DIVULGACIÓN

 

 

IR Á PORTADA

 

Actualizada o 12/07/2017

 

Texto: Ricardo da Silva Diz-anabam

 

 

PRESENTACIÓN DA OBRA ESCULTÓRICA  “O CARBALLO VERDE DE VILAR”

 

O pasado día 27 de Maio o concello de Tomiño,  dentro das actividades programadas na “Semana da Árbore”,   fixo a  presentación oficial da obra escultórica  realizada pola artista internacional Liliya Pobornikova. (http://www.pobornikova.com/Site/HOME.html)

 

 O título da obra é “O Carballo Verde de Vilar”

 

 

 

          Imaxe: Luís Dorado Senra

 

 

     O lugar escollido para situar a escultura é a Rúa Daniel Calzado, nun espazo axardinado ao aire libre. Esta situación facilita poder contemplar a obra en calquera momento do día ou da noite.

     Esta influencia da luz reflectida na escultura daranos unha  visión diferente dela dependo do horario en que a contemplemos, así, non se verán os seus contornos, as sombras que o enmarquen, de igual xeito pola mañá, que o atardecer ou a noite.

     O “Carballo Verde de Vilar” non era tal, senón unha sobreira ( Quercus suber ) que seguramente por manter as follas verdes durante todo o ano recibiu o nome de ‘verde’ dos veciños da zona. Xa o feito de terlle personalizado coa imposición dun nome propio indicaba que era esta unha árbore que tiña algo en si que a facía diferente ás outras.

     A sobreira caeu hai uns anos debido ao deterioro que tiña na base do tronco a consecuencia da realización de sucesivas fogueiras para queimar restos ao seu carón. Unha sobreira tan fermosa, tan coñecida pola zona, con tantos anos non podía rematar sendo simple leña.

     Así o entenderon  os responsables do equipo de goberno do Concello de Tomiño que tomaron a decisión de realizar con ela o que hoxe xa é unha obra de arte.

    Para saber algo máis da escultura, non hai mellor forma que falar coa autora da obra, quen nos aproximou a súa forma de entender o que significaba para ela está peza de madeira que noutrora foi unha árbore viva e tal vez a árbore máis vella do concello de Tomiño e quizás mesmo do Baixo-Miño.

 

  Descorchando o tronco                                                               (Imaxe cedida por Liliya)

 

 

Obra terminada no lugar de execución do traballo, antes de ser trasladada o lugar definitivo.                                                   

  ( Imaxe cedida por Liliya )

                                    

 

     Liliya recíbenos no seu taller, situado en Tomiño:

 

     Cando me chamaron dixéronme que lles gustara este proxecto, que estaba aprobado. Eu presentara catro, e este foi o que mais lles gustou.

    A idea deste proxecto era respectar a forma da árbore, usar esas protuberancias que ten para facer un pouco como a vista das montañas.

     Quitei moitas fotos da árbore cando estaba coa cortiza. Pensei que non podía facer algo distinto á forma que xa tiña. Non podía cambiar a forma da árbore de todo, por que xa era fermoso. Xa así como estaba coa cortiza era fermoso. Pero sabemos que non podía estar coa cortiza por que o ían comer os bechos.

     Entón estaba pensando en varias ideas, todas elas levábanme ao relevo que hai ao redor das pólas.. Unha era máis auga con río, outra parecíase mais a unha ola do mar...

     Esta obra quere propoñer a idea das montañas, camiños, ríos e todo o que cruza estas montañas.

    Está representación a teño tamén reflectida noutras obras, pero nunca nunha árbore así de fermosa. Teño a idea de traballar co contraste entre o que é natural e o que constrúe a xente. Como se mestura a arquitectura e a natureza. As veces hai mesturas moi fermosas.

 

     Despois usei unha pouca de cor mesturando pintura e aceite para lograr certa transparencia, o aceite protexe tamén moi ben a madeira e a pintura dos raios do sol.

     Utilicei unha cor máis clara que a madeira porque a madeira tende a escurecer co tempo. Se agora a deixase cunha cor un pouco máis escura nuns meses íase poñer negra, collería unha tonalidade moi triste.

     A madeira tamén tiña moitos sitios que eran de tonalidade moi escura ou negra. Outras partes en cambio eran case brancas. Cando a miras  dende lonxe xa non podías apreciar os relevos que ten a madeira. So mirabas unhas cores que te despistaban moito.

     Tamén lle quixen dar unha capa un pouco transparente para que se aprecie que hai madeira debaixo, non só pintura.

     Igualar un pouco as imperfeccións das cores. 

 

    Cando miras a escultura míranse como formas, algunhas como de animais ¿xa as tiña ou as traballaches ti algo?

 

     Non, non fixen nada de animais. Pero coa luz, en cada hora do día é distinto o que pode observarse. Cando estaba traballando, miraba arriba e hai unha cabeza de vaca, detrás un lagarto.... Estas son cousas que xa estaban. Eu so limpei un pouco eses sitios pero non os toquei porque xusto iso é o que é fermoso preservar. A árbore merecíase moito.

 

     Cando quitei a cortiza coa axuda dos xardineiros, era como unha goma que tirabas e estaba elástica. Non estaba seca. Ao final, cando terminei de retirar a cortiza, os anacos xa non pesaban moito pero antes si.Tiña que pesar moito.

     En xaneiro, cando viñeron os nenos das escolas de Tomiño levaban de recordo cortiza, para cada un era un tesouro. Logo falei con algunha das nais e me dicían: Veo meu fillo cun anaco de cortiza e me dixo ¡que non se te ocorra nin tocalo!. Así que hai tesouros polas casas de Tomiño.

