AULA ABERTA DO RÍO FURNIA (Tomiño)

 

Actualizado o 22-05-2010

 

       Hai uns días realizamos un percorrido pola Aula Aberta do Río Furnia, un sendeiro de pouco máis dun quilómetro e medio de lonxitude que discurre paralelo ao río, inmerso nun bosque de ribeira entre salgueiros, amieiros, carballos, loureiros e demais especies vexetais propias deste tipo de hábitats.

 

     Desprazándonos polo sendeiro non imos descubrir grandes cousas, pero sí sentiremos esa conxunción coa natureza cada vez máis escasa e darémonos conta que no Baixo Miño, aínda contamos con lugares axeitados onde para disfrutar do medio natural non se necesitan de grandes proxectos nin infraestructuras que o único que fan é terxiversar e modificar un entorno que se converte en pseudonatural. Non é este o caso. A Aula Aberta da Natureza do Río Furnia  está pensada para ver o entorno próximo tal e cal é, camiñando pola terra e tendo ao noso carón o río e a flora e oíndo e mesmo vendo algunhas especies da fauna do lugar, sobre todo paxaros que cos seus cantos ou chamadas de alerta, estannos a dicir que estamos no seu territorio.

 

    Para visitar a Aula Aberta da Natureza do Río Furnia, non convén ir en grupo numeroso, un minúsculo grupo de dúas ou tres persoas como máximo é o aconsellable. Logo todo depende do interese e atención que desexemos poñer no transcurso do percorrido.

 

    Do paseo realizado por nós o domingo 9 de maio, a iso das 8 datarde, entresacamos o resumo que vén a continuación.

 

     Este é un proxecto do Concello de Tomiño. Concellalía de Medio Ambiente, e da Asociación de Veciños de Amorín, aos que dende estas páxinas felicitamos por esta idea de poñer en valor e facer chegar á poboación a natureza.

 

PERCORRIDO POLA AULA ABERTA:

 

     PUNTO DE PARTIDA: Podemos tomar como referencia o cemiterio de Amorín, onde está instalado un cartel indicativo. Se chegamos en coche, podemos deixar este ao carón do campo de fútbol, que está alí mesmo, para continuar a pe nun percorrido de 300 metros que nos leva ao comezo do traxecto da Aula Aberta.

 

O inicio do percorrido está sinalidado cun fito de madeira. Tomaremos, a partir de aquí o sendeiro que vai paralelo á marxe esquerda do río.

 

 

A poucos metros xa temos un panel que nos indica as características básicas do sendeiro, normas, lonxitude do trazado e duración aproximada do percorrido. Tamén aparecen teléfonos de interese.

    Nós dende aquí damos unha recomendación máis aos visitantes (que xa vai implícita nas normas que aparecen no cartel) e é a de non arrincar as plantas, algo moi dado nalgunhas persoas coa finalidade de levalas para casa para poñelas nun xarrón. na natureza todo ten unha función pero ademais, unha flor que arranquemos, estamos impedindo que outras persoas queden sen poder velas, así que por respecto á natureza e aos que poden vir detrás nosa, as plantas mellor, no seu hábitat.

 

 

      Ao longo do percorrido atoparémonos cunha ducia de fitos con pequenos carteis contendo información básica de diferentes plantas que hai na zona.

 

 

    O río Furnia é un dos ríos que se atopan no municipio de Tomiño. Lugar de desove da lamprea. Río estreito ao longo do cal atopamos as diferentes árbores que forman o bosque de ribeira ou "bosque galería", porque a cobertura arbórea asemella transformarse nunha galería verdexenta, sobre todo a partir da primavera.

 

 

  Na Aula Aberta repectouse o entorno natural. O sendeiro , sinxelo, non fixo falla acondicionalo de xeito agresivo, senón o que se fixo foi, principalmente, limpialo e arranxalo para permitir o desprazamento cómodo por el, sen pretender facelo destacar do medio.

 

 

     O tronco das árbores aparecen cubertas polas hedras, un microecosistema no que vive unha grande cantidade de invertebrados que forman parte da cadena trófica de moitas das especies que se atopan nesta Aula Aberta, principalmente aves.

   

   Varias especies de fentos, herbáceas e flores imos atopar ao longo do traxecto. Así que recomendamos unha cámara fotográfica para ir obtendo algunhas instantáneas do noso paseo.

 

Dúas das plantas con flores que podemos ver neste tempo na zona: o estralote (Digitalis purpurea) e a herba dos ptitos ( Aquilegia vulgaris)

 

     Dende ANABAM invitámovos a que fagades un percorrido pola Aula Aberta da natureza do Río Furnia.