GPS, estado, etc. que intentaremos rematar antes de finalizar este ano 2015, pretendemos con isto facer un rexistro e inventario deste patrimonio guardés do que neste momento carecemos.

 
         

 

      Actualizada o 30-1-2014  
 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 
 

      

 

 

 
     
 

 

      No pasado mes de xullo, e grazas a unha subvención outorgada ao concello da Guarda de fondos provintes da Rede Natura, o ente guardés tomou en consideración un pequeno grupo de salinas da zona de Camposancos para efectuar labores de "posta en valor" das mesmas consistentes na limpeza das pías, valado e colocación de pequenos paneis informativos, así como a habilitación dun pequeno sendeiro polo que se puidera acceder doadamente ás mesmas. Deste xeito, a campaña iniciada por ANABAM para tratar de conservar estes elementos do patrimonio etnográfico local, que dende sempre pasaron desapercibidos pola maior parte da poboación local e, mesmo, abandoados a súa sorte, hoxe comezan a terse en conta e a ser coñecidos.

 

 

 
         
 

 

 

 

 

     
 

 

     Estas salinas son de pequeno tamaño e, polo tanto, seguramente foron empregadas para a obtención de sal destinado ao uso particular. Dada a súa ubicación, ANABAM as inclúe dentro da Ruta Ornitolóxica do Esteiro do Miño, ao igual que algunha das estructuras dos vellos muíños de vento e das pesqueiras que podemos ver na mesma.

 
         
 

 

 

      Non só na marxe galega da desembocadura do Miño atopamos este tipo de salinas, tamén na beira portuguesa podemos velas como a que aparece na fotografía da esquerda obtida a carón da praia de Moledo. (Foto Noé Ferreira R.-anabam)  
         
 

 

    Un dos paneis informativos que se atopan nas salinas recuperadas.

 

 

      Actualizada o 14-09-2013  
     

 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 
 

 

         Logo da campaña de ANABAM en relación coa protección, conservación e posta en valor das salinas que temos tanto na costa como ao carón do piñeiral da praia de Camposancos, por primeira vez estes elementos do patrimonio etnográfico local guardés son obxecto de atención por parte do Concello da Guarda.

 

    O concello guardés incluíu estes elementos patrimoniais no proxecto que vai ser subvencionado con fondos provintes da Rede Natura. No mes de xuño se iniciaron os traballos de valado dalgunhas das "pías" e proximamente van ser colocados sendos paneis informativos das mesmas.

 
         
 

 

 

      A empresa Estela Loxística e Proxectos é a encargada de realizar os labores de protección así como da redacción e colocación dos panéis interpretativos.

 

     Con estes novos elementos, esta ampla área vése incrementada nos seus valores etnográficos-culturais que, unidos aos valores ecolóxicos, constitúen unha excepcional aula aberta ambiental para desenvolver actividades de divulgación, ofrecendo así, unha nova e ampla posibilidade a cantas persoas se interesen por visitar este excepcional e valioso enclave natural.

 
 

 

 
 

 

 

      Precisamente ANABAM incluirá, a partir de agora, estas estructuras nas visitas guiadas que organiza a esta paraxe, pois dende esta asociación consideramos de interese que se coñezan estes elementos, única forma de que se lles preste a debida atención e se valores.

 
         
 

 

 

      Aínda que non tódalas salinas están dotadas de valado, en realidade son unha mínima parte das existente na zona de Camposancos, consideramos este primeiro paso como moi positivo, mais non pode quedar aí e seguiremos apostando porque as demais sigan polo mesmo camiño.

 

    Dentro desta protección non habería que deixar de lado outros elementos como son as pesqueiras e os muíños de vento.

 
         

 

      Actualizada o 20-05-2013  
     

 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 
 

 

        Continuamos prestándolle atención ao noso patrimonio etnográfico relacionado coa natureza.