 

     ¿Canto tempo te levou preparar a escultura?

 

     Empecei en xaneiro e rematei en maio. Sumando o traballo en días, algo máis dun mes. Porque, parece que non, pero é moita árbore.

 

     Para levantar a escultura empregáronse dous camións. A escultura pesa algo mais de sete toneladas.

 

    Nada mais nos queda que agradecer a Liliya a súa amabilidade na realización desta entrevista, esperando que a tradución ao galego e a interpretación feita nalgunhas das frases empregadas sexa fiel á intención que pretendía expresar. Felicitamos a Liliya e ao Concello de Tomiño pola obra realizada. Moitas grazas.

 

 

Imaxe: Luís Dorado Senra

 

 

 

   Para saber máis desta árbore premer no seguinte enlace: Carballo Verde (Vilar, Tomiño)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Actualizada o 15-06-2017

 

 

 

por Mª Consuelo González de Dios

UNHA PAISAXE EN 12 MESES

 

San Miguel de Tabagón, fronte á illa Morraceira das Varandas

OBXECTIVO

 

O obxectivo do proxecto era poder apreciar o cambio na paisaxe ao longo do ano, coa intervención humana que nel houbera, do que moitas veces non somos conscientes.

 

O punto escollido para realizar a foto foi en San Miguel de Tabagón fronte á illa Morraceira das Varandas.

 

Mantivemos un punto fixo, horario fixo e o mesmo xeito de facer a foto, e nun día indeterminado do mes, alleos ao tempo que podía facer ou a luz. Mantivemos estes parámetros para o estudio da paisaxe sen adornos.

 

CONCLUSIÓNS

 

Na mostra fotográfica que conseguimos apreciamos:

·         A variabilidade do tempo, manifestado sobre todo no ceo e na luz.

·         A baixada e subida das mareas, na regueira do río, chea ou pouco chea.

·         O cambio das estacións no amieiro protagonista do primeiro plano das fotos, e nas flores que nacen na beira.

                  As mais rechamantes, comprobamos que solo se dan nun par de meses.

·         O uso da regueira do río navegable para pequenas embarcacións.

·         O movemento das vacas que pacen na illa, pola que nós a nomeamos “Illa das vacas”

·         O vento mostrado na superficie rizada da auga, ou a calma reflectida na súa transparencia.

·         Ecoloxistas, fotógrafo e turistas, aínda que é un espacio pouco transitado.

·         Non se aprecia a simple vista a intervención negativa do home, aínda que hai pegadas humanas non desexables (lixo)

 

Isto é solo o que as fotos manifestan e que a nós nos axudou a coñecer mais esta paisaxe.

 

Falta o que as fotos non recollen, o paso dos alavancos reais, garzas, corvos mariños, andoriñas, paporrubios... o silencio ou as afastadas voces do campo de fútbol, ou os pasos dos camiñantes pola rota fluvial, pero isto xa é outra historia. Vir e ver para coñecer.

 

Premer na foto para ir ao vídeo

   

 

 

 

 

 

 

 Por Ricardo da Silva Diz

UNHA PAISAXE EN 12 MESES

 

paso do río miño por baldráns, no concello de tui

 

OBXECTIVO

 

O obxectivo era reflectir os cambios que se producen nunha paisaxe mes a mes.

Persoalmente preferín evitaros cambios bruscos producidos polas condicións climáticas: como as riadas, tormentas, chuvia, temporais etc.

O que non se puido evitar de todos modos foi a cantidade de auga que levaba o Río nos primeiros meses do ano debido as crecidas.

Para ter certa homoxeneidade todas as fotografías foron feitas en días de sol e nas horas do mediodía.

O que non se tivo en conta foi o estado da marea  no momento de fotografar as paisaxes así algunhas están en marea alta e outras en marea  baixa, aínda que nalgúns meses do ano non se aprecia esta circunstancia pola cantidade de auga que levaba o río.

O punto escollido para realizar a reportaxe e nun tramo do río Miño o seu paso pola parroquia de Baldráns no concello de Tui. Un lugar tamén utilizado polos pescadores e visitado por excursionistas que circulan pola senda que pasa o carón deste punto, que tamén é coñecido polos gravados de petróglifos nas súas pedras.

 

CONCLUSIÓNS

 

 

·        No mes de xaneiro non se puido evitar a crecida do río que días antes había estado desbordado do seu cauce.

Ata o mes de Marzo apreciarase un río con moita auga

 

·        As árbores espidas das súas follas irán tornando en verdor co paso das estacións completando o seu ciclo. Este será tamén un indicativo de que o río conserva a súa flora autóctona nas súas marxes.

·        Os cambios na superficie da auga debidos as correntes do río e o vento producen sinuosidades e rizados, deixando unha lamina na pleamar coa ausencia do vento.

 

·        O ser este punto utilizado polos pescadores apreciase algún cambio realizado polos mesmos: limpeza de matogueira, colocación de paus para acomodar as canas de pesca, pisado da zona.

·        Algunha vez apareceu algo de lixo, o estar o carón dunha senda propicia que sexa un lugar visitado principalmente pola paisaxe, polos restos arqueolóxicos (petróglifo) e pola pesca.

 

MATERIAL

 

O material utilizado para realizar as fotografías foi unicamente unha cámara Panasonic Lumix FZ72, as fotografías realizáronse a man sen trípode nin apoio ningún.

 

Premer na foto para ir ao vídeo