CASA DE ANGELITO LOMBA E

CETÁREAS DE DON PEPE SOBRINO

 

Actualizado o 31-01-2009

 

Casa de Angelito Lomba (a mediados da década dos oitenta) dende unha das cetáreas. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam).

 

    A coñecida como Casa de Angelito Lomba, localízase na costa norte da Guarda, próxima á zona de Bazar. Este edificio, xa en estado ruinoso, érguese solitario nunha zona rodeada de fincas, hoxe sen uso, e de galpóns e vivendas  ilegais utilizadas no verán polos seus propietarios.

 

    O edificio carece de ventás e portas. Hai uns dez anos houbo un intento de reconstrucción do mesmo por parte dos seus actuais propietarios, que chegaron a facer obra no seu interior e a adecentar a grande finca que posúe polo oeste e sur da mesma, pero ese proxecto non se materializou e a vivenda volveu quedar nun estado precario.  Xustamente antes de facer os arranxos, no baixo da mesma podían verse os tanques dos antigos viveiros que había no seu interior.

 

    

 

(Foto: M. Ángel Pombal Diego-anabam)

 

 

 

Estado actual da vivenda, onde se aprecia o total abandono da mesma.  Nunha das fachadas, á que da ao norte, anúnciase a venda da mesma.  Dada a localización, na zona de dominio público, dificilmente haberá un comprador, pois este edificio está afectado pola Lei de Costas e non cremos que teña un futuro como espacio habitable e tampouco como negocio. Ademais necesitaría unha grande inversión para a súa reparación e, cando o temporal e a pleamar coinciden, a auga chega ata a mesma vivenda.  Sufre, por outra banda, os embates da salitre e do forte vento mariño que da de cheo no eedificio.

        (Foto: M.Ángel Pombal Diego-anabam)

 

 

(Foto: M. Ángel Pombal Diego-anabam)

 

      Fronte á casa de Angelito Lomba, atopamos as cetáreas denominadas de Don Pepe Sobrino, empresario e médico guardés. Na imaxe podemos ver unha delas. Estas cetáreas, que estiveron en uso ata a década dos sesenta, conservan en bastante bó estado as paredes exteriores, non así o interior nin a parte superior que cubría as mesmas. O Concello guardés ten en mente convertir algunha destas cetáreas en piscina, facendo os arranxos necesarios. Nós, dende ANABAM, cremos que algunhas das cetáreas que hai na Guarda deberían conservarse como tales rehabilitando as mesmas e dándolle o uso que tiñan no seu día, aínda que sexa de forma simbólica, pois cremos que estas construccións ubicadas no límite da zona intermareal, forman parte do patrimonio etnográfico local e, por suposto, da historia empresarial deste pobo mariñeiro. A partir dos anos setenta, as cetáreas guardesas empezaron a deixar de utilizarse, xa que non sempre se podía acceder ás mesmas, había que facelo coa marea baixa e, por suposto, que non houbese temporal. A partir da citada década, os viveiros de marisco -que era para o que se utilizaban as cetáreas- foron construídos no baixo das vivendas dos viveristas ou se construiron naves con ese fin.