 

    Hoxe traemos aquí unha salina que se atopa preto do Seixal, moi similar á que podemos ver na zona do Puntal, a carón da senda peonil, véxase a foto 6 da actualización do 21-6-2012.

 

    Esta salina, como ben se aprecia na fotografía, non se acha disposta no seu estado orixinal, pois, como se aprecia, está ladeada. polo que a auga non pode quedar retida.

 

  

 
         
 

     A continuación vai un pequeno artigo publicado o 3/7/2010  en http://infogauda.blogspot.com.es/search?q=SALINAS


     No litoral guardés, e máis concretamente no correspondente á Camposancos, temos observado varias mostras de salinas pétreas. Seu formato é variado, aínda que súa tipoloxía é bastante semellante en todas elas. Así, segundo os exemplares que vimos observando desde fai varios anos, as salinas están realizadas sobre pedras de moi variado tamaño. Temos ollado salinas practicadas sobre pedras exentas, de apenas uns 50 quilos e outras que poden acadar máis de 500. Nas que coñecemos, os autores anónimos destes útiles empregados para a obtención de sal mariña, practicaban un rebaixe sobor dunha superficie máis ou menos chá, deixando un borde perimetral para que a auga salgada non saira dese espazo. 
O proceso de obtención da sal, era ben doado, a rochas onde se practicara a salina, están expostas o sol e o vento. Dese xeito, abondaba con verquer auga do mar nelas e a mornura que acadara a pedra, xunto coa acción da brisa mareira, daba lugar a evaporación do líquido elemento, quedando finalmente a sal, que era un producto moi valorado.
A día de hoxe, que nós saibamos, ninguén da contorna emprega esas industrias primitivas para o obtención da sal. Dese xeito, os exemplares desas salinas están totalmente esmorecidas, sen catalogar, nin tampouco contan con paineis informativos que contribúan a posta en valor dese patrimonio arqueolóxico. Asemade, as de máis pequeno formato, están expostas a que os desaprensivos poidan "muda-las" de emprazamento.
Desde Infogauda, chamamos á atención sobor da necesidade de protexer ese patrimonio antes de que sexa demasiado tarde.

 

 
         

 

 

 

  Actualizada o 21-06-2012  
 

 

SALINAS DE CAMPOSANCOS

 

 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 

 
 

 

     

ESTA ASOCIACIÓN XA AS INCLÚE NOS SEUS ITINERARIOS GUIADOS POLA DESEMBOCADURA

DO MIÑO

 

      Cada vez, dende que ANABAM se fixera eco delas, hai máis xente interesada en coñecer e visitar as salinas de Camposancos, por iso, esta asociación ten previsto iniciar as xestións necesarias para levar a cabo unha limpeza das mesmas e sinalizalas, co obxecto de facilitar a aquelas persoas que se interesan por este elemento patrimonial, a súa localización, facilitando, deste xeito, a visita ás mesmas á vez que se poñen en valor.

 

    Aínda que as salinas aparecen distribuídas en diferentes puntos da costa guardesa, é en Camposanos, fronte á Residencia da Terceira Idade "Monte Santa Tecla" onde se atopa o conxunto máis representativo.

 

    Ata o de agora, estes elementos patrimoniais nunca foron tidos en conta, agás algunhas alusións por parte dun par de persoas que saben da súa importancia e interese. Estiveron, pois, esquecidas, sen que o pobo soubera delas e sen lle prestar o mínimo interese, ata tal punto que, pódese dicir, están a salvo por puro miragre, se ben algunha xa desapareceo ou foi trasladada de lugar, neste último caso as que están esculpidas en pedras ceibes, e as que se achan esculpidas na rocha nai, en máis dunha ocasión estiveron ameazadas por maquinaria que, nalgún caso, mesmo lle pasou por riba.

 
         

 

      Actualizada o 14-04-2012  
     

 

Texto e fotos:  Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

 
   

   Foto 1.-  Camposancos, parroquia de A Guarda, situada na marxe dereita da desembocadura do Miño, conta cun patrimonio etnográfico que debe ser tido en conta tanto por parte dos representantes políticos como pola poboación en xeral. Neste patrimonio están incluídos, entre outros, as pesqueiras que se atopan na praia de Camposancos e mesmo na Insua, illa portuguesa que está situada na mesma barra do río; os muíños de vento (muños dise aquí), dos que se conservan as estructuras de tres dos catro que había e, as salinas, as máis esquecidas por ser menos visibles e menos voluminosas e, tamén, certamente abandonadas ata agora.

 

     

 
         
   

     Foto 2.-  Aínda que en varios puntos da costa guardesa podemos ver salinas, en Camposancos aparecen ben localizadas un bo número delas, fundamentalmente no piñeiral situado a carón da praia da citada parroquia.

 

   Aseméllanse a pías, pero os bordes apenas levantan un par de centímetros. Están esculpidas nas rochas graníticas, ben en lousas ou ben en pedras "soltas".

 

   Algunhas salinas son individuais, é dicir, unha salina por rocha, pero nalgúns casos, na mesma rocha poden aparecer varias, como podemos ver na fotografía do lado.

 
         
   

      Foto 3.-  Lamentablemente, algunhas destas salinas atópanse cubertas por terra e vexetación, pasando desapercibidas e, polo tanto, con perigo de que sexan destruídas no caso de pasar maquinaria para desbrozar ou para limpar o matorral. Este mesmo perigo pode aumentar por descoñecemento da presenza destas "pías" na zona, polo que é imprescindible tomar medidas, non só para a súa protección e conservación, senón tamén, para a súa divulgación, partindo da premisa que soamente se pode protexer o que se coñece.

 
         
   

      Foto 4.-  Aínda que a forma predominate é circular, é de sinalar que o tamaño delas, en canto a anchura, é moi variado, atopando algunhas que poden ter case que un metro de diámetro ata outras bastante pequerrechas.

 
         
   

    Foto 5.-  Neste momento descoñecemos case todo en relación coas salinas da Guarda.

 

    Que nós saibamos, foron Antón Ferreira Lorenzo e Antonio Español Gil os primeiros que fixeron mención ás salinas da Guarda nun folleto editado pola Agrupación Cultural Guardesa no ano 1984, a propósito do enlousado que percorría o litoral dende Punta Barbela ata Punta Bazar, na que fan referencia á existencia de salinas: seis en Bazar; catro nas inmediacións da praia Area Grande e cinco na desembocadura do Miño. Hoxe, nesta última zona, xa temos bastantes máis catalogadas.

 
         
 

 

     Foto 6.-  Unha das salinas máis grandes, atópase no Puntal, practicamente ao lado da senda litoral. Atópase nunha rocha solta, Alguén xa esculpiu nela unha letra, deteriorando así o estado orixinal desta salina, non é máis que un "aviso" do que pode acontecer co resto das salinas que aínda quedan na zona.

 
         
 

 

     Foto 7.-  O autor deste artigo xunto a unha das salinas de Camposancos.

 

     As salinas espertaron profundo interese no seo de ANABAM, por un doble motivo: primeiro porque forman parte do patrimonio etnográfico guardés e, polo tanto, pensamos que é preciso dalo a coñecer para preservalo. En segundo lugar pola relación que teñen cun aproveitamento racional dos recursos naturais e, conseguintemente, existe unha relación directa co entorno natural.

 

   Dende esta asociación, pois, iniciamos unha campaña que pretende conseguir que uns e outros prestemos especial atención ás salinas, non só de Camposancos, senón das existentes no municipio guardés.

 

 
         
 

 

      Foto 8.-  A carón da Residencia "Monte Tecla", na área sinalada co círculo, atópase unha boa representación de salinas esculpidas en varias laxes repartidas por unha ampla superficie. A construción da estrada levou por diante tamén varias delas, de aí a necesidade de prestar atención a este patrimonio etnográfico guardés. (Foto SISPAC)